Comentando experiencias TIC en España

Bos días Stellaers!

Esta entrada faerá referencia, ó powerpoint de comparación de experiencias TIC no sistema educativo español. Días pasados, adiantaba a posibilidade de afondar nesta cuestión, non nos resultados, que xa presentamos aquí. senón na importancia de realizar estudos transversais que aúnen a importancia do fin estudado ( as TIC no Sistema Educativo Español) e outras cuestións pedagóxica e socialmente importantes como comentarei a continuación.

Neste post, o que pretendo, é admirar a transversalidade do estudo levado a cabo, para posibilitar a relación directa da Tecnoloxía da Educación con outros ámbitos de estudo parellos, os cales son a Pedagoxía en xeral, e de forma máis visible, a Educación Comparada, a Pedagoxía Social e a Política Educativa, entendendo estes como vertebradores do estudo que realizamos anteriormente.


A Educación ou Pedagoxía comparada, é unha disciplina que examina ou ten como obxecto de estudo os sistemas educativos ou parte dos mesmos nun país, estado, comunidade autónoma (...), para contrapoñer á mesma cuestión noutro espazo territorial ou temporal.

No momento de crise, (atreveríame a chamala educativa tamén) que algúns afirman que acabamos de pasar, pero que eu manteño no tempo e, extrapolando, en calquera momento de crise, prodúcese un instante de parón e reflexión acerca do levado a cabo ata o presente, poida que pola necesidade de busca de causas do mesmo, ou simplemente, polo intento de medición dos éxitos acadados en relación ós pretendidos en épocas de bonanza.

Un exemplo da realidade anterior que describo, deuse en España co cambio metodolóxico de base na educación, como foi a concepción da mesma en función de competencias e non só de obxectivos, adaptándose así a outros sistemas educativos que "funcionan" (Astiz, 2011).

Nesta idea, considero que naceu o texto a analizar que se nos presentaba nas clases interactivas, posto que, por Comunidade Autónoma, vai presentando os proxectos, programas e innovacións metodolóxicas levadas a cabo en relación ó plan xeral do Estado, que facía referencia ó Modelo 1:1 (un ordenador por alumno nas aulas).

Así, o texto levaba a cabo unha comparación non só territorial, senón que profundizaba na historia desta cuestión en cada área xeográfica, posibilitando así ademais unha maior contextualización das últimas expostas.

Baixo o meu punto de vista, entra en xogo ademais a Pedagoxía social, entendida como unha disciplina científica que atende á educabilidade para a socialización, traballando en defensa dos dereitos humanos e a reinserción daqueles excluídos do conxunto social e poboacional en tres momentos, un preventivo, un de axuda e un de reinserción.

En palabras de Ortega Esteban, 2005, a Pedagoxía Social ten como termo e definición "a acción promotora e dinamizadora dunha sociedade que eduque e unha educación que integre e, á vez, axude mediante a educación a evitar e reparar a dificultade ou o conflito social".

Na liña do anterior, considero importante a necesidade de educar para vivir en sociedade, unha sociedade cambiante que debe adaptarse cos cambios e devires correspondentes a ela mesma e ós condicionantes que a rodean.

No texto, considero que se fai referencia directamente a esta cuestión na intencionalidade dos propios programas descritos en tanto que fomentan a igualdade de posibilidades dos alumnos coa dotación dun ordenador por neno ou de melloras cuantitativas e cualitativas dos centros ós que acoden ( en liñas xerais xa que algunhas comunidades non aceptaron precisamente o modelo 1:1, senón que levaron a cabo outras medidas, como pode ser o caso de Madrid ou a Comunidade Valenciana).

Isto, non significa que esta igualdade se conseguira posto que moitos destes programas non foron debidamente adaptados ó ámbito escolar, e o devir normal das aulas seguiu eclipsando o que, baixo o meu punto de vista podería ter sido unha moi boa experiencia educativa.

En terceiro termo, relacionei directamente a Tecnoloxía Educativa coas Políticas Educativas, como xa levara acabo en posts anteriores, en relación á propia implantación dos programas e proxectos presentados, como demarcadoras de liñas de actuación, de normas e de obxectivos referentes ós mesmos, estas, aínda que concretadas en forma de accións, e o propio programa, non se demarcan en leis ou decretos concretos en case ningunha parte do texto, pero subxacen non só ós feitos educativos, senón a intencionalidade direta e primeira dos mesmos.


Astiz, M. F. (2011). Los desafíos de la educación comparada contemporánea para informar el debate político-educativo: Una perspectiva teórico-metodológica». Revista Latinoamericana de Educación Comparada, 2(2), 63-72.

Esteban, J. O. (2005). Pedagogía social y pedagogía escolar: la educación social en la escuela. Revista de educación, (336), 111-127.