8. Fundido a negro

Hoxe pecho esta serie de entradas no blog sobre as miñas experiencias na asignatura. Foron semanas nas que nos empapamos de novos coñecementos, utilizamos distintas ferramentas TIC como esta propia plataforma e reflexionamos conxuntamente sobre as implicacións das novas tecnoloxías na educación.

Penso que esta asignatura ten moita utilidade dentro da miña formación como futuro mestre, xa que me aporta un punto crítico a certas filias tecnoloxicistas que xa comentei en entradas anteriores. Tocamos tanto elementos máis teóricos como software educativo específico, a didáctica nas TIC como o desenvolvemento da competencia dixital... esta diversidade de temas e puntos de vista diferentes penso que enriquece moito a nosa aprendizaxe.

Ao ser unha optativa de último ano, tamén resultou que non eramos moitos alumnos e isto facilitou o feedback e as dinámicas de clase. Creo que desfrutei moito esta asignatura porque precisamente podiamos pausarnos a comentar as cousas, intercambiar opinión e había tempo para tratar as inquietudes de cadaquén. Por un lado, isto é algo bo xa que me motivou moito coa carreira e houbo clases moi bonitas que me serviron para despois curiosear certos temas e quizáis para rematar de fixar o campo sobre o que me gustaría investigar. Pero por outro tamén me fixo sentir un pouco de frustración, xa que houbo certas asignaturas ao longo da carreira nas que tiven moito interese pero non rematei de tomar en serio nin me motivaron o suficiente precisamente porque as clases eran masivas e non daban pe a ningún tipo de intercambio.

Quero pechar esta derradeira entrada agredecendo a Fernando e aos meus compañeiros o bo ambiente que houbo nas clases e todo o que puidemos nutrirnos intercambiando coñecementos entre nós. Volverémonos a ver!