Ata logo Tecnoloxía Educativa!!

Ola Stellares!! Como o levades? Afortunadamente a semana que ven xa seremos libres!

Quería realizar esta entrada para despedir o blog e a materia. Como podedes ver no título dedícolle un "ata logo" á tecnoloxía educativa e non un adeus. Isto non quere dicir que me apeteza vela en xullo senón que como xa dixen no meu e-portafolios penso que nun futuro, tanto nos estudos restantes de Pedagoxía, como no ámbito profesional imos precisar dalgúns coñecementos aquí tratados.

Teño que dicir que sinceramente a Tecnoloxía nunca foi o meu forte nin o que máis me interesou, xa que todo o relcionado con esta temática e co uso dos ordenadores (Documentación Educativa, Investigación Educativa, Metodoloxía da Investigación...) resultáronme especialmente materias que para min eran en certo modo aburridas e de unha dificultade significativa. Son esa alumna que está na aula dos ordenadores e cada 5 segundos ten que preguntarlle ao compañeiro ou compañeira máis cercano/a, porque non entende o que está a facer o/a docente. A pesar disto creo que lle poño empeño e esforzo en ter un resultado satisfactorio.

O camiño percorrido coa tecnoloxía educativa aportoume coñecementos indispensables pero tamén me faltaron algúns que creo que debería de recoller a materia. Penso que deberían ensinarnos como futuros pedagogos a como reaccionar ante casos de cyberbulling, ciberviolencia, tecnoadicción... que penso que son de vital importancia e que eu como docente da materia replanteariame incluir no programa.

A pesar de que non é a miña materia preferida si que houbo contidos que me resultaron moi interesantese e actividades que considerei innovadoras. A temática da identidade dixital, a curación de contidos ou a brecha dixital foron os que máis me interesaron e dos que máis aprendín.

Por outra parte gustaríame resaltar outro aspecto referente ao blog. Penso que Stellae é unha ferramenta moi potente para o aprendizaxe, debido a que nos permite aprender uns dos outros, reconstruir o noso proceso e ver dito proceso nos nosos compañeiros e compañeiras. Pero creo que os elementos que se avalían en certo modo non son os máis acertados. Gustaríame que en Stellae se valorasen máis as aportacións propias, os textos que un mesmo elabora e contidos da tecnoloxía que nós consideremos interesantes. Sen embargo o que máis se nos pide é que falemos dos contidos da aula cunha especial énfase en referencialo con autores; o que fai que isto se converta nun portafolio impreso pero en forma de blog. Creo importante tratar o aprendido nas sesións, pero gustaríame que Stellae estivese máis enfocado a ser un espazo libre no que cada un expuxera opinións propias sobre o ámbito tecnolóxico educativo sen limitarnos tanto ao visto nas clases, nin insistir en que procuremos autores se a idea que escribimos é pensada por nós mesmos. Aínda así penso que é acertada a utilización desta ferramenta para a nosa avaliación.

Facendo eu agora algo de autocrítica, penso que nuns inicios non o tomei demasiado en serio. Publicaba sen un orde nin relacionar as aportacións cos contidos, pero despois de ver a miña primeira valoración por parte do profesor creo que fixen unha modificación substancial no meu estilo. Tampouco publiquei as miñas entradas cada pouco tempo, porque en abril xuntábanse bastantes tarefas que deberían ser entregadas antes. Pese a isto considero que reflectín todas as actividades requeridas na docencia interactiva así como os contidos vistos na expositiva; neste último caso o que facía era seleccionar un tema concreto da expositiva e desenvolvelo.

Podo dicir entón que faltoume constancia e continuidade na plataforma. A pesar do dito anteriormente creo que o resultado de todo o aquí publicado é satisfactorio e aceptable. Sobre todo no tocante á reconstrucción do blog e a referenciar entradas que non o estaban na primeira valoración.

Pero a miña evolución non foi só a nivel de publicacións, senón tamén a nivel de coñecementos. Na última actividade expositiva fun consciente de que ningún termo relacionado coas novas tecnoloxías me resultaba extraño, a diferenza da primeira sesión onde a maioría dos conceptos sonábanme coma se doutro idioma se tratase. Isto fíxome reflexionar como ás veces cremos que non evolucionamos moito no tocante a coñecementos e sen embargo sen percatarnos estamos formados nunha materia máis do que esperabamos.

Sen nada máis que engadir, e contenta de haber cursado esta materia dígovos: Ata sempre Stellares!

 

 

Comentarios