Ángela Rodríguez

Estudante de Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela

Innovacións nas escolas... sostible?

Como xa mencionei en post anteriores, a miña experiencia no ámbito educativo no tocante á introdución de novas tecnoloxías nas aulas non foi de todo positiva. Por esta razón, o tema da sustentabilidade da innovación resultoume moi interesante, e decidín investigar máis sobre o mesmo.

Os cambios constantes da sociedade actual son evidentes e, con eles, a introdución das novas tecnoloxías no eido educativo, unha realidade. Porén, segue habendo autores que afirman que na actualidade contamos con “escolas do século XIX, con docentes do século XX, para alumnos do século XXI”. Marcelo (2015) plantexa unha serie de cuestións en relación a isto: “por que os cambios e innovacións nas escolas teñen tan pouco impacto na calidade de aprendizaxe do alumnado? Cales son os motivos polos que, a pesar das grandes inversións económicas e humanas, as nosas escolas e aulas seguen funcionando con esquemas que noutros ámbitos sociais ou profesionais consideraríamos obsoletos?”

Como xa foi sinalado no post titulado “A tecnoloxía nas aulas... innovación?”, ambos conceptos non están ligados, pois a introdución de novas tecnoloxías non implica unha ruptura coa metodoloxía tradicional. Un informe emitido pola Universitat Oberta de Catalunya (UOC) presenta uns datos preocupantes no que respecta á integración das novas tecnoloxías nas aulas, pois case o 28% dos docentes afirma que non empregan as TIC, outro 30% que fan un uso ocasional e a porcentaxe restante que si as emprega, pero con intensidades moi diversas (Marcelo, 2015).

Aínda que na actualidade é común atopar tecnoloxías nos colexios, non o é tanto velas integradas na práctica docente. De aí a importancia do coñecemento tecno-pedagóxico do contido. De cara a integrar realmente as tecnoloxías no currículo, é imprescindible facelo tamén nas crenzas e prácticas docentes, buscando as pontes e vínculos axeitados entre estas e a tecnoloxía (Marcelo, 2015).

Un dos inconvenientes da innovación nas escolas é a súa escasa sustentabilidade. Para que se manteñan é necesaria a existencia dalgunhas condicións básicas, pois a falta de recursos, as crisis dentro dos equipos, a falta de motivación ou de recoñecemento son ameazas continuas para a innovación. 

En conclusión, a innovación non é só un concepto, senón tamén un proceso que se leva a cabo diariamente nas escolas, en maior ou menor medida. Non debemos esquecer que son moitos os docentes que están presentando e levando a cabo proxectos innovadores nas escolas galegas e españolas, co fin de mellorar a súa práctica e a experiencia educativa do seu alumnado. Porén, para que as novas tecnoloxías teñen de verdade un oco nas nosas institucións educativas, estou de acordo con Marcelo (2015) cando di que se deben revisar tanto os contidos curriculares coma as metodoloxías de ensinanza, o cal supón unha grande carga de traballo para os docentes e todos os profesionais da educación. 

Debo admitir que na aula que resultou algo confuso este tema, e que este é un dos motivos que me motivou para realizar unha entrada no blog sobre o mesmo. Porén, o documento citado na bibliografía aclaroume bastantes conceptos e atópoo moi completo respecto da temática que nos ocupa. Invítovos a botarlle unha ollada!

Documentación empregada:

Marcelo, C. (2015). Las tecnologías para la innovación y la práctica docente [archivo PDF]. Recuperado de http://www.scielo.br/pdf/rbedu/v18n52/03.pdf

 

Comentarios

  • Ángela González Villa

    Hola Ángela, pareceme moi interesante e relevante o teu post, o cal se relaciona co último que publiquei, sobre a utilización dos móbiles nas aulas, o cal te invito a ler, espero que te guste e poidas complementar as túas reflexións.

    Por outra banda, considero fundamental a introducción das novas tecnoloxías nas aulas, xa que o sistema educativo debe responder as demandas sociais e a realidade na que se atopa inmerso. Pero tal e como indicas, é fundamental saber integrar as novas tecnoloxías nas aulas, para elo é necesario un cambio metodolóxico no proceso de ensinsaza- aprendizaxe, xa que mediante a introducción simple de recursos tecnolóxicos non se logra a innovación.

    Non esquezamos que as tecnoloxías cun adecuado impulso pedagóxico son unha importante fonte de aprendizaxe, tendo en conta a motivación que producen no alumnado e as múltiples posibilidades cas que contan para o ámbito educativo e a nosa labor como pedagogos é contribuír a esa potencialidade das novas tecnoloxías na educación partindo dunhas competencias dixitais adecuadas e dun coñecemento da materia de tecnoloxía educativa.

  • Ángela Rodríguez

    Boas Ángela! Como ben dis, eu tamén opino que a nosa labor como profesionais da educación resulta especialmente relevante de cara á introducción das novas tecnoloxías nas aulas, pero non só iso, senón de cara a unha correcta utilización das mesmas con fins didácticos, favorecendo os procesos de ensinanza e aprendizaxe. Porén, para que isto ocorra primeiro debemos ser nós conscientes das potencialidades que as novas tecnoloxías aportan ás aulas, de aí a importancia da materia. 

    Grazas pola túa reflexión, pasareime polo teu post!