ASESORAMENTO EDUCATIVO. SIGNIFICADOS (4ª SESIÓN)

      Nesta sesión, continuamos coa tarefa iniciada na sesión anterior: un segundo nivel de análise sobre diversos aspectos do asesoramento traballados en grupo con anterioridade. 

      Unha das preguntas sobre as que tratamos foi a de ¿qué entende por asesorar o grupo de traballo? Aquíimage saíron varios causas interesantes. En primeiro lugar, dicir que sacamos á luz os conceptos claves do asesoramento: poderiamos dicir que os términos que enchen de contido o asesoramento poden ser o de “apoio” (nun sentido profesional do asesoramento), o de “guía”, o de “toma de decisións”, “solución de problemas”, e os termos de empoderamento (axuda á capacitación doutra persoa), autonomía e acompañamento. Podemos dicir porén, que os dous piares do asesoramento son os conceptos de axuda e apoio.

      Un dos debates que xurdiron, foi acerca da discrepancia que se apreciaba nos diferentes traballos entre o asesoramento como reactivo ou como proactivo. Finalmente, concluímos que non hai discrepancias entre permanecer esperando a que se nos veña plantexar un problema (reactivo) e anticiparse ou promover situacións de mellora (proactivo). Aínda así, cremos que un asesor ten a obriga de anticiparse e debe ver as cousas non como problemas senón como posibilidades de mellora.

      A recompilación das aportacións de todos os grupos, deixa ao descuberto a existencia dos moitos enfoques que pode haber no trasfondo do asesoramento, xa que esa é a razón de que cada un entenda o asesoramento dun xeito respondendo de formas diversas ás distintas cuestións.

      No que respecta á toma de decisións, aspecto que saíu moito ao longo da sesión, dicir que o asesor non é quen as toma, senón quen induce aos asesorados a plantexarse interrogantes con visos de mellora, para que sexan eles mesmos quen decidan.

      Do mesmo xeito, foron aparecendo algunhas cuestións que podemos considerar como diferenzas entre o asesoramento e a orientación: no asesoramento non intervimos “sobre” senón que intervimos “con”, mentres que na orientación, intervimos dun xeito moito máis directo “sobre”, hai como unha xerarquía. O asesoramento pode ser tanto directo como indirecto, e a pesar de que o asesor adoita traballar con outros profesionais, pode intervir con alumnos. A este respecto, queda aberto o interrogante sobre que dá o asesoramento á orientación e viceversa. Orientación e asesoramento son dúas prácticas que converxen, pero cada unha ten a súa historia.

       Outra das preguntas sobre a que tratamos, foi a de si pode falarse da profesión de asesor/a, e a de que formación se precisa. Aquí había certa controversia entre aqueles que afirmaban contundentemente que se trataba dunha profesión, e aqueles que non o vían así. Podemos dicir, que nalgúns campos o de asesor/a é unha profesión, e noutros un rol, pero sempre é precisa unha formación específica. As intervencións do asesor esixe ser fundamentada e o asesor ten que ter unha formación adecuada. Para que realmente esta intervención sexa adecuada e eficaz, debemos reparar no feito de que cada institución ten a súa historia, e nós, como profesionais, debemos darnos un tempo para coñecela e para coñecer tamén o entorno sociopolítico no que está inserta. Nas intervencións do asesor sempre debe estar presente o contexto.

       En referencia á última cuestión, a de indagar noutras fontes de información, saíron á luz autores destacados neste campo como Rodríguez Romero, Monereo, Solé, Pozo… así como Escudero e Moreno (1992) co primeiro traballo de investigación sobre o asesoramento psicopedagóxico.

       Gustaríame rematar esta entrada con dúas frases que saíron na aula e que me parece que teñen un enorme contido e que nos poden levar tanto a unha reflexión como a cambiar a nosa visión sobre un asesor:

- “O asesor ten a necesidade de compartir e de crear”.

- “O mellor asesor, é aquel que desaparece”.