A tecnoloxía nas prácticas

Neste post quero compartir a miña experiencia, en relación a esta materia, nas prácticas.

O meu período de prácticas desenvolveuse no CEIP das Fontiñas (Santiago de Compostela), no Departamento de Orientación, onde tiña como titora a unhas das tres pedagogas terapéuticas das que dispoñían. Unha vez alí intentei poñer en práctica todos aqueles coñecementos que fomos adquirindo ao longo da carreira e, concretamente, aqueles que demos nesta materia, por iso neste post centrareime naqueles aspectos orientados e relacionados coa tecnoloxía.

O centro dispoñía de ordenadores en todas as aulas e salas de titorías, os cales maioritariamente usábanse para presentacións explicativas en PowerPoint dirixidas ao alumnado de primaria, mentres que en infantil era máis común empregalos para poñer debuxos ou cancións as rapazas e rapaces. Puiden observar isto debido a que había horas nas que quedabamos reforzando dentro da aula ao alumno que o precisaba e, polo tanto, co resto da clase. Cabe destacar, que pese a ter recursos tecnolóxicos a súa disposición como os xa mencionados ou as pizarras dixitais, o máis común era dar as clases da forma tradicional.

Poren, cando sacabamos ao alumno da clase para darlle unha sesión individual observei que a pedagoga facía un maior uso das tecnoloxías abarcando os ordenadores, tablets ou o seu propio móbil. Por exemplo, a tablet usábaa cunha rapaza con hemiparesía do lado esquerdo para axudarlle a mellorar a mobilidade, sobre todo do lado máis afectado, mentres que o móbil utilizábao cun neno de infantil con síndrome de Asperger para ensinarlle fotos, por exemplo, do que fixo no fin de semana e incentivar a conversación.

Non puiden presenciar ningún tipo de actividade ou taller dirixidos a un maior e mellor uso das tecnoloxías para todo o alumnado durante a miña instancia alí, pero si que me destacaron que unha gran parte de mestras e profesionais do centro acudían a un curso de robótica que se impartía pola tarde-noite no colexio, e o cal conformaba unha das actividades extraescolares propostas dende a ANPA para os alumnos de primaria e familias. Quero destacar que para o próximo curso esperan que lles chegue, coa axuda da Xunta de Galicia, un BeeBot, un robot educativo programable para educación infantil, algo que me chamou a atención debido ao pouco uso que lle dan aos demais aparellos tecnolóxicos pero que me parece unha iniciativa moi interesante para poder falar de “tecnoloxía educativa” neste centro.

Na miña opinión, no centro empréganse as novas tecnoloxías maioritariamente por parte dos docentes máis xoves, xa que as usan máis a diario e teñen un mellor coñecemento sobre elas. En conclusión, foi unha experiencia moi boa con respecto a miña formación profesional e persoal.