• Blogs
  • Piecitas
  • Conclusións á totalidade da tarefa primeira Que entendemos por asesorar?

Conclusións á totalidade da tarefa primeira Que entendemos por asesorar?

CONCLUSIÓN Á PRIMEIRA TAREFA GRUPAL:

¿QUÉ ENTENDEMOS POR ASESORAR?



A tarefa que a continuación presentamos en grupo, ten por obxecto a recompilación de tódalas ideas aportadas con respecto á primeira tarefa grupal que se nos foi encomendada e abordada en clase. Cremos que o feito de recoller de novo tódalas achegas é un bo exercicio para concluír no referente ao que entendemos por asesorar, os escenarios nos que se desenvolve e as tarefas que ten que desempeñar, e o conseguinte contraste de ideas iniciais coas achegas de autores no ámbito do asesoramento.



  • Os escenarios das tarefas de asesoramento

Facendo unha análise do documento que se nos facilitou e, en concreto da primeira cuestión, consideramos que na súa maioría tódolos grupos comprenderon a tarefa, xa que foron moitos os exemplos de escenarios que identificaron.

O que albiscamos con respecto ó común é que moitos escenarios se repiten entre as propostas dadas. Mentres que a diferenza que atopamos é que non sempre se emprega o concepto escenario xa que tamén se dan outras acepcións como: ámbito, campo, contexto ou situacións. En relación a este aspecto, a profesora matizou estes conceptos na clase, expoñendo que o/a asesor/a desenvolve as súas funcións nunha Institución, (neste caso o centro educativo) no que se pode encargar dun ámbito como é o da familia,o do profesorado,o do alumnado...e na que os contextos son enormemente importantes (sempre se vai dar nun contexto específico). Ademais, poñía tamén o exemplo da Institución do Ministerio de Educación no que o asesor/a se encarga dun determinado ámbito e, resaltaba que este exemplo o podíamos extrapolar porque hai elementos en común en calquera ámbito do asesoramento.

Tamén nos cabe sinalar que neste apartado as propostas non están fundamentadas en ningún autor, en xeral, pois na primeira clase a profesora propúxanos realizar unha choiva de ideas acerca de onde podería un asesor/a desempeñar o seu traballo. Foi a partir de esta cando realizamos o noso primeiro achegamento ao asesoramento e a partir do cal nos percatamos da pouca idea que tiñamos acerca desta tarefa ou do translúcida que era posto que atopabamos o asesoramento en case tódalas facetas da nosa vida( en clínicas de estética, no ámbito financeiro, xurídico, organizacións de diferentes tipos…).



  • As tarefas desenvolvidas polo asesor/a

En relación ó apartado das tarefas que desenvolve un asesor ou asesora temos que dicir que, en xeral, houbo consenso en canto ó que teñen que facer este tipo de profesionais pero para comezar, imos facer referencia, en primeiro lugar, a como comprenderon os grupos este apartado. Temos que dicir que case non existen diferenciacións na comprensión da tarefa por parte dos grupos pois, a gran maioría, realizou unha enumeración das mesmas, máis ou menos explicada. Nembargante, a única diferenciación que atopamos é que hai grupos que fixeron a enumeración en función dos diferentes ámbitos ou escenarios nos que podemos atopar a figura do asesor ou asesora, co cal, podemos entender que, a pesares de tratarse do mesmo profesional nun ámbito e noutro, este realiza diferentes funcións ou tarefas en referencia ó ámbito no que se desenvolva.

En canto ó que podemos atopar ao longo do apartado nos diferentes grupos, é dicir, o que hai en común entre eles, máis alá de repetirnos e volver a expor unha enorme cantidade de tarefas que xa foron mencionadas, destacar as seguintes como as fundamentais que debe desempeñar o asesor/a:

  • Prestar axuda e apoio á persoa ou persoas asesoradas así como a profesionais.

  • Previr calquera situación conflitiva que se poida dar no seu entorno de traballo.

  • Analizar distintas situacións, problemáticas, contextos, profesións, procesos, etcétera.

  • Informar ás persoas.

  • Proporcionar distintas ferramentas e estratexias.

  • Aconsellar.

  • Dar alternativas ou posibles solucións.

  • Deseño de accións, organización e xestión.

  • Fomentar a toma de decisións.

  • Ofrecer propostas de mellora e innovación na institución.

  • Identificación de necesidades.

  • Investigación, entendendo isto como que existe unha necesidade e obriga, por parte do asesor/a, de reciclarse e renovarse para o seu óptimo desempeño profesional.

  • Establecemento de contactos e colaboracións.

  • Busca de información.

  • Avaliación

  • Mediar ou negociar.

