Proxecto Abalar e Políticas de Integración das tecnoloxías na educación.

Ola a todos e a todas!

Despois dun parón nas miñas publicacións retomamos a nosa andadura por estes lares.

Para non deixar nada fora do blog gustaríame retomar onde o deixei, así que procederei a comentar a clase expositiva do 26 de abril.

Nesta clase os temas que se abordaron foron os tocantes ás políticas educativas de integración das tecnoloxías na aula, a escola 2.0, así como os programas de integración das tecnoloxías que se viñeron desenvolvendo dende os anos 90 ata a actualidade nas diferentes áreas do noso país. 

A actividade máis dinámica da sesión dende o meu punto de vista foi realizar diferentes puntos de mellora na LOMCE, para a integración das novas tecnoloxías na aula; entre estas melloras algunhas das propostas foron: dotar de materiais precisos tanto aos centros urbanos, coma aos rurais, estimular os procesos de procura de información, subencións aos centros etc.

Pero nesta entrada gustaríame afondar no referente ao  Proxecto Abalar, que é un programa de integración de tecnoloxías na aula co que contamos actualmente na Comunidade Autónoma Galega.

En primeiro lugar imos a coñecer un pouco en que consiste o proxecto Abalar. Dito proxecto  baséase na estratexia da integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia. Estratexia que se centra no concepto de centro educativo dixital, no cal tenta dispoñer  de recursos humanos, pedagóxicos pero tamén infraestructuras e servizos que sexan necesarios para o uso da tecnoloxía nas aulas. Dito proxecto foi posto en marcha no ano 2010 e foi impulsado pola Consellería de Cultura e pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Os ámbitos de actuación do proxecto ABALAR segundo a Xunta son principalmente catro.

1. Equipamento e Infraestructura.  Neste ámbito ABALAR pretende dotar aos centros de infraestructuras TIC e de equipamento necesario. Entre o que nos podemos atopar: proxectores, pizarras dixitais, acondicionamento nas aulas, conexión a internet etc.

2.  Contidos educativos. Neste ámbito téntase ofrecer á docencia e á comunidade educativa contidos e recursos necesarios para acadar o centro educativo dixital que persegue. Para isto desenvolve novos modelos pedagóxicos, fomentan a colaboración e cooperación do profesorado etc.

3.  O fomento da cultura dixital. Mediante a integración da cultura das TIC principalmente nos docentes e nas familias a través de plans de formación e novas canles de difusión entre outras.

4. Integración e Participación. O proxecto ABALAR posúe un portal propio que actúa como referente para os diferentes servizos educativos da comunidade galega. Dito portal tamén vai dirixido ás familias e ao alumnado. Neste portal infórmase acerca do que acontece día a día no proxecto, invita ao desenvolvemento das TIC, achégase á cidadanía e ás familias etc. Aquí vos deixo o enderezo https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/

O contexto de dito proxecto foi finanzado polo FEDER e pretende a modernización do modelo educativo galego de forma cuantitativa e cualitativa por medio das novas tecnoloxías.

Destacar unha noticia que atopei relacionada co tema onde dicía que no ano 2012 ABALAR quedou de finalista nos premios VIII Fundatec na categoría de Mellor Proxecto de entidade pública ou privada.

Espero que resultara interesante este pequeno análise sobre o proxecto e os seus ámbitos de actuación.

____________________________________________________________________________________________

Referencias bibliográficas: