Formación no uso das TIC no meu Practicum I

Despois dunha semana tanteando o terreo, penso que é hora de contarvos certos aspectos do meu Practicum I relacionados coas tecnoloxías. Estou vivindo esta nova experiencia no Centro de Reeducación Concepción Arenal da Coruña (é posible que algún de vós o coñeza como “Centro de Menores de Palavea”). É un centro de titularidade pública, xestionado pola Fundación Camiña Social e o seu fin principal é a reeducación e reinserción social dos menores sometidos a medidas xudiciais.

Dende hai unha semana son consciente da concepción errónea e negativa que ten a sociedade deste tipo de centros. Lonxe de atoparme con algo parecido a un cárcere, podo dicir que cheguei a un centro de reeducación con todas as letras. Isto implica que se desenvolvan unha serie de programas destinados a formar aos menores en diversos aspectos e materias que os fagan máis competentes socialmente.

Entre estes programas formativos atopamos o denominado “AUL@TIC, Programa de Tecnoloxías da Información e Comunicación e do seu uso seguro e responsable”. Como reflexionamos a raíz das sesións de Tecnoloxía Educativa, a maioría de nós precisa mellorar a súa competencia dixital, a pesar de contar con toda a información necesaria e de empregar as TIC no noso día a día para diversas tarefas. Como vos poderedes imaxinar, estes mozos teñen un uso moito máis limitado das tecnoloxías e, probablemente, non vaian moito máis alá das redes sociais.

Así pois, este programa fundaméntase no feito de que a maioría de menores con medidas xudiciais son analfabetos dixitais funcionais. Pola era na que naceron, coñecen as TIC e fan uso delas, sen embargo, manexan mal a información e as aplicacións para poder obter coñecemento. AUL@TIC céntrase na alfabetización dixital e na formación orientada á inserción laboral e social dos menores. Pretende incrementar os seus niveis de integración, mellorar as súas capacidades no ámbito, fomentar un uso seguro e responsable e tratar a fondo os aspectos dos casos de adiccións.

 

O programa divídese en catro módulos:

 

  1. Alfabetización dixital: este módulo ten como obxectivo formar en habilidades dixitais básicas como son a mecanografía, o uso de Windows, Word, Excel e Google Chrome/Internet Explorer.

  2. Hábitos de uso das novas tecnoloxías: no cal se pretende coñecer os hábitos de uso das TIC, diferenciando entre os positivos e negativos e tratando de interiorizar os favorables.

  3. Adicción ás novas tecnoloxías: dado o uso xeralmente abusivo que lle dan os menores adolescentes ás TIC é moi importante que se trate este apartado. Nel fálase dos conceptos de abuso e adicción, analízanse os factores de risco ante as tecnoloxías e trátanse as características e problemáticas asociadas á adicción.

  4. Uso seguro e responsable das TIC: este módulo trata de ensinar aos menores a usar Internet con seguridade, así como de aumentar as capacidades, oportunidades e fortalezas dos menores mediante as novas tecnoloxías.

 

Para a realización deste programa empréganse diferentes recursos e dinámicas centrados sempre no interese das persoas menores. Procúrase en todo momento a interacción entre os participantes empregando as TIC. Empréganse documentos audiovisuais, refexións de situacións reais, cuestionarios e colaboracións de membros de asociacións que acheguen a súa realidade aos mozos e mozas.

O desenvolvemento ten lugar no propio centro, en forma de talleres realizados en 14 sesións de 90 minutos. Estas sesións son maioritariamente grupais, pero tamén se realizan outras individualizadas con menores que presenten unha problemática asociada a este programa.

Entre as actividades que se realizan neste programa están un cuestionario sobre os hábitos das TIC e un debate sobre o mesmo tema. Unha vez recabada a información, realízanse uns xogos de rol e técnicas grupais para fomentar os hábitos saudables no uso de Internet e das TIC en xeral. Proxéctanse tamén vídeos para expicar e debatir o que é e que produce a adicción ás TIC. Tamén se realizan dinámicas que permitan xestionar a información que nos proporcionan as tecnoloxías dunha forma axeitada, por exemplo, saber aproveitalas para unha boa orientación laboral. Os menores elaboran e, posteriormente, editan contidos que son publicados nun xornal interno e no blog do centro. Nestes inclúense reflexións sobre temas de actualidade, debuxos reivindicativos e de concienciación, redactan recetas que realizan no obradoiro diario de panadería... Deixovos a dirección do propio blog por se lle queredes botar unha ollada: oblogdosmenores.wordpress.com

 

Ademais do Programa AUL@TIC, lévase a cabo o “Programa Xuvenil para Fomentar Coñecemento, Responsabilidade e Bo Trato nas Redes Sociais”. Este está dirixido aos propios menores e inclúe:

-Unha escala de autoavaliación, coñecemento e uso das RRSS. Ademais dunha folla de corrección da propia escala.

-Unha guía de coñecementos xerais das RRSS e das aplicacións: que son, principais redes sociais, normativa aplicable, situacións a evitar e posibles amenazas na rede...

-Información sobre as regras básicas para un uso sano das redes sociais: seguridade, protección, privacidade, riscos, alertas.

-”Caixa de ferramentas” que conta cun glosario e un apartado de curiosidades das novas tecnoloxías.

Comentarios

  • Nerea Patiño Fontenla

    Ola Sara. 

    Ao igual que a publicación que fixo unha das nosas compañeiras (Milagros Cordal) no Blog, tamén me chamou a atención a túa publicación, posto que me parece interesante coñecer a realidade dos diferentes centros de reeducación de menores. No centro no que me atopo realizando as prácticas, tamén se realizan actividades facendo uso das Novas Tecnoloxías e de feito, os internos contan con varios días á semana destinados a facer uso das mesmas cun mestre. As actividades que realizan cos ordenadores na súa Aula Tic, soen estar destinadas á realización de diversas actividades programadas polos educadores, mais con todo, as actividades do mestre especialista nesta área son diferentes e tal como no centro no que ti te atopas, as dinámicas soen ser grupais. 

    Tamén, de cando en vez trabállase en actividades relacionadas con artigos sobre o emprego das Novas Tecnoloxías e de maneira máis específica, co uso das Redes Sociais e cos riscos e perigos que supón facer uso das mesmas. Nestas actividades, trabállase dende unha óptica preventiva, aínda que tamén en algún caso correctiva.