Xestionando o caos

Na Rede existen miles de fontes de información e ferramentas dixitais que podemos consultar e utilizar, para crear e compartir información.

Un dos buscadores por referencia é Google, o máis empregado por todos, pero como funciona este buscador?

No seguinte vídeo Matt Cutts, un enxeñeiro do grupo de calidade de Google, fala do que acontece cando se realiza unha busca na web.

A infoxticación é un fenómeno que xorde da inclusión das novas tecnoloxías no noso día a día, no que a cantidade de información que recibimos satúranos e supéranos. Recibimos moita información, pero esta non sempre é de calidade nin chegamos a profundar nela. Temos case calquera coñecemento a golpe de click. Pero isto, ás veces, tamén pode ser un problema, debido en gran parte á saturación de información. Como procesar toda esta información? Que é o máis importante? Cales son as noticias ou actualizacións que máis me interesan?

Esta sobreabundancia de recursos fixo que as nosas Contornas Persoais de Aprendizaxe sexan moito máis ricas e complexas (en inglés: Persoal Learning Environment, PLE). Pero que é un PLE? É o conxunto de ferramentas, recursos, actividades, comunidades, servizos, fontes de información, etc. empregados para a xestión da aprendizaxe persoal. A creación e xestión dun bo PLE permite atopar, seleccionar, organizar, producir e compartir información ou coñecemento.

Tiña escoitado falar do termo curación de contidos, pero tampouco sabía con exactitude a que se refería. Provén do inglés, content curation, e se o aplicamos ao mundo da internet e os medios sociais consiste no proceso de filtrar, agrupar e compartir toda a información provinte destas fontes para quedar coa mellor, a máis completa e a que máis nos pode interesar como usuarios. Na segunda sesión interactiva falóusenos dunha ferramenta para curar contido, Scoop.it (nunca escoitara falar dela), na cal nos rexistramos e puidemos navegar un pouco.

A miña experiencia utilizando algunhas ferramentas para crear Contornas Persoais de Aprendizaxe, non é extensa. Aínda que na materia de Documentación e Información Educativa (cursada en 1º de carreira), ben é certo que empregamos Symbaloo e Netvibes. Symbaloo caracterízase por agrupar as ferramentas dixitais segundo os meus criterios, e por outra banda Netvibes é como un escritorio virtual para organizar widgets, páxinas web, RSS, etc. Ofrecendo tamén a posibilidade de compartir información. Cursando outros estudos, tiven a oportunidade de usar Edmodo, a cal serve para a creación de aulas virtuais; formar grupos, tarefas, etc. así como para a xestión do progreso dos alumnos. Para facer presentacións de traballos empregamos, a meirande parte das veces, Prezi.

No artigo Gestionando el caos a través de mi PLE escrito por balhisay, explica cales son as fontes de información que revisa con regularidade. Das que el menciona, só son coñecedora de Scoop.it, e as alertas de Google. E en canto a Twitter, agora xa non o emprego. O segundo paso no seu proceso de xestión da información é filtrar os contidos, se ben non coñecía moitas das fontes de información que foi mencionando, neste apartado, só podería dicir que me soa Delicious, pero nunca o empreguei. E por último menciona a terceira etapa, na que recrea ou crea novos contidos. Algúns dos servizos que emprega para aloxar imaxes ou diagramas, Flickr o cal si o teño empregado, así como SlideShare para presentacións e Youtube para vídeos.

Como afirmaba nun post que publiquei anteriormente: “a maioría dos estudantes formámonos de forma autodidacta, a través dos nosos iguais, pero non en contornas educativas. Este sería un dos primeiros retos que deberíamos asumir de forma prioritaria”. Ninguén nos ensinou como buscar, seleccionar, organizar, crear información e a ter as nosas contornas persoais de aprendizaxe. Estas ferramentas son pouco empregadas a nivel educativo ou académico, polo cal os alumnos descoñecemos a meirande parte delas, aínda que espero que estes novos descubrimentos que vou facendo pouco a pouco sexan útiles no meu futuro.

