Revisión dos modelos de orientación e asesoramento

    A tarefa encomendada nesta ocasión consistiu nunha revisión dos modelos de orientación e asesoramento, para o cal consultei tanto material traballado no curso pasado en “Modelos de Orientación e Intervención Psicopedagóxica” como apuntamentos recollidos nestes momentos da materia de “Orientación Profesional”, e tras unha exhaustiva revisión dos mesmos dispóñome a plasmar aquilo que considero máis importante ó respecto.

    No que respecta ós modelos de orientación cómpre facer alusión ás diversas categorías establecidas por Bisquerra (1998). Ditas categorías son:

  •  Modelos teóricos: trátase de formulacións elaboradas polos teóricos que militan nas distintas correntes, como por exemplo o modelo Conductista, Psicoanalista, o modelo tipolóxico de Holland, o modelo de Gelatt, etc.
  •  Modelos de intervención: Distínguense os Modelos básicos de intervención e os Modelos Mixtos de intervención.

         Os modelos Básicos de intervención constitúen a unidade básica de intervención e inclúense: O modelo clínico chamado tamén counseling ou atención individualizada que supón unha intervención especializada na que o orientador asume a máxima responsabilidade no proceso de satisfacción das necesidades persoais, educativas e socioprofesionais da persoa, onde o procedemento principal é a entrevista. Ten unhas fases características que son: 1. A iniciativa de solicitar axuda xorde do cliente/ 2. Realizar algún tipo de diagnóstico/ 3. Tratamento en función do diagnóstico/ 4. Seguimento; O Modelo de programas que é un conxunto de accións sistemáticas, ben planificadas e orientadas cara uns obxectivos claramente definidos como resposta a unhas necesidades. Dito modelo estrutúrase en: 1. Análise do contexto/ 2. Formulación de obxectivos/ 3. Planificación de actividades/ 4. Realización de actividades/ 5. Avaliación do programa ; e o modelo de consulta que se trata dun proceso colaborativo de solución de problemas onde dous profesionais (consultante/consultor) comprometen os seus esforzos para beneficiar ós destinatarios respecto ós que teñen responsabilidade nun contexto de interaccións recíprocas. As súas fases de consulta concrétanse en: 1. Fase de entrada/ 2. Fase de diagnóstico/ 3. Fase de execución/ 4. Fase de saída.            

      Os Modelos mixtos de intervención son modelos aplicados que resultan dunha combinación de modelos básicos, como o modelo psicopedagóxico.

  • Os Modelos organizativos, propostas que fan nun contexto determinado nun momento dado e que poden ser, por un lado, Modelos institucionais onde as administracións públicas fan as súas propostas para todo un territorio como o modelo do MEC, o das distintas comunidades autónomas... e, por outro, Modelos particulares os cales están insertos no marco dun modelo institucional e baséanse na intervención dos profesionais. Por exemplo: centros educativos particulares, gabinetes privados de orientación, etc.

 

    En canto ós modelos de asesoramento a organizacións educativas cómpre falar de José Miguel Nieto Cano, que distingue entre:

  •  Modelo de intervención: A intervención define un tipo de asesoramento educativo baseado no punto de vista da parte asesora. É a que interpreta e define a realidade da parte asesorada determinando as discrepancias e aquelas actividades que van permitir solucionar os seus problemas, superara as necesidades ou compensar as deficiencias.
  •  Modelo de facilitación: Céntrase na perspectiva da parte asesorada, onde o papel do asesor non consiste en diagnosticar un problema e suxerir unha solución, senón en saber como axudar ó profesor para que sexa este quén diagnostique o problema e atope a solución.
  •  Modelo de colaboración: Baséase na interdependencia entre a parte asesora e a parte asesorada. A toma de decisións para resolver problemas é consensuada e exercida polo asesor e profesor en condicións de igualdade de estatus e responsabilidade compartida.  

     Pódese comprobar a través de isto que tanto a orientación, proceso de axuda dirixido a todas as persoas ó longo do seu ciclo vital para potenciar o desenvolvemento da personalidade integral, como o asesoramento, un proceso de axuda baseado na interacción profesional e orientado cara a resolución de problemas, son dous fenómenos moi importantes que forman parte da realidade educativa.