As TIC nos diferentes ámbitos da pedagoxía.

Hoxe gustaríame falar aquí das charlas que tivemos o martes pasado na clase, cando viñeron tres pedagogas que traballan en diferentes ámbitos: unha delas era orientadora nun instituto (Lola); outra, deseñadora de videoxogos (Silvia); e, por último, unha traballadora dun centro de menores (Raisa).
 

A primeira en contarnos a súa experiencia como pedagoga foi Lola, orientadora do IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela. Con ela volvemos a falar de algo ao que se fai moita referencia na carreira, a orientación nos institutos.

Pero, no seu caso chamoume a atención todo o traballo que se desempeña, tanto dende orientación, dende o instituto ou dende o barrio de Fontiñas. O traballo que realiza Lola como orientadora deixoume impresionada, pois, ademais de realizar numerosos proxectos e programas como o Mercadillo Solidario, Promociona, Proinfancia ou Mellora, manteñen unha colaboración constante co barrio. Lola falounos das Xuntanzas de Barrio, que persoalmente non coñecía.

Con respecto ao tema das novas tecnoloxías, comentounos que no seu caso eran fundamentais para a comunicación ou a difusión, pero que despois non tiñan un uso moi salientable, xa que nin no colexio dispoñían dalgunha páxina a maiores do que é a páxina do IES.

A pesares disto, si se planteou algo que me pareceu de interese, que foi o debate sobre os móbiles nas aulas. Agora mesmo os móbiles están prohibidos totalmente e o seu uso supón un castigo.

Dende os teléfonos temos acceso a dicionarios, buscadores, tradutores, etc, que poden ser moi útiles de vez en cando nas aulas.
Que opinades vós sobre isto? Deberíanse prohibir totalmente ou permitir que se usen se é de forma xustificada?

A seguinte charla foi a de Silvia, deseñadora de videoxogos e material didáctico. Seguramente esta foi a que máis me chamou a atención, porque poucas veces escoitara falar sobre este ámbito de traballo e non coñecía case ningún aspecto del.

Neste ámbito as TIC son fundamentais e imprescindibles para a maioría dos pasos (buscar, seleccionar e analizar, organizar, saber compartir e transformar ou construír a información).


Por último, Raisa falounos sobre a súa labor no centro de menores Príncipe Felipe e tamén sobre as súas experiencias nalgunha casa de acollida.

En canto as TIC, Raisa comentounos que o seu uso é escaso, pois os recurso dos que dispoñen son moi poucos. Porén, segundo a súa experiencia, pode afirmar que os nenos funcionan moito mellor cando traballan coas tecnoloxías e están moito máis motivados.

No centro de menores os teléfonos móbiles están prohibidos, para evitar problemas. Esta prohibición conleva que algúns rapaces que viven moi lonxe das súas familias e que non as ven, soamente poidan falar un día á semana con eles. Volve aquí o debate sobre o uso dos móbiles. Raisa informounos de que o equipo formativo ten falta de formación neste ámbito, o que xera un medo que acaba producindo rexeitamento e, á súa vez, a prohibición.
 

Tanto no caso do instituto como do centro de menores, os móbiles están prohibidos, pero, baixo o meu punto de vista, un uso adecuado podería propiciar moitas cousas positivas.

Por isto eu pregúntome: Debemos prohibir os teléfonos para evitar todos os aspectos negativos que conlevan ou poderíamos intentar educar aos máis novos para que os usasen con responsabilidade, explotando así, todos os seus aspectos positivos? É a falta de coñecementos dos formadores a razón pola que se prescinde do seu uso?
 

Comentarios

  • Carla Codeseda

    Boas Uxía. Claramente, baixo o meu punto de vista, se se ensinara a usar de maneira productiva y controada os aparellos electrónicos non habría razón algunha para prohibilos. Incluso penso que esta prohibición fai que os menores pensen nos móbiles, por exemplo, como algo non arraigado nin necesario para o sistema educativo, idea inculcada pero totalmente errónea. Non sei que pensas ti.

  • Andrea Balseiro Ferreiros

    Moi boas Uxía!

    Estou totalmente a favor da túa reflexión final, na cal deixas ver o teu interese acerca dun uso adecuado das tecnoloxías.

    Baixo a miña opinión, como todo na vida, sempre que se leve a cabo un uso correcto e non abusivo acerca de algo, este non ten porque ser malo nin resultar ser perxudiciual, pero claro, paras iso hai que levar a cabo certa concienciación sobre a sociedade e certo traballo de coñecemento acerca do tema que estamos a falar, neste caso, as novas tecnoloxías, invitando deste xeito as novas xeracións a que lle saquen partido a isto do que poden gozar, pero sempre que se use con cabeza.