A presenza de métodos alternativos nas avaliacións universitarias

Despois da realización da anterior pequena entrevista quedeime con ganas de coñecer algunha experiencia universitaria na que as respostas fosen diferentes. Por sorte recordei unha persoa que me tiña contado que sí vivira este tipo de experiencias e decidín contactar con ela. Está a piques de rematar o grao en Lingua e Literatura Inglesas tamén nunha Universidade galega e estas foron as súas respostas:

PREGUNTA: Nalgunha das asignaturas que cursaches se prescinde da avaliación habitual e se utilizan outras plataformas tecnolóxicas para levala a cabo? De ser así, que opinas delas?

RESPOSTA: Nas materias que tiven ata o momento tiven unha que non se utilizou o método tradicional de avaliación senón que usabamos un blogue no que tiñamos que publicar entradas cunha periodicidade libre, pero preferentemente semanal. Deste xeito todos tiñamos acceso ás publicacións dos demais, o que nos permitía deixarnos comentarios e  interactuar entre nós. Así mesmo, a profesora tamén tiña o seu blogue, que era como o blogue principal, que facía a labor de campus virtual onde ía subindo as presentacións de clase, textos para a súa lectura obrigatoria ou de apoio, subía as novas e daba as instrucións que debían rexer as nosas actuacións en relación á creación e ao mantemento dos nosos blogues individuais.

Este método gustoume xa que me pareceu moi interesante ter liberdade para expresarme e para ler as opinións dos demais e pareceume que aprendín moitísimo grazas a isto. Porén, creo que tampouco o botaría de menos se o tivésemos feito noutro formato; por exemplo entregando ensaios semanais e compartíndoos na clase; creo que deste xeito tamén houbese sido enriquecedor.

Esta foi a única asignatura na que utilizamos exclusivamente un soporte tecnolóxico, aínda que despois tiven outra materia na que case a metade da nota era un traballo no que tiñamos que fotografar pintadas da rúa e analizalas creando unha presentación para compartila cos nosos compañeiros e compañeiras.

Cabe dicir tamén que na universidade hai un Laboratorio de Idiomas onde podemos atopar ordenadores con auriculares que utilizamos para as materias de idiomas  e para as de fonética; aínda que realmente a maioría das actividades que realizamos alí terminan por ser as mesmas que fariamos noutra aula, con bolígrafo e papel.

P: Botas de menos este tipo de iniciativas innovadoras nas demais asignaturas? Cres que estas poderían incluso motivarte máis?

R:  Eu persoalmente non boto de menos innovacións deste estilo porque penso que a carreira está ben tal e como está. Considero que se trata dun grao no que a tecnoloxía tampouco ten moita cabida, é dicir, na aprendizaxe dun idioma son moi importantes os materiais audiovisuais pero, en xeral, as cousas máis técnicas non deixan demasiada cabida á tecnoloxía.

P: Cal é o uso que fas ti pola túa propia iniciativa dos recursos tecnolóxicos de cara á preparación das materias?

R: Eu o que fago é coller apuntes en clase con bolígrafo e caderno pero si que é verdade que hai moitas alumnas que utilizan o ordenador ou as tabletas. Ben é certo que hai profesores que prohiben o uso destes dispositivos porque din que supón unha distracción, e creo que é certo porque moitas veces vexo á persoa de diante entrando en Facebook ou noutras redes sociais así que un pouco tamén por evitarme distraccións prefiro non usar estes dispositivos.

Do mesmo xeito teño que dicir que prefiro imprimir o material de cara á preparación dos exames finais para poder subliñalos ou engadir o que considere necesario neles.

 

Como podedes ler, no seu grao si existen iniciativas similares a esta que nós mesmas estamos vivenciando durante esta asignatura aínda que seguen sendo casos aislados. Do mesmo xeito, ela mesma considera que a temática da súa carreira admite menos a incorporación das novas tecnoloxías que outras e que estas, algunhas veces, lle supoñen unha gran distracción.

Persoalmente paréceme raro que estas sexan as sensacións dunha rapaza nativa tecnolóxica pero creo que este tipo de pensamentos se ven creados pola falta de información específica acerca desta temática e dos seus beneficios educativos.