• Blogs
  • Laura
  • O coñecemento aberto, Copyleft e Creative Commons

O coñecemento aberto, Copyleft e Creative Commons

A segunda clase interactiva e expositiva, logo das prácticas, foron dedicadas a preparar e levar a cabo, respectivamente, o xuízo ficticio (baseado nun caso real) no cal Alexandra Elbakyan é acusada polas editoriais Elsevier e SAGE por delitos de piratería e por infracción dos dereitos de autor. Os dous primeiros CLIS ocupáronse da acusación e da defensa, mentres que o CLIS 3 púxose no lugar da organización Creative Commons, os cales optaron por defender a acusada. Eu mesma, xunto con outra compañeira, formamos parte do Tribunal e ambas decidimos que Alexandra non era culpable xa que coa súa páxina web avogaba polo libre acceso a cultura e o coñecemento ademais de facer fronte a mercantilización. Quero destacar que me pareceu unha actividade moi curiosa e diferente coa que afondar nos conceptos que xa traballamos en clases anteriores e abordar e adquirir outros novos.

O coñecemento aberto é un abanico que lle ofrece a todo o mundo unha libre distribución, uso, copia e modificación de calquera investigación ou información. Isto é unha innovación que beneficia ao ámbito educativo ofrecendo materiais de forma libre e aberta a educadores, estudantes e/ou investigadores permitindo o seu emprego e a súa reutilización na ensinanza e na investigación.

Logo das explicacións na clase e de buscar pola miña conta sobre este tema, penso que o coñecemento aberto é unha aposta por un pensamento máis crítico, beneficiando a diversos ámbitos como o científico ou educativo, xa que permite que a información flúa e que o coñecemento chegue a todos libremente. O software libre é un termo moi asociado a isto, xa que beneficia e axuda a promulgación do coñecemento dándolle a liberdade de usar, estudar, distribuír ou mellorar aos seus usuarios.

Descoñecía outro termo ao que se fixo referencia nas clases, o Copyleft, unha licencia que permite usar, modificar e redistribuír unha obra sen que o autor perda a súa autoría. Isto beneficia tanto ao autor como a comunidade, xa que o primeiro non perde en ningún momento a súa obra a vez que chega a máis persoas e faise unha maior distribución da cultura e do coñecemento, evitando a mercantilización. O Copyleft nace como unha alternativa ao Copyright, aínda que o primeiro non se pode dar sen o segundo.

Tamén se fixo unha gran mención a Creative Commons, unha organización sen ánimo de lucro que lles permite compartir aos autores o seu traballo mediante licencias libres dándolle a oportunidade a o resto da xente a que as empregue... isto mostra a aposta que se fai pola ciencia, o coñecemento e a cultura que navega por Internet; a vez que opta polo Copyleft e, polo tanto, mostra diferenzas en canto o Copyright.

Paréceme moi importante tratar estes temas e dar a coñecer todas as alternativas que hai fronte as editoriais e a comercialización, xa que o coñecemento non pode ir ligado ao diñeiro e a lucrarse del, senón a poder compartilo e empregalo para ter unha sociedade máis avanzada e libre.