Compartindo autobiografías

Esta foi a primeira vez que tiven a oportunidade de elaborar unha autobiografía polo que a experiencia foi totalmente enriquecedora xa que te das conta da túa propia evolución ao recordar certos momentos que parecían máis que esquecidos por formaren parte do meu pasado, pero que ao fin e ao cabo manteñen certas conexións co presente. Cando comecei a escribir a miña autobiografía sentín certo grao de reticencia mais isto só tivo lugar nun primeiro momento e conforme ía escribindo desapareceu por completo.

Na clase centrámonos nas experiencias de aprendizaxe relacionadas coas TIC dende a Educación Infantil ata a actualidade. Primeiramente comentámolas en parellas, logo en grupos de tres persoas e finalmente todo o conxunto da clase. Sorprendentemente o feito de estudar en centros diferentes non foi motivo para que non coincidiramos en numerosos aspectos, aínda que, nalgúns outros os usos eran ben diferentes. Polo tanto, hai elementos puntuais pero a gran maioría tenden a ser semellantes. Tamén de maneira xeneralizada apreciei que o uso da tecnoloxía educativa aumentou durante as etapas de Educación Secundaria e Bacharelato, incrementándose aínda máis na Universidade.

Tras isto, elaboramos unha clasificación en tres grupos de tecnoloxías educativas segundo a utilización que se fai delas:

- Aprender sobre as TIC: perspectiva instrumental onde se traballan as ferramentas.

- Aprender de/a través das TIC: fortalecendo un contido pero non para a potenciación dos mesmos.

- Aprender coas TIC: obxecto de aprendizaxe que ten un propósito maior facendo que a educación teña un impacto social e que non se quede na aula.

Se observamos as nosas autobiografías na maioría delas as nosas experiencias coa tecnoloxía educativa se centran en aprender sobre as TIC e en aprender de/a través das TIC.

Os tres grupos da clasificación anterior non son excluíntes. De feito, debémolos traballar todos na nosa experiencia como docentes, adaptando estas tres maneiras de aprender coas TIC porque os tres son necesarios para desenvolver a competencia dixital e que o alumnado a adquira. Ademais, a aprendizaxe prodúcese se o alumnado actúa, non se simplemente reacciona polo que o alumnado debe de ser máis activo no que ás tecnoloxías educativas se refire. En canto ao docente, ten que saber canalizar os tres usos das TIC evitando facer un uso malo ou excesivo das tecnoloxías educativas, é dicir, non hai que utilizar os medios só por motivación hai que ter en conta o espírito critico.

Por último, a realización da autobiografía implica ter que reflexionar sobre a nosa propia experiencia escolar coa tecnoloxía educativa ao longo de tantos anos de escolaridade, o cal me pareceu algo complicado de recordar nalgunhas situacións, sobre todo naquelas relacionadas coa etapa de Educación Infantil.