Quinta semana de clase (9/10/17 e 10/10/17)

Nas sesións desta semana estivemos falando do software libre e fixemos un breve percorrido histórico ata chegar ao concepto de wiki.

Nos anos 80 comezaron a establecerse os sistemas libres e a partir de entón comeza a cuestionarse todo aquilo que non é modificable, á vez que xorden preguntas como onde está o negocio neste sistema.

A wiki constitúe unha tecnoloxía relativamente recente que permite crear e modificar o coñecemento e que está ao alcance de calquera, rompendo co principal inconveniente que presentaban anteriormente as páxinas web, cuxa modificación estaba só ao alcance de quen soubese de programación e resultaba ser un proceso engorroso. A simplicidade, a apertura e a flexibilidade que caracteriza este recurso fixo posible que a maioría da poboación comezase a sumar os seus pequenos esforzos creando así un coñecemento online e dispoñible para todos. O exemplo vivo máis emblemático de colaboración na web que segue vixente é a Wikipedia, unha enciclopedia moi actualizada que sobrepasa en número de visitas a outras que antano foron consideradas de referencia e que segue crecendo e modificándose diariamente.

Pese a ser un bo recurso na aula, o uso de wikis en educación é limitado e está practicamente relegado a funcionar como un taboleiro de anuncios con avisos ou tarefas que van nunha única dirección: de docente a alumno (na gran maioría dos casos). Isto limita moito as posibilidades de uso dunha ferramenta que permitiría a creación (recordemos o que se comentou sobre a Teoría da Conectividade) e que faría máis competente ao alumnado en canto ao uso da rede para crear por vez de consumir.

Para a posta en práctica propúxosenos a creación ou modificación dunha páxina na Wikipedia. Esta iniciativa resultou moi interesante e mostra unha posibilidade real de levar as wikis á aula como creadores. É unha práctica totalmente factible en primaria e que pode resultar altamente motivadora.