Comezando de novo

Por VanesaPais

 

Nesta segunda etapa da materia de Tecnoloxía Educativa, comezamos dando conta das características que son propias da sociedade da información e do tipo de coñecemento que pode albergar (aberto ou pechado). Algunhas das características que foron saíndo durante a hora de clase foron: sobreinformación,   fácil acceso, desigualdade, interconexión, I+D...; o que nos indica que a sociedade do coñecemento ten vantaxes e inconvenientes para aquelas persoas que facemos uso das diferentes ferramentas tecnolóxicas. Ademais, cada unha de nós elaborou en parellas unha definición propia de Sociedade do coñecemento: “A sociedade do coñecemento avoga polo I+D dun mundo global interconectado, o que fai que nos expoñamos a unha desprotección dos diferentes ámbitos da vida social”.

Falamos dun mundo global interconectado xa que hai un continuo intercambio e xestión de información, algo fundamental para os procesos económicos da nova estrutura social,  é dicir, estoume a referir ao Paradigma da rede, concepto do cal eu era totalmente descoñecedora. Este termo implica todo unha transformación nas formas de traballo e de intercambio de datos, xa que ao contrario que pasaba co intercambio de obxectos nesta nova concepción do mundo a información non desaparece senón que a empregamos constantemente. Para que este intercambio sexa posible é vital que haxa un coñecemento aberto a toda a sociedade, sen que quede restrinxido a un único grupo de persoas, xa que a riqueza do coñecemento está na interpretación que fai cada unha de nós dos datos aos que accedemos.