Que é a tecnoloxía da educación?

Concepto de tecnoloxía

«Pasamos bruscamente da idade da pedra á do circuíto. Mentres que a roda transporta simplemente os apoios e os datos, o circuíto establece relacións entre os datos, e é o factor da retroacción. Dunha época de transmisión pasamos a unha era de retroacción, que é así mesmo participación». (Marshall Macluhan)

A tecnoloxía da educación é a suma total das actividades que fan que a persoa modifique os seus ambientes externos (materiais) ou internos (de comportamento). Unha aplicación sistemática dos recursos do coñecemento científico do proceso que necesita cada individuo para adquirir e utilizar os coñecementos.

O sentido tradicional confunde tecnoloxía educativa con máquinas, audiovisuais, etc., limitando o seu ámbito soamente ao que se refire a medios mecánicos, eléctricos ou recursos electrónicos. Neste sentido, canalizamos á educación polo que se chama artesanía pedagóxica, soamente con fins instrumentais e de apoio. Mitificamos, ademais das máquinas, todos os procesos técnicos rigorosos, as programacións ríxidas, os obxectivos pechados e concretos, as probas obxectivas en avaliación, e todo aquilo que en aparencia dá seguridade e eficacia.

Por outra banda a tecnoloxía, nos últimos anos, sufriu un considerable e imparable avance, tanto no que se refire á investigación e o coñecemento do home e da natureza como no que ten que ver cos medios e recursos. O movemento que a informática impuxo ao mundo actual fai revisar todos os esquemas científicos e filosóficos xa que incumbe directamente á mesma estrutura mental do ser humano.

Para relacionar tecnoloxía e educación actual hai que tentar buscar novos conceptos e procedementos que globalicen a todas as tecnoloxías. Hai un elemento, fundamental e esencial, que integra os aspectos máis comúns de todas as tecnoloxías existentes: a planificación. «A tecnoloxía ten que ver con ordenar o que posúe a mente humana» (Walter Ong). Se damos por válida a observación de Ong, podemos pensar que o acto de ordenar e caracterizar o pensamento é un acto tecnolóxico que se manifesta ao exterior a través de feitos tanxibles: libros, máquinas, diagramas, programas, organigramas, sistemas, etc., ou o que é o mesmo, o que ata agora se deu en chamar tecnoloxía. Non hai máquina sen pensamento humano. Desta forma aceptamos e comprendemos a idea de que o pensamento humano é a verdadeira materia prima da tecnoloxía, sen a cal se faría imposible a manipulación dos medios.