TAREFA 1: Relación do concepto de asesoramento con outras materias

Como xa dixen, con esta materia quero lograr entender moito mellor o concepto de asesoramento. Sen embargo este non é un concepto novo para min xa que traballouse noutras materias.

Xa anteriormente mencionei que nas materias cursadas na carreira de Maxisterio de Educación Primaria, non se mencionaba o termo de asesoramento porque non era o máis importante, pero nesta non ocorre así xa que este termo é un dos aspectos máis importantes na licenciatura de Psicopedagoxía.

Sen dúbida algunha, na que máis traballei o concepto de asesoramento é en “Modelos de Orientación e Intervención Psicopedagóxica”. Unha maneira de definilo é como “ proceso de construción que implica ao psicopedagogo e aos profesores dun centro que abordan unha tarea conxuntamente, proceso no que cada cal participa dende a súa formación peculiar e á cal aportan coñecementos, vivencias e puntos de vista para o logro de obxectivos compartidos. Esta implicación non debe entenderse de forma absoluta(existe ou non existe) nin comportando o mesmo para todos os participantes”.  

  Solé, I. (1998): un modelo educacional constructivista de intervención psicopedagógica. En I. Solé, orientación educativa e intervención psicopedagógica. Barcelona: ICE – Horsori. Pág. 63-64

  Reflexionando sobre o tema de que este proceso implica a psicopedagogos e profesores creo que non sempre é asi. Pensando nisto, veume á mente a miña experiencia educativa como alumna. Cando ía nas etapas educativas, especialmente no último curso da ESO e 2º de Bacharelato (antes de chegar á Universidade),aos nenos que lles custaban máis aprender ou que tiñan peores notas, eran asesorados polos profesores e polo orientador. Tamén asesoraban ás súas familias da mellor maneira posible orientándoios cara o seu futuro laboral. Mentres aos que non lles pasaba isto, non se lles prestaba a mesma atención xa que captaban mellor o que o profesor ensinaba e crían que non necesitabas asesoramento de cómo enfocar o teu futuro, cando isto non é así. No meu caso particular, aínda que máis ou menos tiña claro o que quería, consideraban que estudara o que me gustara porque me vían capacitada para facelo pero non me asesoraron e orientaron para que eu me decidise ao 100%.  Con isto quero dicir, que debe asesorarse a todos por igual, e non só aos que teñen dificultades ou problemas de aprendizaxe. Que opinades vós de todo isto? Pasouvos algo parecido?

Volvendo ao tema da relación con outras materias, en “Diagnóstico en Educación” e en “Intervención Psicopedagóxica nos Trastornos do Desenvolvemento” tamén se traballou este concepto en sentido implícito, xa que aínda que non se mencionou como tal, ía incluído á hora de realizar un diagnóstico e intervención sobre un caso práctico dun alumno con dificultades. Aquí o psicopedagogo xoga un papel moi importante á hora de asesorar tanto ao alumno, aos profesores coma as familias.

Un dos lugares nos que máis se pode ver o papel fundamental do asesoramento é nas prácticas. En 4º de Psicopedagoxía, a pesar de que foron curtas, permitíronme ver un pouco como levalo a cabo e a importancia que teñen outros conceptos ligados como, son  a colaboración, o apoio, a cooperación entre os membros da comunidade educativa. Espero que coas practicas deste ano, xunto con outras materias deste ano como “Orientación Profesional”  e especialmente en “Asesoramento Curricular a Centros e Profesores”  me axuden a ampliar o meu coñecemento sobre o concepto e a sabelo utilizar no futuro da miña práctica profesional.

 

Comentarios

  • Verónica MB

    Eu tamén considero que moitas veces a orientación e o asesoramento no ámbito educativo se centraba máis nos alumnos que aparentemente presentaban dificultades, omitindo asesoramento a outros alumnos que en teoría non o "necesitaban".

    Esta situación implica un erro por parte dos profesionais pois moitas veces ditos alumnos necesitaban o apoio deste tipo de profesionais e porén non o reciben. Por iso, vexo necesario que se traballe con tódolos alumnos, posto que cada un presenta unha serie de particularidades que necesitan ser satisfeitas aínda que nunha primeira impresión non o pareza. O mesmo ocorría anteriormente coa atención primaria ou preventiva que apenas se tiña en conta e comezábase a intervir no caso dun alumno cando xa presentaba dificultades; en lugar de previlas a unha idade temperá para evitar consecuencias peores.