"Aprender facendo"

Os ordenadores son excelentes ferramentas non para aprender deles, senón para aprender con eles pola capacidade que teñen de simulación. Paréceme sorprendente que xa aló polo anos sesenta Seymour Papert fose pioneiro en chegar a pensar que iso podería ser interesante en mans dun neno/a sen imaxinarse a potencia de aprendizaxe que traia consigo o seu desenvolvemento.

A idea de simulación implica aprender mediante a acción que é similar a aprender competencialmente a través da acción. Seymour Papert tendo como base os principios do constructivismo desenvolveu unha teoría de aprendizaxe denominada construccionismo dándolle importancia a acción do proceso de ensino-aprendizaxe. El creou unha linguaxe de programación para ordenadores denominada “Logo” onde o alumnado podía construír os seus coñecementos e desenvolver o pensamento lóxico-matemático.  Esta forma de aprendizaxe crea condicións a través da experiencia, da acción, do entorno, da investigación, da experimentación e do ensaio-erro. Se reflexionamos sobre iso de “aprender facendo” é como sempre se veu desenvolvendo, a través da experimentación. Un exemplo é cando lle das un xoguete novo a un neno/a e o primeiro que fai é experimentar con el.

Actualmente, no sistema educativo ocorre totalmente o contrario debido a que non existe relación entre o que se aprende no ámbito educativo e o mundo real. Ademais, hai un exceso de contidos teóricos e non prácticos. Por exemplo, na área de matemáticas unha gran parte dos contidos ensínanse de maneira artificial e descontextualizados do mundo real, sen darlle ao alumnado un entorno de manipulación. Se esta visión se modificase, o alumnado atoparíalle sentido na súa vida cotiá posiblemente a todos os contidos que aprende. Ademais, a aprendizaxe por competencias é transferida polo que a hai que desenvolver en diferentes contextos. O uso das novas tecnoloxías no ámbito educativo pode ser un extra en determinados ámbitos.

Penso que se deberían levar a cabo máis actividades que simulen contextos reais onde o alumnado teña que aprender a poñer en práctica os coñecementos adquiridos en todas as áreas. Estas actividades fomentan no alumnado o desenvolvemento de diferentes habilidades, estimulando o pensamento crítico e a creatividade, así como o contacto con contextos reais nos que a procura de solucións potencie unha participación activa e colaborativa. Por outra banda, considero que nalgunhas ocasións é  moi difícil poñer todo isto nun entorno externo á aula porque nós non estamos no mundo real, estamos condicionados por un entorno para traballar que é a aula ordinaria.

Ademais, creo que resulta realmente difícil para o profesorado cambiar unha metodoloxía a que se está acostumado, mais isto non é imposible xa que se camiña cara unha metodoloxía de “aprender facendo” o alumnado sentírase máis motivado e protagonista do seu proceso de ensino-aprendizaxe construíndo o seu propio coñecemento. Para o profesorado tamén resultaría máis gratificante xa que desempeñaría un papel como facilitador e guía das aprendizaxes, buscando un enfoque constructivista no alumnado que se centre na consecución de aprendizaxes significativas e relevantes. Tamén é importante ter en conta que o feito de que o profesorado elabore os seus propios materiais non garante que cambie a súa óptica de traballo.

Por último, as TIC están transformando os espazos educativos tradicionais dando lugar a novos espazos de aprendizaxe. A pesar da aparición de novos escenarios e axentes educativos, por que credes que seguen a ter un gran protagonismo os escenarios tradicionais nos centros educativos?