"E onde queda o meu desenvolvemento persoal?"

Quero empezar expresando que estou totalmente dacordo con todas as opinións que escribiron as miñas compañeiras no relativo á calidade da derradeira clase expositiva da materia. Canta falta fan máis clases así!

E é precisamente con este pequeno comentario co que quero relacionar a frase de Adriana que se quedou na miña mente aínda días despois. Atopábase ela relatando, de xeito moi dinámico, a súa vida seguindo unha orde cronolóxica cando chegou ao punto crítico de toda estudante... que facer despois de graduarse. Dixo: "decíame meu pai: e terás que facer un Master, ou terás que estudar inglés...; e eu pensaba: e onde queda o meu desenvolvemento persoal?". E eu pensábao tamén ao mesmo tempo ca ela. Onde queda o noso desenvolvemento persoal? Por que fixeron falta 3 anos de carreira para vivenciar dúas horas interaccionando con profesionais da Pedagoxía con experiencias ben diferentes á da orientación escolar (sen cuestionarme a importancia desta, que é realmente moita)? Sen dúbida, o xeito de vertebrar a súa vida a través da Pedagoxía, de ver Pedagoxía en realidades totalmente alternativas ao común paréceme asombroso e marabilloso.

Por isto, coido que é realmente importante atender a todos os eidos da formación dunha persoa, sen descoidar absolutamente ningún deles. Atópolle especial relación coa formación en competencias dixitais. Moitos e moitas docentes coidan que o importante á hora de impartir clase é a teoría e a nosa posterior reprodución da información. Deste xeito, descoidan totalmente o uso das novas tecnoloxías, de prepararnos para a realidade dos nosos días, para a verdadeira vida que se desenvolve fóra desas catro paredes dentro das que todo semella ser puro; ou branco ou negro.

Pretendo concluír dicindo que que todas as alumnas dunha clase saian satisfeitas coa inversión que acaban de facer de dúas horas da súa vida paréceme sinónimo de verdadeiro éxito. Ao igual que me parece que algunhas, coma min, sigamos a reflexionar sobre iso días despois. Aquí queda tamén o noso desenvolvemento persoal, ás veces dentro desas catro paredes (aínda que menos a miúdo do que a todas nos gustaría).

Comentarios

  • Tania

    Pareceme unha reflexión moi interesante a que acabas de facer Noelia, a que lle sumaría o seguinte. É certo que mentres te atopas a estudar semella que vives nun impasse dentro da túa vida. Sen embargo, o achegarse o remate dos estudos comezan a chegar as primeira dúbidas sobre o qué fixeches en todos os anos anteriores: escollín a carreira adecuada?, esforceime todo o qué debía?, cal será a miña saída profesional?... E a máis importante, atoparei un traballo relacionado co que estudei? ou simplemente, atoparei traballo? E neste punto, cando me gustaría destacar a clase do outro día, despois de coñecer a experiencia desas catro pedagogas semella que se abriron novas oportunidades de traballo para min e para os meus compañeiros, ó tempo, como ben dis Noelia, se puxo en valor o "desenvolvemento persoal" que as veces tanto esquecemos por acadar uns obxectivos preinmpostos.