Reflexionando con Gattaca

Boa tarde;

Levo uns días pensando en filmes, series ou documentais nos que a reflexión tecnolóxica tivese cabida. O certo é que son moitas os audiovisuais que tratan a temática, ben sexa como argumento primario, secundario ou transversal. Neste ir e vir de ideas, recordei e vin preciso reflectir aquí a trama e maila reflexión sobre Gattaca (1997) por dúas razóns principais:

A primeira delas polo argumento, xa que está ambientada nunha sociedade futura onde o porvir dos cidadáns ven marcado polo ADN e as posibles modificacións xenéticas que nacen cos adiantos tecnolóxicos. Neste contexto, o protagonista é concebido de xeito natural fronte a unha maioría cuxa información xenética foi seleccionada baixo un criterio estético e de competencias. Neste senso, Vincent nacerá con un problema cardiaco considerado pola sociedade  coma unha discapacidade e él un invalido condeado aos peores traballos. A partires de aquí, tócavos ver a peli. Déixovos de todos xeitos un aperitivo en forma de trailer ->

A segunda razón principal ten que ver cun visionado pola nosa parte da película en perspectiva. Quero dicir, observamos as dúbidas que se reflicten no filme sobre os adiantos tecnolóxicos existentes no ano 1997 e as hipótesis e previsións que se facían e que, hoxe en día, xa solventamos ou somos capaces de recoñecer os erros nas prediccións que se dan ao longo do filme.

Ditas razóns leváronme a facerme varias preguntas:

1- A tecnoloxía é boa ou mala por natureza?

2-Quen pon os límites no uso da tecnoloxía e ata que punto debemos chegar con ela?

3-E se as nosas previsións sobre o futuro da tecnoloxía educativa son erróneas como en Gattaca?

 

Respecto a primeira pregunta, penso que a tecnoloxía non é boa ou mala por natureza, senón o xeito de usala. Por exemplo, en Gattaca a selección xenética das características das persoas fai camiñar a sociedade cara un modelo de perfección cuxo resultado é a uniformización e a eliminación de toda diversidade, polo que neste caso a tecnoloxía sería altamente destructiva. Por outro lado, a selección xenética en patoloxías conxénitas, fai que persoas afectadas polas mesmas poidan ter fillos sen medo a que os seus descendentes as padezan, no que sería unha aplicación da tecnoloxía que mellora as condicións de vida das persoas.

En canto á segunda pregunta, e como xa reflectín en wire, houbo unha frase pronunciada pola profesora Adriana en clase que penso que é clave no desenvolvemento da materia e que o é tamén para respostar a esta pregunta. A frase di: "As tecnoloxías son poderosas cando se volven invisibles". Entón, quen pon os límites se a tecnoloxía é capaz en moitas ocasións de instalarse nas nosas vidas volvéndose invisible para nós? Establecer uns límites e saber que liñas vermellas non sobrepasar ten que saír de nos, do noso espírito crítico, da observación e da análise do contexto, da sociedade, de nos mesmos e dos demais. A tecnoloxía debe chegar ata onde sexa quen de facilitarnos á vida, sen que nos limite, nos acorrale ou nos faga renunciar aos nosos principios, aos nosos valores ou ao xeito de vivir que consideramos axeitado e eliximos para nos. Tecnoloxía ao servizo das persoas, non persoas ao servizo da tecnoloxía. A idea é a tecnoloxía coma recurso que facilite a vida, non como forma de vida.

No tocante á terceira pregunta, confeso que sinto curiosidade polo resultado dos adiantos dos últimos vinte anos. Ao longo dos anos as persoas imaxinamos un futuro que por norma xeral acaba sendo ben distinto ao que dabamos vida na nosa mente. Un exemplo foi o filme Regreso al Futuro de Michael J. Fox. Quen nos di que a educación das próximas décadas non vai ser distinta ao que temos na cabeza? Como prepararnos para algo tan hipotético coma o porvir seguindo o temario dunha guía docente? Na miña opinión, a chave para desenvolverse no futuro veña como veña non é outro que traballar COMPETENCIAS por enriba dos contidos, sen desprestixiar os segundos e recoñecendo a súa importancia. Porén, nunha sociedade tan cambiante e veloz interesa máis desenvolver unhas competencias que posibiliten a busca e avaliación de contidos que a memorización dos actuais. Por esta razón, a fenda dixital está tendo a importancia e repercusión actual, posto que a competencia dixital deixou a parte da sociedade e dos profesionais a un lado.