Reflexionando sobre aspectos tratados na última clase

Aquí estou de novo comezando o que será a miña segunda entrada. Intentarei nesta ocasión recoller a información que considero máis importante e aquela que merece a pena destacar da última clase. Dicir que durante a sesión presencial xurdiron numerosas ideas e información descoñecida para min ata o momento, que me axudou a avanzar e a coñecer un pouco máis sobre o asesoramento.

Tras o primeiro contacto coa materia na primeira semana, agora pasamos a un segundo nivel de reflexión, onde todos puidemos aportar as nosas opinións acerca das diferentes preguntas traballadas xa individualmente e en grupo con anterioridade. Agora tras reflexionar en pequeno grupo tocáballe a quenda ao gran grupo.

Para levar a cabo e desempeñar con éxito esta tarefa, a profesora indicounos unhas pautas a seguir para analizar conxuntamente as diferentes cuestións plantexadas con anterioridade. Estas foron: que aprendemos coa tarefa?, que había de común e de diferente? O que había e non había, e os diferentes autores que xurdiron en relación co asesoramento.

Empezarei dicindo que o fío condutor de todo o traballado ata o momento, é a construción dunha identidade como asesores. Como ben se dixo na aula, este é un concepto moi enriquecedor, e por iso se debe apostar por unha identidade múltiple que nos axude a movernos en diferentes contextos e a desempeñar diferentes roles.

Tamén hai que destacar a importancia dos contextos á hora de incorporarse e integrarse nunha institución, xa que cando a pisamos por primeira vez, está claro que xa ten construída unha historia da cal nós non formamos parte. Polo tanto, para ganar a confianza de todos debemos respectar iso, e conseguir que nos acepten e nos integren. Unha vez dentro, subidos xa nese carro e a través das nosas actuacións e funcións, poderemos formar parte dese recorrido histórico.

Asesorar é pois unha tarefa moi ampla que se pode atopar en numerosos e diferentes lugares, situacións, ámbitos e contextos. Isto, remítenos a distintos tipos de actuacións que son comúns en distintos ámbitos, e diferentes noutros. Isto pódenos enriquecer, xa que afianzaremos aquelas actuacións que xa coñecemos e son comúns, e aprenderemos aquelas diferentes das cales nos poderemos nutrir e formar. É aquí onde podemos destacar o traballo colectivo do asesoramento, é dicir, trátase dunha tarefa onde as aportacións dos demais, xunto coas propias xogan un papel importante. É pois un traballo en equipo, e non só desempeñado por unha única persoa.

Outra cuestión tratada ao longo da sesión e que me pareceu moi interesante, é o feito de que o asesor traballa silenciosamente. Nunca me parara a pensar nisto e tampouco reparara en reflexionar acerca do tema. Estou totalmente de acordo en que os asesores son persoas ocultas que realizan a tarefa sen nada a cambio. Son persoas que permanecen agachadas na sombra e que se moven pola súa propia satisfacción persoal e profesional sen importarlle o protagonismo. Permanecen pois nun segundo plano.

Outro aspecto que tamén debemos ter en conta, é a maneira de enfocar o noso propio traballo. Isto é o que se coñece como horizontalidade e destaca por ser unha das peculiaridades do asesoramento. Implica a non xerarquía, o traballo de igual a igual, é dicir, a interacción cos demais para formarnos en diferentes campos. Axudarse das ideas alleas para formar o propio coñecemento. A clave pois, é enriquecerse e nutrirse das diferentes aportacións, en definitiva retroalimentarse. Para iso, utilízase o diálogo, unha das ferramentas máis importantes do asesor, unha modalidade que serve para comunicarse e intercambiar ideas e opinións.

Destacar tamén, que o traballo do asesor non é terapéutico, pero isto non significa que nalgunhas ocasións teña que dar apoio psicolóxico. Isto é proporcionar un respaldo ao asesorado para que consiga chegar á súa meta. Acompañalo en todo momento, estar ao seu lado ata ver satisfeito o obxectivo final que perseguía. Esta é outra das tarefas fundamentais do asesor, acompañar ata o último paso e axudar en todo momento. Camiñar xuntos nunha mesma dirección.

Outro aspecto a ter en conta e que tamén merece un espazo neste documento, é a prevención. Toda tarefa debe anticiparse aos problemas que poidan xurdir, para minimizar os posibles riscos.

Finalmente, destacar que a principal meta do asesor é proporcionar autonomía persoal ao asesorado, para que este sexa capaz de enfrontarse aos diferentes retos que se lle presenten ao longo da súa vida. E debe proporcionarlle competencias e pautas para que este sexa capaz de alcanzar todas as metas que se propoña ao longo do seu desenvolvemento.

Para rematar e afirmando o que xa sabía, a aula é un espazo moi enriquecedor, onde coas diferentes aportacións dos compañeiros/as, se chega a unha conclusión común, que axuda a formarnos e ampliar os nosos propios coñecementos, así como a clarificar e comprender o tema tratado.

 

Un saúdo a todos/as e ata a próxima.