Fin do camiño

Nun abrir e pechar de ollos toca poñerlle fin a esta materia “Experiencias de Aprendizaxe na Era Dixital”. Foron catro meses intensos onde nos achegamos a realidade coa que nos podemos atopar en calquera centro educativo mediante as novas tecnoloxías. Estas permiten o desenvolvemento de espazos dixitais que simulen un entorno concreto.

Ao principio estaba un pouco perdida xa que a meirande parte dos contidos que traballamos eran completamente novos para min. Dalgúns si que tiña escoitado falar nalgunha ocasión anterior pero nunca profundara sobre eles. Comezamos coas nosas impresións iniciais e expectativas sobre a materia. Continuamos coa situación actual das TIC nos centros educativos galegos desmontando e debatendo sobre os proxectos Abalar e E-DIXGAL. Seguimos compartindo as nosas experiencias de aprendizaxe coas tecnoloxías educativas a través das autobiografías. Pasamos a aprender sobre a propia práctica coñecendo o funcionamento e a organización da Wikipedia, inquirindo sobre algunhas das teorías de aprendizaxe, considerando a rede como unha oportunidade de aprendizaxe, elaborando e presentando unha proposta de acción... Ata a última sesión na que nos introducimos no concepto PLE (Personal Learning Enviroments) ao cal xa fixeramos referencia nalgún momento ao longo do cuatrimestre. Na lectura de Adell e Castañeda (2013) defínese PLE como “enfoque pedagóxico cunhas enormes implicacións nos procesos de aprendizaxe e cunha base tecnolóxica evidente” (p. 15). Isto xurde cando a web 2.0 xa que aparece a posibilidade de publicar na rede. Os contornos persoais de aprendizaxe permiten especificar aqueles mecanismos polos que pasas á hora de aprender. Ao ter todos os recursos dispoñibles na rede a persoa é a encargada de procesar, atribuír sentido e contribuír, aportando e enriquecendo os coñecementos dela cos dos outros individuos xerando así unha comunidade. Polo tanto, con este enfoque pódese acceder a información, meditar sobre ela e compartir ou intercambiar os coñecementos con outras persoas (PLN). Así mesmo, potencia a investigación, a reflexión e a experimentación para aprender activamente xa que o alumnado sería o responsable da súa aprendizaxe a través da reflexión e crítica favorecendo unha aprendizaxe significativa. Despois da lectura de “E-portafolios la búsqueda de un software coherente con la propuesta de enseñanza”  dinme conta de que existen posibilidades de levar a cabo este enfoque nas aulas de Educación Primaria tendo en conta as novas tecnoloxías.

Gustaríame afondar con máis detalle nos conceptos da última sesión debido a súa importancia. Ademais, é un paralelismo co que fixemos ao longo da materia do que non eramos moi conscientes nun principio. O que me preocupa sobre este enfoque é que non esteamos demasiado acostumados a el, polo que creo que aínda nos custa bastante expoñer ideas e reflexións publicándoas en redes sociais.

En canto ao emprego deste portafolio, pareceume unha ferramenta moi útil para a aprendizaxe xa que permite crear e compartir coñecementos. Unha mágoa non dispoñer de tempo suficiente para ler detidamente cada unha das entradas dos meus compañeiros e compañeiras e establecer máis relacións sociais comentándoas, das que estou segura que aprenderíamos moito.

Esta materia serviume para ser consciente de que as TIC son uns recursos fantásticos para aprender e ser crítico/a. O enfoque metodolóxico que se lle deu a aprendizaxe da materia resultou ser toda unha novidade para min xa que abordamos os contidos dende experiencias reais e actuais favorecendo unha aprendizaxe significativa. Xunto con isto e grazas a cursar esta materia, agora considero que a rede é unha gran ferramenta social para colaborar, participar, construír coñecementos e reflexionar sobre eles para acadar unha metodoloxía activa nos procesos de ensino-aprendizaxe, e mais no mundo no que vivimos en constante cambio polo que é esencial a capacidade de adaptación ás necesidades educativas do momento.

As primeiras impresións sobre esta materia foron boas e co paso dos días fóronse completando con múltiples experiencias ata hoxe. Sen máis que engadir, ata a próxima!

REFERENCIAS

Castañeda, L. y Adell, J. (Eds.). (2013). La anatomía de los PLEs. Entornos Personales de Aprendizaje: claves para el ecosistema educativo en red (pp. 11-28). Alcoy: Marfil.

Fraga, F. & Gewerc, A. (2009).  E-portafolios. La búsqueda de un software coherente con la propuesta de enseñanza. Revista de docencia universitaria. (pp. 1-12).