Orientación vs Asesoramiento

Antes de centrarme en reflexionar sobre a clase do último día, gustaríame contestar a unha pregunta que fixo a profesora  o día anterior de clase e que aínda me quedara no tinteiro. Esa pregunta é: cal é a diferenza entre orientar e asesorar?

Para poder acercarme un pouquiño máis á realidade, para empezar a profundizar un pouco máis no tema, e para levar a cabo a miña primeira aproximación teórica, terei en conta as palabras e ideas dunha autora moi importante neste eido como é María Mar Rodríguez Romero. Como foi recomendada pola profesora, decidín indagar e buscar pola miña conta, todo o referido a este tema. Pois ben, agora limítome a mostrarvos o que puiden atopar.

Por unha banda, a orientación historicamente aparece ligada con “guidance”, unha labor enfocada preferentemente cara asuntos profesionais, aínda que posteriormente se corresponde tamén co “counseling”, un tipo de práctica que inclúe xunto a asuntos académicos o tratamento de problemas persoais. É xeralmente concibida como unha estratexia de detección, tratamento e/ou prevención de problemas de moi variado tipo, que se consideran que repercuten negativamente na aprendizaxe e a ensinanza, ou que sendo tratados mellorarán as vidas dos estudantes e outros tipos de clientela. É realizada por un profesional da educación relacionándose directamente co suxeito ou suxeitos que presentan o problema, é dicir, os estudantes, de modo que se conceptualiza como unha práctica directa.

Por outra banda, o asesoramento, procede de tres termos “consultation” e “adviser e advisory services” que aluden á consideración, deliberación e reflexión en relación con consellos, recomendacións ou suxerencias, promovidos a partir da interacción con outros suxeitos que non padecen os problemas ou as situacións que desencadea o proceso de petición de axuda ou apoio.

O primeiro deles “consultation”, utilizouse no campo da empresa, a industria e a organización, case sempre para referirse a persoas externas á institución que dan consello profesional a esta, ou aos suxeitos que pertencen a ela. O contexto con máis tradición na súa aplicación á escola, é a estadounidense. Nalgúns casos tradúcese por consultor e labor de consulta, pero o máis habitual é utilizar asesor e asesoramento. A segunda denominación “advise”, úsase sobre todo no ámbito británico e soe asignarse a papeis e órganos con función de apoio integradas no sistema educativo, nalgúns casos próximas á inspección. O terceiro termo é apoio “support”. Este termo alude á idea de axuda que conleva a labor e foi asignado á estrutura organizativa que sustenta a función, sistemas de apoios e tamén se usou para denominar á persoa que desenvolve labores de asesoramento: axente de apoio. Esta última acepción foi tamén empregada para nomear os servizos de orientación.

Dito isto, e concretando e resumindo un pouco o visto na miña busca, destacaría que os rasgos máis característicos do asesoramento son (Rodríguez Romero, 1996a):

-         É un servizo indirecto que recae sobre o profesional que trata coa clientela e non directamente sobre esta.

-         É unha interacción ou comunicación bidireccional dedicada á axuda.

-         Non limita a capacidade de elección e decisión do asesorado/a.

-         Prodúcese entre profesionais do mesmo estatus, sen diferenzas de posición e de poder.

-         Os participantes poden ser individuos, grupos ou institucións.

-         Trátanse asuntos e problemas procedentes da práctica profesional.

-         Trabállase sobre a base de acordos negociados.

-         A resolución do problema vai acompañada da capacitación para enfrontarse con éxito a problemas similares.

 

En resumo, e tendo en conta o anterior, considero que as principais diferenzas entre ambas prácticas, son fundamentalmente dúas. A primeira delas é a participación do profesorado. Mentres que na orientación se acrecentaron as distancias entre ambos colectivos, no asesoramento reducíronse, ao considerar as aportacións do profesorado como necesarias e importantes. Dende o meu punto de vista isto foi un avance, xa que supuxo considerar ao profesorado un interlocutor válido, revalorizando en todo momento o seu coñecemento. Xa non se establecía unha separación nin se apostaba polas diferenzas de posición ou de poder, senón que tiña lugar entre profesionais do mesmo estatus.

En segundo lugar, o asesoramento trata cos problemas do profesorado, mentres que a orientación céntrase nos clientes, estudantes, cunha restrinxida mediación do profesorado. Polo tanto, mentres que o asesor se dedica a tratar con profesionais cun poder similar, o orientador ten o seu principal foco de interese no cliente, principalmente no estudante. En definitiva, o asesoramento é un servizo indirecto mentres que a orientación é un servizo directo aos clientes.

Pero entre ambas prácticas non todo son diferenzas senón que tamén existen puntos onde ambas coinciden (Rodríguez Romero, 1998).

En primeiro lugar, tanto unha coma outra, están comprometidas co desenvolvemento de tácticas supervisoras que se enfocan cara a construción da identidade. No caso do asesoramento a supervisión exércese sobre os procesos de identidade profesional dos ensinantes e outros traballadores sociais. A orientación pola súa parte, enfócase directamente cara a construción das identidades do alumnado e outra clientela das institucións socioeducativas.

A segunda similitude, é que ambas son labores relacionadas co coñecemento experto, é dicir, caracterízanse polo dominio dun campo especializado de saber.

Por último a terceira coincidencia, localízase no tipo de estatus dos profesionais que teñen unha posición coordinada co profesorado, é dicir, non hai diferenzas en termos de autoridade formal. Pero as formas nas que tal estatus se despregou non son coincidentes e se no asesoramento sobresae a vontade de aproximación ao profesorado, na orientación é patente a brecha que se observa entre ambos grupos de profesionais.

En definitiva, é moi difícil establecer diferenzas entre asesorar e orientar, xa que son campos moi amplos nos que podemos atopar numerosas aportacións. Aínda así, opino que o asesoramento proporciona cousas á orientación, e a orientación aporta outras ao asesoramento. En boca de María del Mar Rodríguez Romero, son dúas prácticas que convergen pero que cada unha delas ten a súa propia historia.

 

 

 

Bibliografía:

Rodríguez Romero, Mª M. (1998). Asesoramiento y orientación: dos prácticas que convergen. En X. de Salvador y Mª. L. Rodicio (Coords.). Simposium sobre a Orientación. ¿Para onde camiña a orientación? Universidade de A Coruña: Servicio de Publicacións.

 

Comentarios

  • Verónica MB

    Grazas Silvia, pola reflexión que realizaches acerca destes conceptos. O certo é que diferenciar orientación e asesoramento resulta moi difícil xa que ambas poden adoptar funcións moi similares. De tódolos xeitos, da a sensación co que escoitamos na clase e mesmo o que ti indicas, que o asesoramento é máis amplo e complexo e a orientación máis familiar e concreto, o que me suscita a dúbida de se a orientación podería verse como unha función dentro do asesoramento. Ti que opinas?