Competencia dixital

Nun espazo virtual onde ademais de consumir a información tamén a podemos crear, compartir e máis interactuar con outras persoas dende calquera parte do mundo, xorde a necesidade de posuír unha alta competencia dixital, para facer un uso responsable e crítico das tecnoloxías.

Cando falamos sobre o termo competencias todos temos certo coñecemento sobre o que se trata, pero xurdiu a pregunta de se realmente o modelo educativo competencial  garante que o alumno adquira certas destrezas, coñecementos e habilidades contextualizados e que teña a capacidade de aplicalos a súa vida diaria. Analizando por riba o currículo vimos como isto non se cumpre ao cen por cen.

A competencia dixital implica utilizar de forma segura e crítica as Tecnoloxías da Información e da Comunicación para alcanzar determinados obxectivos  relacionados coa aprendizaxe, o traballo, a participación na vida real, o ocio, etc.

Moitos docentes consideran que no momento no que o alumnado utiliza un ordenador ou busca información na rede xa está traballando a competencia dixital. Isto non é mentira, pero está traballando soamente unha pequena parte da competencia dixital. Dita competencia está formada por cinco dimensións:

  • Información: relacionada con identificar, localizar, recuperar e analizar información, valorando a súa finalidade.
  • Comunicación: relacionada con comunicar en entornos dixitais, compartir recursos de forma online, participar en comunidades, etc. Esta dimensión favorece a posuír unha conciencia intercultural.
  • Creación de contido: ten que ver coa creación e edición de novos contidos en múltiples formatos (xa sexa en texto, vídeo, imaxes…), ter coñecemento sobre as licencias de uso, reelaborar contidos previos, etc.
  • Seguridade: implica a protección persoal e de datos, a pegada dixital, etc.
  • Resolución de problemas: en tanto a tomar decisións a hora de elixir o recurso dixital apropiado, resolver problemas conceptuais a través de medios dixitais, resolver problemas técnicos, etc.

Polo tanto, os docentes teñen que ter en conta estas cinco áreas e tratar de desenvolvelas todas para que o alumnado adquira unha competencia dixital global. Para iso, teñen que propoñerlles aos alumnos traballos máis profundos para adquirir estas destrezas e poder así manter unha postura crítica, segura e responsable das TIC.