Proxecto E-DIXGAL

Este proxecto toma como referente o Proxecto Abalar, denominación que ten en Galicia o Plan Escola 2.0. e do que nos falou a nosa compañeira Paula.

E-dixgal incorporouse ao sistema educativo no ano 2014/2015 e está dirixido aos centros que están na Rede Abalar, que se definen por establecer ambientes plenamente dixitais para dar apoio ao proceso de ensinanza-aprendizaxe, relegando o papel do libro de texto tradicional para dar paso ao libro dixital. Nel os docentes e alumnos desenvolven a súa actividade educativa diaria nun entorno virtual de aprendizaxe. Os provedores deste libro dixital son a editorial EDEBÉ e a empresa de contidos dixitais Netex.

O que se pretende con E-dixgal é fomentar o uso das aula Abalar, poñendo a disposición dos centros unha plataforma virtual de aprendizaxe, con libros de texto dixitais e outros materiais cos que poder desenvolver o currículo na súa totalidade.

Entre as posibilidades que ofrece están, a gratuidade para os alumnos/as, que os docentes poidan elaborar a súa ‟mochila dixitalʺ seleccionando a través da plataforma dixital os contidos que consideren oportunos e podendo ademais, incorporar os materiais complementarios que desexen e contidos de elaboración propia. Unha das que máis me chamou a atención e me pareceu moi interesante, foi a de que os alumnos poden acceder ao material, seleccionado polo docente,  a través da conexión a internet (modo online) pero ademais, tamén poden facelo dende o seu netbook (ordenador portátil que cada alumno ten para empregar na clase e que, cunha solicitude previa pode levar para a súa casa, devolvendo no prazo máis breve posible) (modo offline), para que todos aqueles nenos e nenas que non dispoñan de conexión a internet nas súas casas ou non dispoñan dun ordenador, poidan realizar o curso sen ningunha dificultade; garantizando deste xeito ,que non exista unha brecha dixital, nin unha exclusión dixital, entre os alumnos participantes no proxecto.

Que se dispoña dunha rede intranet, fai que este recurso se converta nun lugar seguro e privado, outro feito que me parece moi interesante, pois como en todo, a rede trae grandes posibilidades pero tamén grandes riscos.

Os autores do artigo afirman que grazas a este proxecto se enriqueceu o proceso de ensino-aprendizaxe, as familias se comprometen máis e o alumnado está máis motivado.

Ata este punto, todos poderíamos dicir que é unha iniciativa moi boa, que nos parece moi interesante pero, isto só sería unha cara da moeda. Se facemos referencia á outra, podemos afirmar que este proxecto si que trae consigo unha gran brecha dixital pois, está destinado para levar a cabo nos centros educativos que forman parte do Proxecto Abalar, do cal debemos saber que se ofertou tanto a centro públicos como concertados pero estes, deberían cumprir con determinadas condicións de infraestrutura e datos,  polo que se trata dun proxecto con carácter selectivo e excluínte, deixando fora a moitos cursos que non se contemplan para a dotación do mesmo e a moitos centros que non cumpren eses requisitos.  

Según os datos do informe da Xunta de Galicia (2015) só 103 centros educativos forman parte deste proxecto, fronte aos 1307 existentes.

E agora, vendo as dúas caras da moeda, que opinades desta iniciativa?

 

Referencias bibliográficas:

Rodríguez Machado, E., Veiga, E. & González Sanmamed, M. (2015). O Proxecto Abalar e o Libro Dixital el Galicia (Edixgal). Revista de Estudios e Investigación en psicoloxía y educación, Extr(13), doi: 10.17979/reipe.2015.0.13.592

Fraga Varela, F. & Alonso Ferreiro, A. (2016). Presencia del libro digital en Galicia. Una mirada estadístico geográfica del Proyecto E-DIXGAL. Revista de currículum y formación del profesorado, 20(1).