Publicidade e infancia.

Os primeiros anos de vida, e toda a infancia no seu conxunto, comprenden idades na que os individuos son moi influenciables respecto dos estímulos externos, ata o punto de que os expertos afirman que desde os 18 meses os nenos son capaces de comezar a recoñecer os logotipos de marcas coñecidas, e mesmo que desde os 3 anos cren que estas lles poden axudar a expresar a súa identidade.

Os nenos son especialmente sensibles á publicidade e ás súas mensaxes, incluso se prodería dicir que os nenos están indefensos ante o efecto que lles xera a publicidade; A súa falta de criterio e experiencia fainos vulnerables a crer todo aquilo que se lles mostra, xerando falsas expectativas ou convencéndoos de que aquilo é algo do que non deben prescindir. E é que a esas idades non son capaces de comprender que están a ser utilizados polas grandes empresas no seu beneficio.

Un grupo de investigadores da Universidade Juan Carlos I presentaron os resultados dun estudo que analiza como inflúe a publicidade televisiva nos nenos e como contribúe a formar a súa imaxe do mundo. ABC concrétanos: "Na investigación, realizada con 150 nenos da Comunidad de Madrid entre nove e once anos, confírmase que o recordo da imaxe mental varía nos pequenos segundo a forza da imaxe, o grao de concreción dunha palabra, a referencia de cada son ou a capacidade de viveza de imaxe mental que ten cada neno." O que implica que os nenos constrúen unhas imaxes mentais que incorporan conceptos, ás veces negativos, como a violencia ou a competitividade.

Ademais, Clipping exemplifícanolo coas seguintes palabras de Cristina Pena-Marín e Carlo Frabetti, extraídas do seu libro "A Muller na Publicidade": As bonecas tipo Barbie, belas, atractivas, cun vestiario fabuloso... Non teñen nada de nais, as nenas non fan de nai con elas. (?) as nenas constrúen a través delas un espazo simulado no que elas non están, pero no que proxectan as súas fantasías.

Por se isto fose pouco, os propios programas infantís deséñanse para promocionar determinados produtos, sendo algúns deles máis un anuncio longo que un programa de televisión. Estes tratan de convencer e tentar aos nenos para que pidan determinadas cousas, converténdoos nun obxectivo poboacional para moitos fabricantes, un grupo para o que se deseñan animacións, temas musicais, fantasías e toda unha serie de técnicas especialmente dirixidas á súa mente.      

O feito máis recente que puxo en manifesto esta problemática foi o lanzamento o 23 de Febreiro deste ano de Youtube Kids. Unha decena de organizacións de consumidores e de protección da infancia asinaron unha petición que solicita á Federal Trade Commission (FTC) que o investigue por conter publicidade considerada inadecuada polos mecanismos de mestura entre publicidade e contidos que utiliza para influenciar aos nenos, volvendo poñer o debate ético encima da mesa ¿Ata que punto se debe permitir? Diversos expertos, manifestan que o máis correcto sería prescindir do seu uso durante a infancia, e de feito países europeos como Noruega ou Suecia prohíbeno ata os doce anos de idade

É evidente que os efectos que pode producir nos rapaces depende de factores como a idade, a capacidade de desenvolvemento do pensamento e as diferenzas persoais, pero tamén o é o feito de que se pode realizar unha publicidade moito máis honesta, sen sobrepasar as liñas do ético. A formación dun neno é labor de todos, e ademáis do importante labor da familia e a escola neste ámbito, sería moi positivo que os responsables das televisións sopesasen a clase de contido que emiten. Incluso é posible que nos sorprenderan unhas futuras xeracións moito máis capacitadas para a sociedade.

 

REFERENCIAS:

• 20 Minutos (2016) La publicidad para niños induce tempranamente al consumo excesivo. Recuperado de: http://www.20minutos.es/noticia/2815271/0/publicidad-ninos-consumo-endeudamiento/

• ABC (2015) , La publicidad influye en la percepción que los niños tienen del mundo. Madrid. Recuperado de: http://www.abc.es/sociedad/20150505/abci-infancia-publicidad-imagen-201505051317.html

• Dans, Enrique (2015), Children and advertising. Recuperado de: https://medium.com/enrique-dans/children-and-advertising-33d5e35e23ec

• Sánchez, Álvaro (s/f) Publicidad e infancia: Reflexiones y pautas éticas. Recuperado de: http://www.clippingrrpp.com/etica-infancia-publicidad.html