3. Siemens, o conectivismo e Elio Petri

Introducimos a tecnoloxía nas aulas? Esta é a cuestión coa que abrimos esta nova semana de clase. A resposta que deducimos máis válida non é un sí nin un non, son máis preguntas: Que tecnoloxía? Con que propósito? Como?

Ante estas cuestións, a día de hoxe existen diferentes solucións e prantexamentos pedagóxicos, pero é certo que as dúas respostas extremas que comentamos no parágrafo anterior están aínda moi vivas en docentes, pais e comunidade educativa en xeral. Por un lado quen nega o uso de certa tecnoloxía nas aulas (como recentemente fixo Francia, incluso por lei co teléfono móvil). Por outro quen a acolle acriticamente, dándolle un aura de garantía da mellora da aprendizaxe que é case unha cuestión de fé. Na actualidade, penso que esta postura é coa que hai que ter máis coidado, xa que se está integrando mesmo na administración, causando que leis educativas, programas e propostas pedagóxicas xiren neste falso suposto, chegando incluso a empobrecer a aprendizaxe e facendo un uso meramente instrumental do mesmo. Venme á cabeza a imaxe dun operario manexando un robot nunha fábrica de Novara, como retrata Elio Petri en La clase obrera va al paraíso.

Fronte a estas posicións, nesta clase coñecemos o punto de vista de George Siemens e a súa "Teoría do conectivismo". O autor fala de que xa non é necesario que os nenos memoricen datos, xa que agora existe unha ferramenta que nos permite ter os que desexamos case instantaneamente e ese datos varían e cambian a gran velocidade. Se aceptamos este feito, dinos Siemens, a seguinte pregunta sería: Que teñen que facer entón? Para él, dar o paso dunha etapa de replicación a unha de creatividade e innovación. Isto pasa por empregar a tecnoloxía educativa para o noso beneficio, creando entornos que faciliten o desenvolvemento de habilidades, destrezas e da creatividade, non en recordar conceptos e repetir o coñecemento xa existente. Tamén se centra na creación de redes de coñecemento, de aí o nome da teoría, que conecta os individuos e os seus saberes e no tipo de interaccións que estes fan entre sí.

Respecto a esta teoría, o primeiro que debo dicir é que non a coñezo co rigor suficiente como para criticala. Non obstante, deume a impresión de que ten moitas eivas e si ben podo compartir o seu argumento teórico, vexo a súa implementación moi no aire. Con isto quero dicir que as consecuencias e implicacións que tería non están desenvoltas e, polo tanto, o seu impacto non son capaz de velo de maneira máis ou menos verosímil. Nesta intuición, busquei modelos prácticos para a súa implementación e o certo é que non me resultaron nada atractivos. A día de hoxe, é factible implementar esta teoría nunha aula? Teriamos que cambiar a lei educativa? Que consecuencias prácticas concretas tería? Alteraría isto "todo" (materias, horarios, contidos...)?