Coñecemento libre

Por VanesaPais

Ao longo desta semana, na materia de Tecnoloxía Educativa estivemos a traballar sobre un caso práctico real, o xuízo contra Alexandra Elbakyan, acusada por dúas grandes editoriais (Elsevier e SAGE) polo roubo da propiedade intelectual. 

O labor que realizamos dividiuse en dúas partes, a primeira, ligada a busca de información sobre o caso en función da postura que asumiramos (Defensa, Acusación ou Creative Commons) e, a segunda, a recreación dese xuízo na clase expositiva. Esta segunda parte foi unha das máis interesantes, xa que todas mostramos unha actitude participativa e activa. Cada un dos grupos interactivos intentou defender o seu papel da mellor maneira posible, empregando todos os argumentos posibles para poder gañar a causa. Durante este proceso foron saíndo a luz diferentes ideas e conceptos que descoñecía, polo que dende o meu punto de vista, a actividade proporcionoume unha mellor comprensión sobre o que son os dereitos de autor, a propiedade intelectual e como isto inflúe no denominado coñecemento aberto. Non obstante, gustaríame afondar en dous termos que saíron durante a actividade e que considero que se deben ter en conta cando falamos do coñecemento aberto, estes son:

  • Copyleft: método que libera tanto un programa ou traballo como todas as súas modificacións ou extensións, pero sen implicar en ningún momento algún tipo de gratuidade. Este termo presenta unha serie de vantaxes, entre as cales destaco estas :
  1. Permítenos a todos o acceso a contidos.
  2. Promove a distribución da cultura, fuxindo da súa comercialización.
  3. Beneficia o respecto aos autores, evitando así a piratería. Ademais, permite un maior control dos creadores sobre as súas obras, investigacións...
  4. As obras baixo esta licenza poden ser distribuídas para un uso colectivo sen que supoño ningún gasto sempre e cando se respecte a autoría.
  • Copyright: refírese ao dereito dun autor a explotar a súa obra durante un certo tempo. Este concepto trae consigo as seguintes vantaxes:
  1. O autor toma todas as decisións sobre a súa obra.
  2. Os autores terán unha compensación económica por cada copia privada que fagan.

Ambos termos tamén levan consigo unha serie de inconvenientes, a maioría deles relacionados co recoñecemento que buscan algúns autores e cos intereses económicos das grandes editoriais. Pero se nos centramos nas vantaxes que cada un deles aporta para que exista un coñecemento aberto para todas as persoas, o copyleft é o que realmente axuda a un progreso do coñecemento aberto e libre. É certo que o copyleft non pode existir sen copyright, xa que serve como base legal, pero se queremos un mundo no que o coñecemento avance precisamos compartir e cooperar para crear unha riqueza cultural que estea dispoñible para toda a sociedade. Pois de que serve xerar coñecemento e obras se van estar limitadas a un grupo concreto con un certo status e poder económico?

Bibligorafía:

Free Software Funation.(2016).El sitema operativo GNU. Recuperado de: https://www.gnu.org/licenses/copyleft.es.html

Pascual Jiménez, C.(2009). Un pequeño blog sobre nuevas tecnologías. Recuperado de: 

https://curiositytmu.wordpress.com/practicas-de-clase/copyright-vs-copyleft/