Ángela Rodríguez

Estudante de Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela

Recurso audiovisual... recurso didáctico?

Logo de realizar o proxecto e o vídeo correspondente ao mesmo, creo que é o momento de falar da linguaxe audiovisual e do papel importante que esta pode desempeñar nas aulas. O medio audiovisual está cada vez máis presente no uso cotiá do alumnado, podendo acceder a través dos móbiles e tabletas a milleiros de recursos audiovisuais que, como xa fixen mención en post anteriores, poden atoparse moitos deles en Youtube.

Para as persoas máis novas, a linguaxe multimodal, como se di na páxina web Aika (2017), forma parte da súa comunicación diaria, pois abunda o uso de selfies, MEMEs, gifs e todo tipo de imaxes e vídeos a través das redes sociais.

Cada vez máis, o alumnado convértese non só en consumidor, senón en produtor audiovisual, dando así lugar ao termo “prosumidor”. Actualmente, existe numerosas aplicación, e cada vez están máis en auxe, para a realización de mensaxes multimodais.

Na aula, a utilización deste medio permite abrirse ao campo de linguaxes múltiples: palabras, música, diálogos, efectos sonoros, imaxes en movemento, transicións...  Nacen, con este obxectivo, novas plataformas de recursos educativos, que implican novas formas de relacionarse cos contidos, tales como os MOOC, os cales mencionaba no post anteiror.

Pódense destacar dez vantaxes da introdución do audiovisual na ensinanza (Aika, 2017): unha mellor observación da realidade; facilita a comprensión e a análise; proporciona un elemento de motivación e atractivo para os estudantes; introducir na educación múltiples linguaxes e alfabetizacións; mellorar a eficacia das actividades docentes; facilitar a aprendizaxe da escritura audiovisual; potenciar as habilidades mediáticas ea creatividade; estimular o emprego e acceso a bancos de recursos compartidos; favorecer a consideración do patrimonio audiovisual; e permitir a introdución de criterios de valoración estéticos e creativos.

Non debemos esquecer que un recurso audiovisual adquire a calidade de recurso educativo sempre que fora deseñado cunha finalidade didáctica. Ademais, o coñecemento dos docentes, que lles permita un uso didáctico axeitado  dos recursos audiovisuais, é sumamente importante.

Persoalmente, opino que os recursos audiovisuais na aula son un gran potencial de cara a adaptarse aos novos tempos e a empregar unha metodoloxía nova que permita ao alumnado  potenciar a súa motivación e todos os coñecementos que, como nativos dixitais, foron adquirindo dende os primeiros anos da súa vida.  Porén, non debería empregarse tan só, como se fai na maioría dos casos, como un instrumento que apoia a metodoloxía tradicional, pois perdería así o seu carácter innovador; debendo ser un protagonista máis do proceso de ensinanza e aprendizaxe.

Documentación empregada:

Audiovisuales en el aula (2017, maio 24). Aika. Recuperado de : http://www.aikaeducacion.com/tendencias/audiovisuales-en-el-aula/