Escolas 2.0

O proxecto de escolas 2.0 posto en marcha pola Administración Estatal ten como función a modernización do sistema educativo apostando pola integración das TIC nos centros de ensino. As TIC están modificando a forma de ver a realidade.

En Galicia tómase referencia deste proxecto baixo o nome de Abalar. Ademais de fomentar as TIC na práctica educativa, Abalar pretende mellorar o equipamento e as infraestruturas dos centros dotándoos de recursos pedagóxicos. Uns anos despois, ponse en marcha o programa E-Dixgal para todos aqueles centros incluídos dentro do proxecto Abalar que consiste na implantación dos libros de texto en formato dixital. Isto orixina un entorno virtual de aprendizaxe que deseña e organiza o profesorado en base ás dúas editoriais dispoñibles.

A posta en marcha dos proxectos anteriores da lugar a que na comunidade galega existan centros de tres tipos: non Abalar, centros Abalar e centros Abalar si acollidos a E-Dixgal. Estas diferencias entre centros fan que aumente a brecha dixital cara a equidade, é dicir, da lugar a desigualdades de oportunidades entre centros e alumnado. Penso que a Administración debería regular esta situación vixente para non poñer en perigo a igualdade. Pero a que se debe tanto interese por dixitalizar os contidos? Inflúen só cuestións económicas?

Está claro que grazas ás TIC temos máis vías de acceso aos coñecementos e aos contidos e resulta máis barata a formación do alumnado. Hai uns días escoitei nunha conversa na rúa que coas TIC se aprende en menos tempo. Eu non estou de acordo con isto porque penso que a esencia non está no contido senón que está na capacidade que teña o docente para xerar situacións de aprendizaxe empregando como ferramenta as TIC.

Hoxe en día hai moitos centros que dispoñen de ferramentas relacionadas coas novas tecnoloxías pero non as empregan. Nestes casos recorrese a escusas como a falta de formación por parte dos docentes. As políticas educativas TIC contemplan a formación permanente do profesorado. Se un mestre recibe formación, cal é o problema? Descoñézoo pero penso que a formación docente no ámbito tecnolóxico enfócase máis cara como aprender a utilizar as ferramentas e non en deseñar estratexias ou materiais didácticos utilizando ditas ferramentas. Quizais este poida ser un dos motivos polos que o profesorado se resiste tanto á innovación, é dicir, non se atreve a dar o paso cara o cambio, a mellora, a evolución, etc. das demandas da sociedade actual, polo que na práctica diaria dunha aula recorre a metodoloxías tradicionais que lles resultan útiles en base a súa experiencia.

Eu considero que a maiores da formación docente neste ámbito é necesario incrementar a innovación en relación ás TIC en toda a comunidade educativa e que non incida só no coordinador TIC, considerándoo como a figura clave para levar a cabo a transformación ou a renovación en aspectos tecnolóxicos. As tecnoloxías axudan se se empregan correctamente de maneira que dean lugar a un avance. De que serve que non se fomente a conexión e a colaboración entre o profesorado?

Durante a realización do practicum I tiven a oportunidade de desenvolvelo nunha aula Abalar. Nalgúns momentos chamoume a atención de que para algúns dos alumnos e alumnas o simple feito de poder usar un ordenador portátil fose un xogo ou un premio por facer as cousas ben. Creo que se debería de promover máis que os portátiles son unha ferramenta de aprendizaxe para facer as cousas de maneira diferente.

As novas tecnoloxías fixeron romper as distancias e acercar todo moito. Alguén se imaxina unha aula hoxe en día sen ter conexión a Internet? Dende o meu punto de vista, creo que é evidente que non habería o mesmo acceso aos contidos e aos coñecementos que ten o alumnado nunha aula conectada á rede.