Squeak, unha oportunidade de cambio

Squeak é un software libre e educativo para traballar programación onde o alumnado é o protagonista do seu propio aprendizaxe xa que será o encargado de buscar solucións para resolver un problema a través de simulacións semellantes á realidade que el mesmo constrúe tendo como base o descubrimento. Esta plataforma que se utiliza nalgunhas escolas ten unha orientación máis pensada cara o ámbito extraescolar que escolar, polo que está máis encamiñada ao aspecto lúdico. Un dos creadores de Squeak foi Alan Kay en colaboración con outras persoas entre as que estaba Seymour Papert, investigador en tecnoloxía educativa que desenvolveu o construccionismo, unha perspectiva de aprendizaxe baseada no constructivismo. A pesar de que non é algo actual, Squeak aínda non é moi usado no ámbito educativo coma outras ferramentas. A nivel xeral, Squeak está en auxe grazas a organismos que investigan sobre el e o apoian.

Esta plataforma permítenos desenvolver no alumnado diferentes coñecementos debido as posibilidades e as ferramentas que ofrece. A súa posta en práctica require no profesorado certa implicación, creando un entorno de aprendizaxe para guiar a proposta. O profesorado ten que expor un problema a resolver polo alumnado e que este se sinta partícipe e interesado por atopar un significado ou solución ao problema partindo da experimentación. O/a mestre/a ten que dar medios ou saídas para que o alumnado actúe e se produza interacción.

A construción do coñecemento é diferente dun alumno/a a outro/a. Squeak dá a posibilidade de realizar un diario de aula que axude a canalizar as múltiples perspectivas de aprendizaxe que se poidan dar. Ademais, permite compartir as aprendizaxes e razoar sobre as mesmas aportando a reflexión persoal sobre o proceso, é dicir, como xestionas a información e como aprendes dende un punto de vista cognitivo. Para iso, o alumnado debe aprender manipulando e experimentando para que poida extraer conclusións sobre as aprendizaxes.

Polo tanto, Squeak ofrécenos unha oportunidade para desenvolver unha forma diferente de aprendizaxe a partir da construción de simulacións conectando o mundo educativo co mundo real. Penso que Squeak é un bo medio para poñer en práctica o ensaio-erro sen penalizacións entre o alumnado e para potenciar unha aprendizaxe colaborativa. Cando traballamos na clase con Squeak simulando o mecanismo dun reloxo serviume como práctica para afirmar que o construccionismo está relacionado coas competencias.

Na actualidade creo que existen unha serie de limitacións para implantar o emprego deste software nos centros educativos porque a maioría do profesorado segue crendo que é un recurso máis ao que xa lle proporcionan os libros de texto, sen ter en conta como as novas tecnoloxías son un medio moi poderoso para que o alumnado constrúa os seus coñecementos e que estes contribúan ao seu desenvolvemento, tanto a nivel educativo como a nivel persoal. Ultimamente nos centros educativos tamén existe unha gran preocupación por dar todos os contidos debido ao incremento da carga curricular, o cal pode influír en que o desenvolvemento destas plataformas non acabe de callar.

Por outra banda, considero importante que se incorporase máis información sobre este software dentro dalgunhas das materias dos plans de estudos de formación do profesorado porque ata o momento nunca escoitara falar desta plataforma. Penso que a súa utilización é moi útil para experimentar coas novas metodoloxías das cales non fomos partícipes gran parte da miña xeración como alumnos/as, adaptándose aos cambios sen recorrer a metodoloxías de aprendizaxe tradicionais nas que non existe ningún tipo de conexión coa realidade que nos rodea, das que en cambio si fomos protagonistas.

Para finalizar, adxunto un vídeo ao cal lle atopei múltiples relacións co comentado nesta entrada que vos recomendo ver. Nel Ken Robinson indica que hai que crear circunstancias de aprendizaxe para procurar solucións onde os/as nenos/as experimenten coa realidade. Ademais, fai referencia a que a innovación non é fácil, pero aínda así, reflexiona sobre como se segue a facer o mesmo a pesar da evolución.

REFERENCIAS

Fraga, F. e Gewerc, A. (2006). Profesorado y Squeak ¿Una oportunidad para romper los mitos sobre la tecnología en la escuela?, Revista Latinoamericana de Tecnología Educativa, 5 (2), 465‐482. Dispoñible en: http://relatec.unex.es/article/view/283/267