Coñecemento aberto

O coñecemento pode ser aberto ou pechado, máis se queremos que este poida fluír, debe ser aberto, xa que estará dispoñible para toda a sociedade, así como aberto ao cambio e á crítica. O coñecemento aberto está estreitamente ligado ao software libre, o cal, por elección do seu autor, pode ser copiado, estudado, modificado ou empregado libremente para calquera fin por parte dos seus usuarios. Dentro deste software libre enmárcase Linux, creado con dita idea do coñecemento aberto.

Os autores das obras (ou outros titulares, como produtores, etc) teñen un conxunto de dereitos sobre ditas obras e prestacións froito da súa creación, que no seu conxunto conforman a propiedade intelectual. Estes dereitos están protexidos pola lexislación española. Cada creador ten polo tanto uns dereitos de autor sobre as súas obras literarias e artísticas.

O coñecemento aberto é o tipo de coñecemento que defenden os hackers, xa que plantexan que toda a información ten que estar aberta a todo o mundo. Para protexer aos autores da piratería á que estaban expostos, naceu Creative Commons, unha organización que promove o intercambio e acceso á cultura, sempre respectando a decisión do autor na elección dos límites que queira establecer. Desta maneira, as obras poderán ser copiadas e distribuídas, mentres se recoñeza a súa autoría e se cumpran as condicións do autor.

Enmarcado nestes termos relacionados co coñecemento aberto, realizouse na pasada sesión expositiva un xuízo a tres bandas, relacionado co caso de Alexandra Elbakyan, acusada por Elsevier e SAGE por crear o portal Sci-Hub. Ao meu grupo correspondeulle situarse como Creative Commons. O noso posicionamento foi a defensa de Alexandra, debido aos principios sobre os cales se asenta CC. A valoración do xurado no xuízo, logo de escoitar os argumetos das tres partes, foi declarar inocente a Alexandra, quedando así exenta de ir ao cárcere ou de pagar unha cuantiosa multa.

Persoalmente, podo dicir que o meu posicionamento tamén sería a favor de Alexandra e da súa plataforma, debido a que ao igual que fixo ela, apoio o coñecemento aberto e condeno o alto custo de compra dos artigos académicos. Estes elevados prezos, ademais de estar a beneficiar só a editoriais como Elsevier, frean o desenvolvemento científico e crean barreiras para os autores dos traballos publicados. Ademais, como se reivindicou en numerosas ocasións no xuízo, se a produción das publicacións se financiou con fondos públicos, sería o máis lóxico que isto se revertese na comunidade de forma gratuíta.