• Blogs
  • Alba Suárez
  • Despois do Practicum III… Sexta semana de clase (13/11/17 e 14/11/17)

Despois do Practicum III… Sexta semana de clase (13/11/17 e 14/11/17)

Nas sesión á volta do Practicum III estivemos poñendo en común as nosas experiencias en canto á tecnoloxía nos centros onde estivemos e tamén se fixeron axustes en entradas anteriores desta rede social para melloralas.

Desenvolvín este Practicum na vila de Redondela (Pontevedra) no 6º curso de educación primaria e, aínda que foi unha experiencia moi satisfactoria, en canto ao emprego das novas tecnoloxías resultou moi pouco produtivo. O centro onde realicei as prácticas conta co equipamento ABALAR en 5º e 6º e este ano incorporou EDIXGAL en 5º, pero parece ser que por un “erro” desde a administración dese programa, o alumnado de 6º tamén dispón desta ferramenta.

Tiven a oportunidade de ver o funcionamento da plataforma EDIXGAL posto que a mestra titora estaba asistindo a un curso de formación e decidiu mostrarme o seu funcionamento. A pesar de que os materiais e recursos que ofrecen non son os de maior calidade, a mestra, ás veces, extrae recursos para utilizalos como material de apoio, xa que os alumnos contan co seu libro de texto.

O uso dos equipos ABALAR é cada vez menor dado o deterioro que sofren algúns equipos, xa que rematou a súa garantía e agora será o centro o que teña que asumir os custos das reparacións. Por outra banda, os equipos son cada vez máis lentos e a conexión a internet é practicamente imposible, xa que conta con pouca velocidade e satúrase constantemente. Durante este Practicum, o centro estivo sen internet 3 días a causa dos incendios que asolaron Galicia na mesma fin de semana que comezou o período de prácticas.

O encerado dixital é un recurso ao que lle saca máis partido desde o punto de vista do tempo de uso: isto é, moitas veces serve para corrixir os exercicios proxectando a solución nela, xa que realizalos na propia pantalla é practicamente inviable, posto que se descalibra constantemente. Basicamente, fai a mesma función que o encerado convencional pero dun xeito máis rápido e dinámico.

En resumo, o centro conta co equipamento necesario para utilizar a tecnoloxía nas aulas pero opta por non facelo de xeito xeneralizado debido aos problemas que provocan na aula, xa que o tempo de aproveitamento real é moi escaso e unha soa mestra, con 21 alumnos/as teno moi difícil para solucionar os problemas dos equipos e, mentres trata de facelo, a clase adoita descontrolarse. En definitiva, o proxecto ABALAR neste centro ten apenas unha implantación real, aínda que si é certo que os ordenadores úsanse en momentos puntuais e o encerado dixital serve de apoio visual aos alumnos/as.