Primeiras impresións

Boas a todas e a todos, vou a publicar aquí a primeira entrada que fixen sobre as impresións iniciais da materia, posto que sen darme conta a puxera dentro do grupo da materia.

O anterior curso, na reunión onde se nos explicou as diferentes mencións ás que podíamos optar, atopeime coa sorpresa que a optativa e mención en TIC foi eliminada debido á falta de alumnado demandante máis de profesorado para impartila.

Nese momento pareceume moi estraño, xa que a incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) no sistema educativo é un suceso máis que palpable. Coma futuros docentes temos que ser conscientes dos novos cambios que están a xurdir e adaptarnos a eles.

Aínda que son unha “nativa dixital”, este feito non implica que teña coñecementos e que saiba manexarme perfectamente con este tipo de tecnoloxías sen unha aprendizaxe previa. Hai moitos aspectos, tanto positivos coma negativos que veñen da man delas, dos que non son consciente do impacto que poden chegar a ter no eido educativo.

A través desta materia estou comezando a constatar realidades, feitos e problemáticas do noso sistema educativo dos que antes nin tan sequera me chegara a cuestionar, cómo é a implantación do proxecto ABALAR.

Todos e todas oímos dicir que as TIC son a panacea educativa, que farán que os alumnos/as estean máis motivados, que facilitarán os procesos de E-A, que axudarán a solucionar as dificultades de aprendizaxe, etc. Así e todo coido que iso é unha falacia, unha xeneralización apresurada promovida por unha serie de intereses que nos manipulan e dirixen. É certo que o intercambio de información é fundamental para a construción do coñecemento, pero realmente son tan prodixiosas como para deixar que a aprendizaxe dun cativo/a poida ser guiada exclusivamente a partir destas ferramentas sen a función mediadora dun docente, como propón o método SOLE? Sinceramente non o creo.