Tras isto, mencionar que a riqueza deste traballo non reside na realización dun compendio de todo o atopado no documento en conxunto senón, máis ben, destacar aqueles aspectos que só aparecen nalgúns grupos e analizar outros cos que podemos estar máis ou menos de acordo.

Segundo o falado na clase e polo que coñecemos ata o de agora dos asesores ou asesoras dicir que este profesional realiza unhas ou outra funcións dependendo do contexto no que se atope. Desta maneira, non realizará o mesmo un asesor financeiro que un asesor educativo aínda que si terá en conta sempre, independentemente do ámbito, as habilidades, intereses e capacidades das persoas ás que presta a súa axuda, co cal, podemos entender isto último como un punto en común- e imprescindible- entre tódolos profesionais que traballen neste campo. Nembargante, nas diferentes achegas dos compañeiros/as, atopamos un punto de discrepancia nesta figura e correspóndese co carácter da intervención do asesor ou asesora, isto é, ¿ realiza o asesor unha intervención proactiva ou reactiva?. Algúns grupos consideran que se trata dunha labor meramente terapéutica ou remedial pois creen que un asesor busca ao cliente co fin de solucionar ou mellorar un aspecto problemático ( grupo 5 e 8). Pola contra, nós pensamos que a labor do asesor ten un carácter máis preventivo que remedial ou, polo menos, debería adicar gran parte dos seus esforzos á prevención posto que este profesional atópase, polo seu saber, coñecementos e relacións co entorno, nunha posición privilexiada que lle permitirá anticipar problemáticas ou situacións conflitivas antes de que estas comecen e incluso prever necesidades de cambio e mellora. De tódalas maneiras, a pesares de que nos inclinamos cara o carácter preventivo, pensamos que, na actualidade, dito profesional realiza tanto accións de carácter preventivo como terapéuticas.

Outro aspecto no que se atopan discordancias é acerca de si o asesor traballa individualmente ou, principalmente, de forma colaborativa. Se nos ceñimos exclusivamente ao ámbito educativo, nós pensamos que se trata dun traballo de redes, é dicir, de forma colaborativa posto que todo proceso que pretenda levar a cabo o asesor, ben sexa porque solicitan a súa axuda ben porque o considera el ou ela necesario, vai ter consecuencias nun conxunto de persoas ( docentes, alumnos/as, familias,…) e, polo tanto, todas estas teñen que ser partícipes (de maneira activa) e comprometerse en dito proceso. Máis que nada porque o asesor/a no ámbito educativo ( non só esta figura senón calquera axente educativo), se non ten o apoio e axuda dos demais o seu traballo vaise a ver enormemente limitado e, seguramente, non obterá os resultados que esperaba. Dicir, ademais, que o asesor/a debe establecer relacións de horizontalidade, isto é, relacións entre profesionais do mesmo estatus, que recoñecen a súa competencia, experiencia e responsabilidade, que se apoian uns a outros, evitando a creación de xerarquías.

Máis alá das discrepancias e aspectos en comúns, gustaríanos destacar, tamén, entre todo ese conxunto de achegas unha función que pasou por alto na maior parte dos grupos e que foi exposta polo grupo doce, de maneira indirecta ao facer referencia a que o fin último do asesor/a é promover o desenvolvemento integral da persoa e polo grupo quince, de forma directa facendo referencia ó asesor como unha persoa que educa. O asesor realiza unha enorme cantidade de tarefas e funcións, ben sexa por un motivo ou por outro, pero que ten como fin último sempre a consecución da autonomía das persoas, a capacidade de toma de decisións e o análise crítico de maneira que, como di Lidia Fernánder, o asesor/a chegue un momento que teña que desaparecer porque xa non será necesario para a persoa asesorada. Todo este proceso educativo no cal a persoa vai enriquecéndose e crecendo paulatinamente caracterízase por ser continuado e contextualizado. O asesoramento en orixe, tratábase, fundamentalmente, dunha actividade puntual, descontextualizada pois era realizado a través de axentes externos ós centros e puramente remedial, actuábase para atallar o problema. Nembargante, a día de hoxe, esta tarefa foi evolucionando ata tornar nun proceso longo, continuado,a través dunha análise, intervención e seguimento e tendo en conta numerosos factores, axentes, procesos… que forman parte da situación ou problema a prever/solucionar. A razón disto, un grupo fai mención a que no asesoramento establécese unha relación triádica, isto é, entre o asesor e asesorado e o contexto. Temos que dicir que este termo non é axeo a nós, nembargante, mencionámolo porque resultounos curioso que se empregase o contexto como un dos elementos desta relación pois, ata o de agora, a relación triádica coñeciámola pola modelo de consulta pero tratábase dunha relación entre o asesor, un profesional e a persoa orientada e que, ademais, caracterízase por non ter en conta ao contexto.

