• Blogs
  • Noelia Casal
  • Entrevista sobre o uso das TICs a unha alumna de Maxisterio de Primaria

Entrevista sobre o uso das TICs a unha alumna de Maxisterio de Primaria

Tras ter tratado a incorporación das novas tecnoloxías nas aulas durante as miñas anteriores entradas, decidín realizarlle unha pequena entrevista a unha amiga que se está a preparar para ser docente. Ela acaba de completar 2º de  Maxisterio de Primaria nunha das Universidades galegas e estas son as súas respostas:

Pregunta: Xa que estou a entrevistar a unha futura docente, gustaríame saber cal é o trato que se lle dá as novas tecnoloxías dentro da túa carreira. Por unha parte, cursas materias directamente enfocadas á incorporación das novas tecnoloxías na túa futura docencia? E por outra parte, a docencia que ti recibes incorpora o uso das novas tecnoloxías como unha ferramenta valiosa no proceso de ensino aprendizaxe?

Resposta: A única materia que cursei ata o momento enfocada ao uso das novas tecnoloxías foi Novas Tecnoloxías aplicadas á Educación Primaria. A verdade é que sobre esta asignatura non teño moi boa opinión nin moi boas experiencias xa que o profesorado se limitaba a indicarnos as actividades que tiñamos que aprobar para poder presentarnos ao exame e dábannos, a modo de consello, a indicación de que utilizásemos os titoriais de YouTube para poder levar a cabo esas actividades.

En canto á segunda pregunta, lamentablemente non considero que na miña carreira se usen as novas tecnoloxías como unha ferramenta valiosa dado que o uso de Power Points e PDFs paréceme algo básico. Considero que as TICs teñen moitos máis usos e moitas máis aplicacións que nin usan con nós nin nos ensinan.

P: Consideras que o teu profesorado se atopa formado e preparado cara á incorporación das TICs na súa docencia habitual?

R: Claramente opino que non. Teño un profesorado cunha media de idade bastante alta, o que non ten nada malo, pero realmente creo que inflúe en que moitos dos meus profesores non saiban sequera abrir un e-mail para concertar unha titoría ou subir as notas á secretaría virtual.

P: Hai algún profesor ou profesora que utilice métodos de avaliación alternativos ao exame en papel? Cal é a túa opinión sobre estes?

R: Nos meus dous anos de carreira aínda non tropecei con ningún profesor que os utilice polo tanto non teño ningún tipo de opinión sobre outros métodos alternativos ou sistemas de avaliación relacionados coas TICs.

P: Como futura profesional da educación, consideras que é importante a incorporación das novas tecnoloxías na docencia obligatoria ou cres que é algo que debe quedar máis relegado ao ocio e tempo libre?

R: A verdade é que considero realmente importante a presencia das novas tecnoloxías nas aulas dado que imos a traballar con alumnos que, xa non é que as precisen como tal, senón como futuros cidadáns dun mundo onde, irremediablemente, a presencia das TICs é abrumadora.

P: Cal é o uso que fas ti pola túa propia iniciativa dos recursos tecnolóxicos de cara á preparación das materias?

R: O uso que fago eu das TICs lamentablemente relégase ao uso de titoriais ou á lectura de información en liña que me expliquen o que os profesores non fixeron na aula. Polo demais, non estou empregando moito as novas tecnoloxías porque, nese senso, a miña carreira cun ordenador, con Drive e Word, sácase adiante.

 

Como vedes, a opinión desta moza en torno ao uso das novas tecnoloxías dentro da súa carreira está lonxe de ser a que ela desexaría. A pesares diso, está concienciada coa importancia que as TICs deben ter dentro das aulas como ferramenta indispensable neste ámbito.

Que opinades de que esta sexa a experiencia dunha futura docente? Agardo as vosas opinións!

.