Wikipedia. Fonte fiable?

Despois de traballar coa Galipedia (Wikipedia en galego)  puiden comprobar o que, dende fai xa algún tempo, sospeitaba desta páxina á que consideramos enciclopedia. Así xurdíronme unha serie de cuestións. Cómo pode ser que, para moita xente, Wikipedia se considere unha fonte de coñecemento enciclopédico? Por que hai tanta xente que se fía do seu contido? Ninguén sabe como funciona esta “enciclopedia libre"?

Para responder a estas cuestións decidín expoñer varias razóns polas cales non me parece unha fonte fiable de información. Aquí se expoñen:

1. En Wikipedia, calquera pode escribir sobre calquera tema. Non se esixe a ninguén que certifique o coñecemento sobre ningún tema a tratar. O único requisito que se pide é que cite unha fonte externa. Por isto, calquera persoa sen coñecemento algún pode escribir dentro da páxina e conseguir ser un usuario activo e valioso citando un par de artigos inda que estes non teñan moito valor para a cuestión que se estea a tratar.

2. Os conflitos inténtanse resolver mediante “consenso”. Pero, mentres se busca tal consenso, a opinión de cada usuario conta o mesmo. Isto paréceme ridículo. O dereito a opinar en igualdade de condicións non ten cabida nunha enciclopedia seria, porque, evidentemente, hai xente que sabe máis, e xente que sabe menos. Pero en Wikipedia, os artigos de un autor recoñecido e os de unha persoa que non ten coñecementos sobre o tema valen o mesmo.

3. Pola súa propia natureza, Wikipedia ten unha gran maioría de usuarios mozos. Non só estudantes de primeiro de carreira, senón incluso de adolescentes, algúns dos cales son considerados pola páxina “bibliotecarios”, é dicir, administradores con autoridade sobre o contido.

4. Todos queren editar os artigos para que a súa verdade se transforme na verdade. Este problema é inevitable nunha enciclopedia que calquera pode editar. O efecto disto en moitos casos, é que o artigo remata estendéndose máis en críticas e réplicas que no tema en si. E iso por non falar de artigos de temas políticos, que dan lugar a interminables discusións.

5. Dado o case nulo control que existe, os erros poden tardar moito en ser corrixidos. Se un “vandalismo” é moi obvio, como un insulto, entón borrase rapidamente. Pero se está ben camuflado, con forma de comentario experto, e algunha cita de un libro inventado sobre a marcha, pode durar moito tempo. O cal nos leva a que se visitamos a páxina antes de que sexa corrixida, podemos ler calquera barbaridade, ou opinión subxectiva pensando que é unha verdade enciclopédica.

Por estas razóns e algunhas máis que non menciono penso que a Wikipedia non é unha fonte fiable. Pero tamén considero que pode ser moi útil para ter unha primeira aproximación dos temas sobre os que queremos indagar.