Experiencias sobre o Practicum III

Durante estas catro semanas volvemos a un centro educativo para desenvolver o que sería o noso derradeiro Practicum, o cal, se centra nos procesos de mellora da aula e do centro participando e reflexionando sobre a realidade. Polo xeral, considero que estas prácticas foron moi curtas como para poder deseñar un proxecto e levalo a cabo.

O Practicum III realiceino nunha aula de 2º curso de Educación Primaria, cun total de 27 alumnos/as. O centro é concertado, plurilingüe e sitúase preto do casco histórico de Santiago de Compostela.

As aulas do centro son moi similares entre si. Todas contan cun ordenador de mesa para uso do/a mestre/a, un proxector e unha pizarra dixital interactiva, entre outros elementos. Ademais, o centro forma parte do Proxecto Abalar, dependente da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Este proxecto desenvolvese nas aulas de 5º e 6º curso de Educación Primaria. Estas aulas a diferencia do resto están dotadas de un ultraportátil para cada alumno/a.  Nalgunhas das conversas que mantiña co profesorado dicíanme que os ordenadores portátiles do proxecto Abalar empregábanse en ocasións puntuais para buscar algún tipo de información específica. Algúns dos/as mestres/as opinaban que o uso das TIC é necesario pero que non dispoñen dos recursos precisos para levar á práctica desde os primeiros cursos actividades, para que o alumnado procure información mediante un descubrimento guiado logrando certa autonomía.

Na maioría das aulas predominaba o uso do libro de texto, os cadernos do alumnado para realizar as actividades, o encerado para corrixir os exercicios e a pantalla dixital interactiva para amosar imaxes, vídeos e proxectar o libro de texto dixital ao que o profesorado accedía a través da plataforma virtual da editorial, e o alumnado podía realizar na propia pantalla dixital a corrección dos exercicios propostos polo libro de texto mediante a utilización do software educativo ActivInspire. Este software proporciona diversas ferramentas para levar a cabo os procesos de ensino-aprendizaxe na aula a través da pantalla dixital interactiva. Así mesmo, axuda a que o alumnado se motive fomentando a participación e a interacción.

Dende o meu punto de vista, no sistema educativo actual estamos utilizando uns medios modernos para seguir a reproducir unha educación “premoderna”. É certo que cada vez está máis presente a tecnoloxía educativa nas aulas pero segundo as miñas experiencias nestes tres períodos de prácticas en diferentes centros educativos penso que as actividades que se continúan a realizar, en numerosos casos, son as mesmas que fai anos baseándose na memorización, exercicios e exames onde a creatividade, o pensamento crítico, a resolución de problemas e a aprendizaxe significativa non teñen apenas repercusión. Por outra banda, creo que se deberían de aproveitar máis as potencialidades que nos ofrece a tecnoloxía educativa na aula. Para isto, os docentes deben estar en contacto coas tecnoloxías educativas e formarse de maneira permanente, xa que nos ofrecen oportunidades de innovación para facilitar a aprendizaxe adaptándose ás necesidades da sociedade actual para que o alumnado empregue os recursos da mellor maneira posible.