Wikipedia, a enciclopedia libre

Na semana do 9 de outubro, centrámonos no Software libre, facendo un traxecto histórico, chegando ao concepto de wiki. Fixemos bastante fincapé na Wikipedia. Foron unhas clases que me gustaron moito, seguramente pola cercanía deste tema, xa que nalgún momento tiven que utilizar a wikipedia para consultar algunha dúbida, complementar información ou realizar algún traballo de clase.

A wiki pódese dicir que é algo novidoso, xa que foi creada recentemente, coa finalidade de que calquera usuario puidese crear, modificar ou eliminar contidos nunha páxina web. Isto vai en contra das primeiras páxinas web, as cales só podían utilizalas aquelas persoas que tivesen máis coñecemento sobre o tema. Un caso de wiki máis coñecido é a Wikipedia, unha enciclopedia libre creada no ano 2001. A antecesora da Wikipedia foi a Nupedia creada un ano antes. Era unha enciclopedia en liña, na cal só podían publicar artigos aquelas persoas expertas no tma que estiveran rexistrados nunha licencia de contido libre. Polo que Nupedia non se pode considerar unha wiki, xa que non podía ser editada por todos os usuarios da rede.

Desde a creación da Wikipedia, sempre se puxo en dúbida a súa fiabilidade. Existen datos que respaldan a fiabilidade desta enciclopedia libre, como poden ser o número inmenso de visitantes que ten, o número de usuarios que participan na súa edición, o 99% dos vandalismos detéctanse e elimínanse de forma inmediata, as modificacións gárdanse de forma automática no historial, ten normas básicas que obrigan a referenciar os artigos senón serán eliminados, máis de 36.000.000 artigos en total, etc.

Existen unhas claves fundamentais para poder facer uso da Wikipedia, como poden ser: utilizar un punto de vista neutral, usar fontes externas fiables, empregar material libre de dereitos, non escribir dun mesmo, utilizar o sentido común...

Tamén é importante falar de Wikimedia, unha organización sen ánimo de lucro que ten como finalidade animar a persoas de todo o mundo a desenvolver contidos educativos baixo licencia libre, difundíndoa globalmente. No caso de España, realizan accións tales como concurso de fotografías, proxectos libres para mellorar a plataforma, eventos culturais, colaboración académica con Universidades, etc.

Na clase interactiva levamos á práctica o dado, e modificamos unha páxina da Wikipedia. Para iso nos tivemos que dividir en parellas, crear unha conta de usuario cada unha para poder editar, e escoller un tema. O noso foi o día Nacional de Galicia. O artigo pódese consultar no seguinte enlace:

https://es.wikipedia.org/wiki/D%C3%ADa_Nacional_de_Galicia.

Para realizar a actividade tivemos que anotar nunha ficha de traballo o nome das parellas e o seu nome de usuario, o nome da páxina web que modificamos, e o seu enlace para acceder a ela.

A min resultoume unha actividade moi interesante, xa que nunca pensei na posibilidade de modificar un artigo da Wikipedia. Desde o meu punto de vista, pode ser un bo recurso para utilizar nas aulas de primaria, xa que ten numerosos beneficios para os alumnos entre os cales hai que destacar a adquisición de valores, de habilidades sociais, o desenvolvemento do espírito crítico, planificación do traballo, un vocabulario máis amplo, etc.  Ademais, considero que aos alumnos lles entretería realizar esta actividade, xa que lles pode resultar motivadora no sentido de que ven que o seu traballo é importante, e pode ser visualizado por todo o mundo.