Que diaños é un PLE?

Grazas á clase expositiva onde a profesora Adriana nos introduciu ao concepto da contorna persoal de aprendizaxe por unha parte, e o traballo conseguinte na interactiva onde ademais de traballar o concepto puidemos utilizar algunhas ferramentas por outra. Puiden familiarizarme coa definición e significado dunha contorna que xa creara inconscientemente dun modo pouco eficiente e máis rudimentario, o cal levara a práctica sen coñecer o propio concepto e as ferramentas para configuralo e xestionalo dun modo axeitado…

Desta maneira, tralo traballado en clase e o apoio no seguinte artigo (Adell & Castañeda, 2010) entendo por PLE (Contorna Persoal de Aprendizaxe) un conxunto de ferramentas, fontes de información, conexións e actividades que as persoas utilizan asiduamente para aprender. Trátase dun sistema que axuda ás persoas a ser quen de xestionar e controlar a súa propia aprendizaxe. No meu caso, serviume para agrupar, desbotar e seleccionar aplicacións, conexións e ferramentas. Con isto, agora son máis eficiente non só en canto a tempo, senón tamén a busca de información e a recepción da mesma.

A ferramenta coa que conseguín estes resultados foi unha das amosadas na clase, Symbaloo. Trátase dun escritorio online a través do cal podes organizar de xeito visual o túa propia contorna. Unha vez organizada segundo me pareceu, decateime de que dentro desta organización podía identificar os tres compoñentes principais que os autores distinguen nun PLE (Adell & Castañeda, 2010).

  1. Ferramentas, mecanismos e actividades para ler: Noticias, listas de RSS, páxinas web (fontes documentais de información)
  2. Ferramentas, mecanismos e actividades para compartir e reflexionar en comunidade: Redes Sociais e foros das páxinas web ou de compras
  3. Ferramentas, mecanismos e actividades para facer ou reflexionar facendo: Publicar un vídeo no meu canal de Youtube ou a edición da Galipedia.

Así que, para que poidades observar como localicei estes tres compoñentes no escritorio online, déixovos aquí a imaxe do mesmo cunha pequena descrición da distribución que fixen antes de ser consciente destes tres compoñentes básicos:

 

·         Marxe superior dereita-> Información meteorolóxica e noticias web

·         Marxe inferior dereita-> Compras de distinto tipo

·         Marxe superior esquerda->Viaxes

·         Marxe inferior esquerda-> Xestións persoais e localización GPS

·         Zona Central-> Redes Sociais

 

Analizando o meu Symbaloo, chego a conclusión de que unha Contorna Persoal de Aprendizaxe, conxuga as túas aprendizaxes derivadas da educación formal, non formal ou informal coas novas experiencias e contextos que nos propician as TICs. Por este motivo, dispúxenme a descubrir prácticas ou beneficios da utilización dos PLE en educación, así como das súas implicacións pedagóxicas. Nunha primeira busca web, puiden atopar opinións de todo tipo, dende os que vaticinaban a morte da escola tradicional a mans dos PLE ou os que sostiñan que o seu uso non comportaba beneficio algún na vida real. Tomando isto como punto de partida, decidín achegarme ao capítulo seis de (Castañeda & Adell, 2013: 29) o cal titulan Ecosistema pedagóxico dos PLE para documentarme un pouco en canto a aplicacións e beneficios pedagóxicos dos contornos persoais de aprendizaxe.

Froito da lectura, comparto algunha das conclusións que saco do capítulo baseándome nas ideas dos autores. Ambos, comparten a perspectiva de que conforme nos achegamos á visión ideal das persoas coma aprendices emancipados que asumen o protagonismo e o control da súa aprendizaxe a posibilidade de alcanzar ese ideal é un obxectivo irrenunciable. Polo tanto, se ser aprendices capaces, emancipados e eficientes é o que necesitamos para poder exercer a nosa cidadanía, libre e responsable, no marco da complexa sociedade actual, entón a escola ten a obrigación de traballar para que así sexa. Nembargante, debemos ser consciente de que o xeito de aprender dos PLE non é unha idea ou Tecnoloxía. Os PLE son un enfoque que reside en nós case coma as nosas crenzas. Asumir os PLE como enfoque fundamental do que é importante en educación, supón mezclar todo o que aprendemos, ben sexa formal, non formal ou inforlmalmente e que promoven activamente os nosos procesos de metacognición. Querer utilizar os PLE dende visións da educación tradicionais instructivistas e transmisivas é un erro fatal e supón non entender a idea do PLE, nin a sociedade complexa e cambiante, na que a importancia da educación reside –entre outras cousas- en que as persoas sexan quen de aprender por si mesmas  a través dos recursos que teñen ao seu arredor. A idea de que aprender cos outros e tan importante como aprender cos outros.

Nas próximas entradas, intentarei seguir tirando do fío e traballar a relación dos PLE coa cultura da participación, as narracións transmedia ou a Pedagoxía da participación…

Credes que poden ter algo que ver? ;-)

 

 

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS:

Adell, J., & Castañeda, L. (2010). Los Entornos Personales de Aprendizaje (PLEs): una nueva manera de entender el aprendizaje. [Consulta: 20/04/2016] En: https://digitum.um.es/jspui/bitstream/10201/17247/1/Adell%26Casta%C3%B1eda_2010.pdf

Castañeda, L., & Adell, J. (2013). Entornos Personales de Aprendizaje: claves para el ecosistema educativo en red. Alicante: Marfil. [Consulta: 20/04/2016] En: http://www.edutec.es/sites/default/files/publicaciones/castanedayadelllibrople.pdf

Comentarios

  • Alba Neira Pasarín

    Ola Jesús!

    Xusto estaba editando na Galipedia este concepto: Contorna persoal de aprendizaxe. Deixóche o enlace por se lle queres botar un vistazo e complementar a información. Persoalmente, creo que é moi importante ter un espazo onde poidas xestionar as túas ferramentas de búsqueda de información e configurar así outra forma de aprendizaxe,  creando os teus propios contidos e distribuíndo as túas producións. Deste modo, si que creo que teña que ver coa cultura participativa, Pedagoxía da participación...Adiante :)

  • Jesús López

    Ola Alba, estívenlle botando un vistazo ao link que me suxeriche e conseguín ampliar información. Ademais, así tamén me decatei do fallo lingüístico e correxín contorna en lugar de entorno :-)

    Por outra banda, creo que me resultará de utilidade o apartado "Criterios de decisión no deseño dun PLE escolar" para a miña próxima entrada.

    Un saúdo e moitas grazas!