Modelo tecnocrático e modelo relacional

A introdución das novas tecnoloxías no ámbito académico pode darse de dúas formas que determinan ou definen os seguintes modelos:,

Por unha parte, atopamos o modelo tecnocrático no que a tecnoloxía é tratada como un medio para conseguir un fin, afincando así os recursos dixitais a ser tratados como instrumentos. Este modelo permite cambios rápidos pero pouco profundos no proceso de aprendizaxe.

Pola outra banda atopamos o modelo relacional no que a tecnoloxía ten un papel moito máis amplo que no anterior caso. Neste modelo, a tecnoloxía defínese dentro dun entorno de interaccións no que é unha práctica social máis e cuxo uso vai máis alá de ser utilizada como ferramenta. O modelo relacional ten unha influencia máis efectiva pero moito máis lenta.

Como se pode reflexionar do anteriormente exposto, o modelo relacional implica unha visión máis ampla e efectiva e, polo tanto, producirá un cambio máis sustancial que se estivésemos a falar do modelo tecnocrático. Porén, considero que o ámbito educativo é moi amplo e que nel nos atopamos ante moi diferentes situacións. Algunhas aceptarán a introdución das novas tecnoloxías mediante o modelo relacional pero outras moitas considero que aínda non están o suficientemente maduras como para facelo deste xeito e que, polo tanto, facelo dende o modelo tecnocrático pode ser o primeiro paso de moitos.

Fun consciente dun claro exemplo disto durante a miña estadía do Practicum I nun CEIP do interior de Galicia. Alí, a maioria das profesoras facían uso, dun xeito ou doutro, das TICs durante o desenvolvemento das súas clases. Malia a isto, había unha profesora que se amosaba remisa á introdución das mesmas na súa aula ordinaria afirmando que, principalmente, era porque non posuía coñecementos suficientes do manexo dos dispositivos electrónicos, o que non a motivaba a realizar clases alternativas. Neste caso concreto, as súas compañeiras recomendábanlle que empezase ela mesma a utilizar os dispositivos como ferramentas a prol de gañar tempo durante o desenvolvemento das súas clases e tamén das facilidades que estes lle suporían. Isto faría que, co paso do tempo, a introdución da tecnoloxía mediante os seus usos máis básicos espertasen nela mesma interese polas demais usos e alternativas que ofrece unha visión tecnolóxica.

Deste xeito, penso que ambos teñen cabida polo menos entendidos como un proceso ata chegar a conseguir a situación máis óptima, concienciando de todas as posibilidades que ofrecen como ferramentas para chegar a seren usadas como parte intrínseca do proceso de ensino-aprendizaxe constituíndo unha práctica social máis.