O concepto de m-learning e o proxecto 'Expedición Menosca'

Por todos é sabido que existen diversos xeitos de aprender e de chegar ao coñecemento. Na actualidade trabállase arreo co denominado e-learning e incluso co b-learning pero... existe tamén unha modalidade chamada m-learning. Coñecíadela?

O Centro de Educación Permanente define o e-learning como aqueles procesos de ensinanza aprendizaxe que se levan a cabo a través de Internet, caracterizados por unha separación física entre profesorado e estudantado, pero co predominio dunha comunicación tanto síncrona como asíncrona, por medio da cal se establece unha interacción didáctica continuada.

Do mesmo xeito, atopamos o b-learning. Este trátase dun proceso docente semi-presencial que se leva a cabo en Internet e presencialmente. É dicir, combina clases presenciais e actividades e-learning.

Persoalmente, coñecía ambos conceptos pero descoñecía o m-learning, motivo principal desta entrada no blogue poñéndoo un pouco en relación coa actividade que realizamos o primeiro día de clase. O m-learning xorde da adaptación do e-learning aos novos dispositivos móbiles. Defínese como unha metodoloxía de ensinanza e aprendizaxe que se vale do uso de dispositivos móbiles para conseguir uns fins didácticos. Pretende explotar todo o potencial destes aparatos electrónicos convertíndoos en valiosas ferramentas con capacidade de actuación pedagóxica. Esta característica fai que a súa maior vantaxe sexa a ampla posibilidade de uso en calquera lugar e en calquera momento e que ademais permita resultar máis personalizado, dinámico e atractivo.

Unha experiencia pioneira en España foi o proxecto Expedición Menosca que levou a cabo o Museo de Arte e Historia de Zarautz (Guipúzkoa) coa colaboración da Universidade do País Vasco. Este proxecto contaba cun programa, dirixido a alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, que perseguía o propósito de facilitarlle a aprendizaxe da romanización da costa vasca. Nun inicio, os alumnos e as alumnas debían realizar traballo previo na aula con información sobre o museo e tamén acerca do uso de PDAs e GPS. A continuación, xa no museo, divídense por grupos e inician, xa co material correspondente, o seu traballo que, finalmente, presentarán ante os seus compañeiros cunha presentación en power point. Para a realización do traballo terán que orientarse mediante coordenadas co GPS, realizar e editar vídeos e fotos coa PDA e ir enviando o material por e-mail. Con estas actividades, Expedición Menosca busca desenvolver un modelo constructivista de integración das novas tecnoloxías na aprendizaxe do patromio e da arqueoloxía, desenvolver un contexto virtual de aprendizaxe e deseñar, desenvolver e avaliar un programa didáctico de aprendizaxe do patrimonio e a arqueoloxía mediante o m-learning.

As caracteristicas do proxecto e as súas actividades (orientarse mediante o GPS, realizar e editar vídeos e fotos, enviar o contido por e-mail) recórdanme á actividade do primeiro día de clase de Tecnoloxía Educativa. Considero, polas opinións persoais que lin nesta rede e tamén polas que se comentaron na aula, que esta foi unha iniciativa aplaudida pola maioría de nós polo innovadora que nos resultou dentro do contexto da universidade. Por isto, opino que o uso do m-learning é unha boa ferramenta de apoio ás clases nas aulas e que deberían existir máis iniciativas coma estas que non lle den a espalda ás novas tecnoloxías senón que as adapten e as utilicen para traballar, aprender e enriquecernos disfrutando do proceso.

Vós que pensades? Estades a favor ou en contra?

 

Comentarios

  • Tania

    Noelia a túa publicación pareceume moi interesante, xa que me descubriches o m-learning. Como ti ben indicas eu tamén coñecía o e-learning e o b-learning, pero descoñecía o m-learning. Pola explicación que acabas de facer deste considero que se trata dunha ferramenta moi axeitada para o emprego en clases de diferente tipoloxía. Así mesmo, considero importante a matización que xurde, ó meu xeito de ver, da Expedición Menosca. É dicir, como ben indicaches para que o m-learning teña un maior peso cognitivo é preciso un traballo con anterioridade sobre os contidos a tratar. Este feito pareceme fundamental, pois moitas veces asociamos as novas tecnoloxías a algo inmediato, que apenas precisa de traballo e estudo anterior para o seu emprego. Sen embargo, a miña breve experiencia de prácticas mostroume que o emprego das novas tecnoloxías, sexan cales sexan, en diferentes clases leva parello un esforzo dos docentes que carece, en moitas ocasións, do recoñecemento que merece.