As TICs na Terceira Idade

Facendo unha referencia ao proxecto (Des)conectad@s de Yolanda Rial e meu, gustaríame facer unha reflexión acerca do emprego das novas tecnoloxías na terceira idade.

Como ben vos contei,  realicei as prácticas en ATEGAL, unha Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos. En dito centro, as novas tecnoloxías estaban completamente integradas no centro, polo que non detectábamos ningún tipo de necesidade aparente. En ATEGAL contan con clases de informática en diferentes niveis, clases de Smartphone e tabletas, e o proxecto NeuronUp, que consiste na estimulación cognitiva coa axuda das TICs.

Debido a que non atopábamos ningunha necesidade, cambiamos de centro, e escollemos un centro social de maiores dun concello rural do interior de Galicia, cuxa poboación é maioritariamente envellecida. En dito centro contaban con clases de informática, pero considerábamos que as necesidades non estaban cubertas.

Para a realización do proxecto, escollemos o modelo relacional, porque consideramos que é o máis axeitado, xa que concibe a tecnoloxía como unha práctica social e cultural que implica novas maneiras de relacionarse. A unión da tecnoloxía e persoas, coñecementos, métodos, ferramentas e organización, existindo unha especie de feedback entre estes elementos.

O envellecemento da poboación é un feito real. O aumento da esperanza e vida, acoutamento da vida laboral e a xubilación anticipada son as razóns principais para o crecemento deste sector. Co auxe das novas tecnoloxías, o distanciamento deste sector coa sociedade parece aínda maior.

O distanciamento deste colectivo coas tecnoloxías, pode deberse a que descoñecen a utilidade destes dispositivos, a complexidade no emprego por medo a que poden meter a pata a hora de usalas, o prezo das novas tecnoloxías que pode resultar dificultoso, así como a exclusión da terceira idade na sociedade de consumo, na cal non se fomenta que estes produtos tamén van dirixidos a este colectivo, xerándolle deste modo un sentimento de indiferenza e desinterese cara ditos produtos.

As persoas maiores teñen que facer un esforzo maior que o resto da sociedade para adaptarse e evolucionar ao mesmo ritmo que a tecnoloxía. Deben formar parte do presente dunha maneira máis activa e visible, xa que ao sacar un maior partido as novas tecnoloxías son un dos sectores que  máis beneficios obteñen:

  • Superan os prexuízos: desta maneira demostran a sociedade que a terceira idade non é sinónimo de pasado e impide que non se aparten da vida social ao sentirse inútiles.
  • Melloran a súa calidade de vida: a tecnoloxía tamén é útil para as necesidades que poidan ter.
  • Manteñen e amplían a súa rede de relacións: o emprego da telefonía móbil, e ferramentas como o correo electrónico e a mensaxería instantánea, axilizan a comunicación cos demais.
  • Fortalecen a súa independencia: tecnoloxías como Internet favorecen a súa autonomía como persoas independentes.
  • Manterse máis activos e saudables: a saúde componse do equilibro físico, psíquico e mental, polo que a aprendizaxe de novas tecnoloxías estimula a actividade mental das persoas maiores.

 

Nos tempos nos que vivimos, esquecémonos de que os maiores son a base sobre a que estamos camiñando.

 

Referencias bibliográficas:

Cátedra Telefónica (2017). Las personas mayores y el uso de la nueva tecnología. Revista para Mayores QMayor. Recuperado de: https://www.qmayor.com/video/publicidad-mayores/