Rede de coñecemento

Estamos nunha época marcada por grandes contrastes que avanza a pasos axigantados, onde a economía e a ciencia avanzan a un ritmo que a escola non pode dar resposta que se adecúe ás novas necesidades e problemáticas.

Por un lado, o intercambio de información é vital cara a construción do coñecemento, deixouse de tratar a intelixencia coma algo que existe dentro noso, se non que depende das conexións de información que creamos cos demais. Polo outro lado pídesenos que sexamos innovadores e que deseñemos tendo en conta os intereses do alumnado cara o obxecto de coñecemento que se propón pero atopámonos con teorías curriculares moi marcadas e pechadas que o único que se consegue a través delas é a repetición do sistema de replicar.  

Nesta tesitura, George Siemens nunha das súas conferencias sobre o conectivismo expón a necesidade de situar a educación fronte ao que é a sociedade, posto que o novo sistema social está promovido polas redes de coñecemento que cambian constantemente.

Estamos pasando dun sistema de réplica do coñecemento a un baseado na creatividade e na innovación. Siemens explica que os cambios que se están a producir na sociedade non veñen da man cos do sistema educativo. Por iso está a necesidade latente de atopar as fontes de coñecemento para que os nenos/as poidan “conectarse” ao mundo, así como de converter o libro de texto nunha oportunidade de aprendizaxe, que non actúe coma un bloque que nos free coma adoita suceder.

Nun momento da súa intervención, fálase do cambio da economía, se antes o mundo se rexentaba pola economía do traballo físico, agora estamos na era da economía do coñecemento, na que a vida media do coñecemento é cada vez menor. Como docentes temos que ter en conta que aínda que os nenos/as teñan a posibilidade de aproximarse á gran cantidade de información que existe na rede, non quere dicir que sexan competentes en aspectos referidos á procura, a valoración ou a reflexión da mesma. Por iso temos que favorecer estratexias que lle permitan ao alumnado ser capaces de moverse e xestionar os coñecementos que chegan a eles grazas aos soportes dixitais.

Un aspecto que me gustaría destacar é que na actualidade hai moitas voces en alza que poñen en cuestión a función do docente como transmisor único da información, posto que grazas ás TIC, os espazos de aprendizaxe tradicionais (como son as aulas) se poden eliminar, polo que os docentes xa non son os donos dos espazos de aprendizaxe dos alumnos.

Coido que nesta nova era onde calquera información a atopamos a menos dun click, os docentes teñen un novo papel, agora non só temos que ser transmisores de información, deixando atrás o sistema modelador xa creado para os alunmos/as, senón que temos que preparalos para que sexan quen de afrontar os problemas actuais. Para iso, temos que asumir o rol de facilitadores e guías para que o alumando poida crear o seu coñecemento a través dos seus intereses e concepcións.