En canto ás competencias dixitais que se necesitan para un traballo profesional como pedagogo/a, o básico penso que sería comezar pola curación de contido; saber buscar información, seleccionala e facer unha análise crítica, sabela organizar e transformar, adaptar ou construír.

No plan de estudos do Grado de Pedagoxía da USC, aparecen recollidas algunhas das competencias as cales, creo, que debería posuír un/unha pedagogo/a:

  • Asesorar sobre a integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación nos procesos educativos e formativos.
  • Aplicar os coñecementos teóricos e metodolóxicos necesarios para a planificación, programación e avaliación de accións formativas en contornas presenciais e virtuais, así como para a organización, desenvolvemento e xestión de programas e equipos educativos.
  • Deseñar plans, programas e accións adaptadas aos distintos niveis do sistema educativo, nas modalidades presenciais, semipresenciais e virtuais.
  • Asesorar sobre o uso pedagóxico dos medios e recursos educativos.

Os profesionais da educación temos un papel predominante. Agora ben, estamos preparados para abordar a educación nesta sociedade do coñecemento? Posuímos esas capacidades básicas necesarias para saber aprender e ensinar neste nundo? Realmente estamos alfabetizados, no sentido de estar preparados para ensinar na sociedade dixital?

 

Balhisay. (9 marzo 2015). Gestionando el caos a través de mi PLE. [Mensaje en un blog]. E-Aprendizaje. Recuperado de: http://e-aprendizaje.es/2015/03/09/gestionando-el-caos-a-traves-de-mi-ple/

Boada, J. (16 enero 2017). Diez herramientas imprescindibles para crear tu propio PLE. Recuperado de: http://www.aikaeducacion.com/recursos/diez-herramientas-imprescindibles-crear-propio-ple/

González, M. (13 febrero 2012). Qué es la curación de contenidos y por qué hace tan especial a pinterest. Recuperado de: https://www.genbeta.com/redes-sociales-y-comunidades/que-es-la-curacion-de-contenidos-y-por-que-hace-tan-especial-a-pinterest

Google. [Google]. (2010, marzo 4). How to search works. [Archivo de video]. Recuperado de: Youtube.

Universidade de Santiago de compostela. Grado en Pedagogía. Recuperado de: http://www.usc.es/es/centros/cc_educacion/titulacions.html?plan=13327&estudio=13328&codEstudio=12886&valor=9

Comentarios

  • Marta

    Boas noites Yolanda!

    Quería preguntarche, se ti como usuaria da rede Flickr, recomendaríasma para almacenar imaxes entre outras cousas? Xa que sempre se empregan as mesmas webs e, seguramente, haxa outras mellores e que teñan máis vantaxas.

    Un saúdo.

  • Yolanda Rial

    Boas Marta!

    Antes de nada desculpa a demora.

    Como todas as cousas, Flickr ten as súas vantaxes e desvantaxes, xa que unha das súas funcionalidades é que permite facer buscas de imaxes por data, etiquetas ou ben por licenzas de Creative Commons, entre outras. Sen embargo Flickr foi adquirida por Yahoo no ano 2005, e vendida o ano pasado á empresa Verizon, pero co crecemento de Instagram e outras redes sociais orientadas á imaxe, a plataforma perdeu moito terreo. Ademais, cabe destacar que esta foi vendida fai un mes á firma de almacenamento de imaxes SmugSmug; en principio teñen a intención de mantela como unha comunidade independente e darlle máis recursos e atención da que recibiu por parte de Verizon.

    Deixoche aquí un enlace da noticia por se queres botarlle unha ollada:

    http://www.redusers.com/noticias/fin-una-flickr-adquirida-smugmug

    Un saúdo!

     

     

     

  • Marta

    Moitas grazas pola resposta Yolanda, moi interesante a noticia.

    A partires de agora contemplarei empregar Flickr como unha das ferramentas para aloxar imaxes e diagramas, aínda que, que entre as desvantaxas, se atope que as imaxes perdan calidade, bótame un pouco para atrás.

    Un saúdo compañeira!