Da educación monomediática á transmedia

Moi bo e soleado día!

Na miña anterior entrada Ladran, Sancho, señal que cabalgamos afirmei que debíamos camiñar cara unha formulación transmedia, posto que a actual estaba obsoleta e os cambios ocorridos logo do xurdimento de internet e da web 2.0 (como reflectín neste esquema) nos levaran cara outra dirección. Pero, que é iso da narrativa dixital transmedia?

Nace trala converxencia xa mencionada, e é un xeito de narrativa que se estende a través de múltiples plataformas e medios. Comezou na publicidade e no audiovisual creando unha única historia ou experiencia a través de distintos medios ou canles, aproveitando o mellor de cada un e fomentando a interacción cos “antigos consumidores”.

Pero, que ten que ver este tipo de narrativa coa cultura da participación?

O concepto de narrativa transmedia está asociado ao de interactividade e produción colectiva. Unha historia comeza nun medio e remata noutro, baixo a participación e cooperación dos usuarios. Isto, cóntanolo Carlos Scolari nun vídeo que vos facilitarei nuns intres e que nos axudará a entender mellor todo isto.

Agora ben, que fai este novo tipo de narrativa coas nosas aulas?

Principalmente, cuestiona as formas narrativas tradicionais polo feito de basearse nun estilo de aprendizaxe e comunicación horizontal. Establece novas relacións de intercambio no que profesores e alumnos teñen un rol activo na produción e edición de contidos. Implica, polo tanto, o uso dos recursos dixitais non  de xeito ilustrativo, senón multidireccional, constructivista e colaborativo.

Ao fin, a narrativa dixital é constitutiva da transmedia, na cal movemento e transformación (distintas linguaxes e plataformas) fana apetecible. Ademais, o carácter narrativo das transmedias fomentan a creación e intelixencia colectiva, así como fai posible distintos xeitos de empoderamento dos usuarios (concepto prosumidor traballado nas clases) que inflúen na construción da identidade persoal e colectiva (Amador, 2015).

Por outra banda, insisto na idea da miña anterior entrada. Se asumimos que a realidade dos nativos dixitais atópase dentro da falada converxencia cultural que inclúe outras converxencias (lingüística, estética ou cognitiva) o papel do profesor como instrutor de coñecementos está fora de lugar, posto que dadas as características dos alumnos o lóxico é desempeñar o rol dun “mediador de aprendizaxe” a partires da comunicación transmediática. Xa non son un conxunto de alumnos que reciben clase, senón unha comunidade de práctica que experimenta, explora e socializa o que vai aprendendo (Amador, 2015).

Así, diversos autores e investigadores constatan os beneficios pedagóxicos da súa aplicación, posto que mellora a alfabetización dixital e permite un seguimento máis activo e participativo nas actividades por parte dos alumnos. O feito de participar nunha historia real ou ficticia, que se atopa preto das prácticas e intereses persoais e sociais levadas a cabo fora da escola, conéctaos coa súa aprendizaxe (Branco & Albuquerque, 2013).

O prometido é deuda, así que déixovos o vídeo ao que me refería ao comezo destas liñas, que ademais de amosarnos como podemos deseñar clases transmediales, explica e recórdanos conceptos adquiridos durante estas semanas nesta materia. Pois, en pouco máis de vinte minutos fai un pequeno percorrido polos cambios, as súas causas e sobre todo os efectos actuais dos mesmos na sociedade e na educación.

 

Amais, introduce diversas ideas sobre educación moi interesantes. A necesidade de redeseñar os espazos educativos, derrubar paredes. Universidades pensadas para dar resposta as necesidades da sociedade industrial que non evolucionan cara as necesidades da sociedade do coñecemento (outro máis dos conceptos traballados en clase).

Por outra banda, sinala a excesiva focalización da ensinanza na produción textual fronte a necesidade dos polialfabetismos. A importancia da intelixencia colectiva para acadar novos coñecementos ou a explosión de novas formas de educación (Os MOOC por exemplo). Alén disto, sostén que ao igual que as novas formas de comunicación cambiaron a sociedade, tamén o fixo a educación, o que provocou o nacemento de novos formatos de educación fora das institucións educativas tradicionais. Formatos que as institucións non queren ou non saben facer, faranse fora delas (Scolari, 2014).

Porén, como afectan as políticas educativas á integración das TICs e destes novos xeitos de entender a educación? Intentarei responder nunha próxima entrada, ora ben, que pensades vos?

Por outra banda, credes que o noso traballo de creación de vídeos responde a un proceso de ensinanza transmedia?

 

REFERENCIAS:

Amador, J. C. (2015). Aprendizaje transmedia en la era de la convergencia cultural interactiva.Educación y ciudad, (25), 11-24. [Consulta: 27/04/2016] En: http://www.idep.edu.co/revistas/index.php/educacion-y-ciudad/article/view/50

Branco, E., & Albuquerque, F. (2013). Narrativas transmedia: criação de novos cenários educativos.Lisboa: Challenges. [Consulta: 28/04/2016] En: http://bit.ly/1SWmqk3

Scolari, R. (2014). ¿Cómo diseñar clases transmediales? MayéuTIC@. Fundación Telefónica Perú. [Consulta: 28/04/2016] En: http://bit.ly/1UpMa7n

Comentarios

  • ...

    Moi boas Jesús!

    Recibín a túa notificación! Moitas grazas por acordarte e perdoa a tardanza en contestar pero estiven un pouco liada.

    Nesta nova entrada creo que deixas reflectido claramente a concepción da narrativa transmedia así como varios dos conceptos que levamos traballando nas clases (como a oportunidade de ser produtores, dunha actitude máis activa...) ou o cambio indiscutible que esta nova forma de comunicación e intercambio de información vai provocar na educación e na propia sociedade.

    TOP o vídeo jajaja a verdade é que recolle moitísimos dos aspectos que tratamos tanto na materia como ao longo do grao, todo eles explicados dun xeito súper sinxelo. Tamén me gustou os interrogantes ou, mais ben, as ideas “innovadoras” que ofrece respecto á educación, traballo e formación futuras así como cuestións tamén importantes nas que poucas veces nos paramos a analizar como os textos que acostumamos a utilizar, tan habituais que nin nos paramos a analizar as restantes posibilidades existentes.

    Cando teña un pouco máis de tempo procurarei determe un pouco no bibliografía para poder profundar un pouco máis nestes aspectos.

    Un saúdo! :)

  • Jesús López

    Paréceme xenial, moitas grazas pola túa aportación e estarei pendente dos teus novos blogs :-)

    Unha aperta!