Ángela Rodríguez

Estudante de Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela

Competencia dixital para unha "sociedade rede"

Considero relevante adicar unha entrada no blog a un dos temas tratados na aula que, polo de agora, máis me chamou a atención: a Competencia Dixital. Pero antes… que se entende por “competencia”? Que significa ser “competente”? 

Pode definirse o termo Competencia, tal e como recolle Cristina Conde no seu blog "Pedagogía", como a potencialidade de ser realmente eficiente nunha tarefa dadas unhas circunstancias concretas; así como o conxunto de saberes: saber facer, saber saber, saber ser e saber convivir cos demáis. Do mesmo xeito, considérase a unha persoa competente si é capaz de afrontar, dadas as habilidades adquiridas ao longo da vida, novas tarefas ou retos que supoñan ir máis alá do aprendido ata o momento. 

Unha vez entendido o significado do termo Competencia... que é a Competencia Dixital? Son numerosas as definicións que se atopan na rede en referencia a este concepto. Porén, decidín escoller aquela que, opino, máis se adapta á miña visión do termo, así como ao falado durante a exposición de aula: “A Competencia Dixital é unha das oito competencias clave que calquera persoa nova debe haber desenvolvido ao finalizar a ensinanza obrigatoria para poder incorporarse á vida adulta de maneira satisfactoria e ser capaz de desenvolver unha aprendizaxe permanente ao longo da vida”. Así é definida segundo as indicacións do Parlamento Europeo sobre competencias clave para a aprendizaxe permanente. 

Na actualidade, a Competencia Dixital desempeña un papel esencial na nosa, cada vez, máis dixitalizada sociedade, convertíndose nunha ferramenta indispensable de cara á participación significativa nesta nova realidade do século XXI.

Esta nova competencia, tan necesaria nos nosos días, require de coñecementos relacionados coa linguaxe específica básica, conleva coñecementos das principais aplicacións informáticas, e supón, tamén, o acceso ás fontes e ao procesamento da información. Cabe facer unha mención especial á importancia que supón ser conscientes dos dereitos e das liberdades que asisten ás persoas no mundo dixital.  

A adquisición desta competencia precisa, ademáis, de actitudes e valores que permitan ao usuario adaptarse ás novas necesidades establecidas polas tecnoloxías. Trátase, como se menciona na páxina web do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, de desenvolver unha actitude activa, crítica e realista de cara ás tecnoloxías e aos medios tecnolóxicos, valorando e analizando os seus puntos fortes e débiles, así como respetando en todo momento os principios éticos no seu uso. 

Para un axeitado desenvolvemento da Competencia Dixital, é preciso o tratamento de diversas destrezas relacionadas cos seguintes puntos: a información, a comunicación, a creación de contidos, a seguridade e a resolución de problemas. Estes cinco aspectos mencionados son recollidos no Proxecto DIGCOMP.

O proxecto DIGCOMP iniciouse en decembro de 2010, liderado por Anusca Ferrari, e co obxectivo de identificar as claves necesarias (coñecementos, habilidades e actitudes) para ser “dixitalmente competente” e así poder elaborar un marco de referencia a nivel europeo para ditas competencias”, tal como publica Mikel Niño no seu blog.

Os diferentes aspectos referentes á competencia dixital neste proxecto son agrupados en 21 competencias, divididas todas elas en 5 áreas, que son as indicadas anteriormente: Información (navegación, busca e filtrado de información; evaluación de información; almaceamento e recuperación de información), Comunicación (interacción a través de tecnoloxías; compartición de información e contidos; implicación en procesos online para a cidadanía; colaboración a través de canles dixitais; “Netiqueta”; xestión da identidade dixital), Creación de contidos (desenvolvemento de contidos; integración e reelaboración; copyright e licencias; programación), Seguridade (protección de dispositivos; protección de datos persoais; protección da saúde; protección do medioambiente), e Resolución de problemas (resolución de problemas técnicos; identificación de necesidades e respostas basadas na tecnoloxía; innovación e creatividade usando a tecnoloxía; identificación de brechas nas competencias dixitais).

Para finalizar, destacar a importancia de desenvolver a Competencia Dixital no sistema educativo, o cal require unha correcta integración do uso das TIC nas aulas, así como que os docentes posúan a formación e información necesaria en dita competencia. Este último factor é, sen dúbida, fundamental.

En definitiva, e a modo de conclusión, recalcar a importancia de ser competentes dixitalmente nesta nova era, sendo para elo imprescindible o desenvolvemento dunha cultura dixital na aula, de cara a conseguir unha sintonía entre o sistema educativo e esta nova “sociedade rede” na que estamos a vivir.

DOCUMENTOS EMPREGRADOS:

Conde, C (2007, decembro 28). Competencias ¿qué son las competencias? [Entrada de blog]. Recuperado de http://www.pedagogia.es/competencias-que-son-competencias/

Niño, M (2014, maio 7). Proyecto DIGCOMP: un marco europeo para las competencias digitales [Entrada de blog]. Recuperado de http://www.mikelnino.com/2014/05/proyecto-DIGCOMP-marco-europeo-para-las-competencias-digitales.html 

https://www.mecd.gob.es/educacion/mc/lomce/el-curriculo/curriculo-primaria-eso-bachillerato/competencias-clave/digital.html