O uso do audiovisual como ferramenta pedagóxica

Por unha banda gustaríame falarvos da realización do noso proxecto, que por certo, se queredes podédesvos pasar polo perfil da miña compañeira Marta Rey, para botarlle unha ollada.

Como algúns xa saberedes polo vídeo que colgamos en Vimeo, o tema elixido para o noso proxecto (Des)conectad@s foi a integración das novas tecnoloxías na terceira idade nun centro social de maiores dun concello rural do interior de Galicia, o cal ten unha poboación envellecida. Pareceunos que este ámbito contaba cun plan TIC moi pobre, e ofreceunos varias ideas para poder paliar algunhas das súas necesidades.

Para a realización deste proxecto, empregamos como modelo o relacional, xa que consideramos que era o máis axeitado. Este concibe a tecnoloxía como unha práctica social e cultural que implica novas formas de relacionarse. A unión da tecnoloxía e persoas, coñecementos, métodos, ferramentas e organización, existindo unha especie de feedback entre estes elementos.

Unha vez elaborado o proxecto, o seguinte paso era plasmalo nun vídeo: todo un reto! Había que encontrar a idea de como enfocalo, buscar a forma de ser algo orixinais e non aburrir... Como algo relativamente tan simple nos pode dar tanto traballo?

Por outra banda, este post contén algunhas reflexións xerais acerca da utilización do vídeo como ferramenta pedagóxica nas aulas.

Nos últimos tempos, o uso do vídeo ou de recursos audiovisuais na aula convertéronse nunha práctica común. As facilidades que a tecnoloxía brinda actualmente non só fan máis accesible o recurso, senón que ademais permite unha gran variedade de posibilidades.

Só basta ter acceso a unha computadora, un canón proxector ou unha pantalla. O anterior permite que moitos docentes empreguen material audiovisual. Visto así, a relación con este tipo de material parece case natural, pero a pesares de ter todas as facilidades nomeadas anteriormente, aínda son poucos os docentes que empregan este tipo de medios e viven ancorados nas presentacións de power point ou nas clases maxistrais.

O uso de produtos audiovisuais na aula, permiten abordar temas de forma que poidan resultar máis próximos ao alumnado, ou que poidan converterse en formas de exemplificar -nas clases de Tecnoloxía Educativa, tanto nas sesións expositivas como interactivas empregábase moito este recurso-.

A modo de recapitulación o audiovisual converteuse nunha ferramenta útil de amplo uso, como apoio. As historias narradas, a proximidade do medio ao alumnado, a facilidade de engancharse co visto na pantalla, fai que sexa apreciado.

Sen embargo, antes de optar por empregalo débese ter en conta que a elección e selección do material a utilizar debe ser un procedemento coidadoso. Isto permite identificar o valor dese material e a súa relación coa materia. É preciso pensar no produto audiovisual como elemento complementario, e non como un substituto.

E que mellor maneira de unir os dous elementos citados anteriormente, a temática do noso proxecto e o elemento audiovisual:

 

 

 

 

Referencias bibliográficas:

Dettleff, J. (2012). Estrategias del uso del audiovisual como apoyo pedagógico en las aulas. En Blanco y Negro, 3(2), 30-37.