A Sociedade da Información

Por Lucía Rico

Nesta primeira expositiva logo do período de prácticas, comezamos por realizar unha choiva de ideas relacionada coa sociedade da información. As palabras que aportamos miña compañeira e mais eu foron manipulación e inmediatez, as cales tamén se relacionan entre si. Logo, englobando todas as palabras da choiva de ideas que nos fose posible, fixemos un enunciado relacionado coa sociedade da información. O resultado do noso foi o seguinte: "A sociedade da información inclúe tecnoloxías e medios que favorecen a inmediatez na transmisión de información, fomentando a comunicación e a globalización. Esta sobreinformación conleva manipulación e certos riscos, ademais de encamiñar á sociedade cara certa desigualdade e desprotección".

A continuación, vimos un vídeo sobre dita Sociedade da Información. Nel facíase un percorrido pola historia, sinalando os cambios máis importantes que foron dando lugar á aparición da era dixital. Nun principio, cambios tan sinxelos como puideron ser á invención da punta de frecha ou da machada provocaron no seu momento importantes transformacións na sociedade. Cabe destacar ademais, que para que esa transformación teña lugar, debe ser o momento histórico axeitado, cando exista a necesidade e a demanda de dito novo invento. Na Idade Media, inventouse o reloxo e con el comezou a preocupación polo paso do tempo. Posteriormente, coa Revolución Industrial, tivo lugar un cambio no tipo de produción e de consumo. Á chegada dos anos 70, chega tamén a computadora, e nace así a era dixital. Pódese falar neste momento do paradigma da rede, tendo lugar un continuo intercambio de información, e sendo moi importante tela controlada.

A sociedade xa non é de consumo, senón do coñecemento, polo cal aparecen dúas novas clases sociais: os traballadores do coñecemento e os traballadores dos servizos. Non hai, pois, un marco teórico económico que sexa válido para a actual sociedade, debido ao rápido que avanzou (e que o segue facendo). Cambiou a maneira de vivir e de comportarse dos cidadáns, e xa non é a produción o que dá a riqueza, senón o coñecemento: pasamos a ser traballadores do coñecemento.