Conectivismo

O conectivismo é unha nova corrente de aprendizaxe que George Siemens teorizou. El consegue facer un exercicio de ubicación do que é a educación hoxe en día fronte ao que é a sociedade. O que fai é cruzar o valor que ten a tecnoloxía na sociedade actual como ferramenta de aprendizaxe. De maneira global, o conectivismo non se considera exactamente como unha corrente de aprendizaxe pero ten certo valor como tal.

Esta teoría ten como eixe principal a posibilidade dun aprendizaxe mediante a conexión á rede, é dicir, prestando atención ás tecnoloxías educativas. É un modelo de aprendizaxe baseado na innovación e na creatividade. Isto implica que o alumnado sexa capaz de compartir ou intercambiar información e ser creativos para ampliar os seus coñecementos, polo que ao mesmo tempo promóvese a innovación.

Ademais, o conectivismo recolle que as novas tecnoloxías lle proporcionan ao alumnado unha aprendizaxe mediante conexións entre fontes de información. Creo que estamos equivocados cando pensamos que os/as alumnos/as chegan formados á escola no referente ás TIC polo simple motivo de que cada vez están máis presentes nas súas vidas. Isto non o é todo xa que o alumnado ten que adquirir certas competencias como por exemplo, a procura, a discriminación, a valoración ou a reflexión sobre as diversas fontes de información.

Como docentes debemos favorecer estratexias nas que o alumnado poida moverse e xestionar os seus coñecementos en ambientes dixitais facéndoos partícipes, sen esperar a proporcionarlle todo o contido. De feito, todos podemos aprender de todo aquilo que nos rodea e os docentes non só debemos transmitir información, senón que tamén temos que exercer de facilitadores e guías para que o alumnado poida crear o seu coñecemento a través das súas propias experiencias. Para isto, é necesario buscar as ferramentas e os recursos oportunos que nos permitan adaptarnos á realidade na que nos atopemos, xa que a propia escola forma parte da sociedade.

Nos próximos anos penso que todo o relacionado coas TIC aumentará e non podemos deixar de aproveitar este recurso de innovación por simple comodidade ás metodoloxías tradicionais. Dende o meu punto de vista, considero que tampouco podemos relacionar a innovación só a recursos que nos ofrecen as novas tecnoloxías. De feito, está claro que nos achegan numerosas posibilidades e vantaxes para o proceso de ensino-aprendizaxe, pero este non é un motivo para que se produza innovación debido a que na maioría das ocasións non se promove un aprendizaxe significativo. Polo tanto, toda a aprendizaxe do alumnado non debe recaer sobre a web 2.0 e os recursos dixitais dos que dispoñemos na actualidade e o/a mestre/a debe encargarse de mediar para que iso non suceda.

Por último, gustaríame formular as seguintes cuestións. Por que seguen a predominar métodos tradicionais baseados na memorización no aprendizaxe de coñecementos? Por que custa tanto considerar a tecnoloxía educativa como un recurso útil de fonte de información?