En canto ás actuacións poden darse tanto de forma directa como indirecta no asesoramento. Tradicionalmente, o asesoramento e a orientación estaban estreitamente vinculados co modelo de consulta (é dicir, a través dunha relación triádica e indirecta), nembargante, esta postura reducionista destas accións debe ampliarse a outras formas de actuación, as interaccións directas de cara a cara, entre o/a asesor/a e o/a asesorado/a.

Finalmente, para rematar co apartado das tarefas, mencionar un aspecto exposto polo grupo doce, importantísimo para que o asesor ou asesora acade un máximo desempeño profesional, o desenvolvemento do principio de escoita activa posto que, a partir deste o profesional estará en disposición de extraer a máxima información do interlocutor (persoa asesorada) a través da interpretación de cada palabra e xesto. Como para nós trátase de algo esencial na figura deste profesional, imos a expor brevemente este proceso.

O proceso de escoita activa componse de seis fases:

  • Preparación: trátase da predisposición física e mental co fin de prestar a máxima atención ó interlocutor, é necesaria unha actitude positiva.

  • Posición e mirada: A persoa que escoita, neste caso o asesor/a, debe ter unha posición corporal inclinada cara adiante co fin de demostrar predisposición e interese polo que nos están contando, mantendo o respeto e a distancia así como a mirada.

  • Reforzar ao interlocutor: Reforzo positivo, asentir, silencios, expresións faciais..

  • Observar a linguaxe non verbal: Ter en conta os xestos do interlocutor, o seu ton de voz, volume, intensidade e ritmo.

  • Obter as ideas principais: Detectar palabras claves na mensaxe do interlocutor e darlle significado.

  • Retroalimentar: Realizar un resumo ao interlocutor do escoitado, demostrando que interpretamos ben todo o que el/ela quería dicir.



  • Definición de asesor/a do grupo de traballo

No referente á definición de asesorar, dende o punto de vista da comprensión adquire un gran interese, no senso en que permitiunos manifestar a nosa comprensión con respecto ao concepto “asesorar”, pois queiramos ou non, a exposición das intencións iniciais é chave para saber de qué estamos falando e se as persoas/profesionais que traballen connosco compartan as nosas percepcións e interpretacións.

Para a resolución desta tarefa, os grupos de traballo decantáronse, ou ben, por unha elección dunha ou varias definicións que compartían con algúns autores, ou outros grupos de traballo optaron por realizar ou expor unha aproximación a unha definición acerca do que entendían por asesorar. Estas dúas ópticas, deron lugar a unha maior riqueza da tarefa, pois complementábanse os nosos puntos de vista co apoio de definicións de autores/as con respecto ao tema.

A continuación, realizamos unha recompilación dos aspectos de maior relevancia con respecto á elaboración por parte do grupo de traballo con respecto ao termo asesorar.

Como aspectos comúns a todas as definicións aportadas polos grupos de traballo, destacamos o seguinte:

  • Proceso sistemático (é dicir, require dunha planificación), continuo (no tempo) e contextualizado.

  • Sempre é bidireccional, polo que vai nos dous sentidos.

  • Sempre se da un proceso diálogo, pois os/as asesores non prescriben o que hai facer, senón que se basea en acordos comúns.

  • Ten por obxecto a solución de problemas (vinculado co carácter reactivo) e/ou de mellora (ligado coa proactividade).

  • Como participantes podemos sinalar a individuos, grupos ou institucións, onde ditos participantes comparten o mesmo estatus.

Como aspectos contraditorios ou distintivos, constatamos que:

  • O carácter confidencial destas accións, onde é importante a interacción entre o/ asesor/a e a persoa asesorada.

  • A toma de decisións (vinculado coa autonomía) non se chega a un acordo se é a única finalidade (pois tamén podemos falar de reflexións, autonomía, formativa, etcétera). E de ser esta unha delas: ¿Quen toma as decisións? ¿Habitualmente son os/as asesorados/as? ¿Ou ben é o asesor/a? A toma de decisións é un dos aspectos nos que mais reside a distinción entre asesoramento e orientación.

  • Asesoramento informal. Este tipo de asesoramento está ligado co sentido amplo do termo asesoramento, que pode darse entre colegas, en amizades, etcétera.

  • Non sempre indirecto. O asesoramento vinculado con accións indirectas, vincúlase co modelo de consulta, que se caracteriza por unha relación triádica onde o/a profesional asesor non intervén de forma directa co asesorado/a.

  • Empoderamento (empowerment). Fai referencia a dar poder e a capacitación das persoas, o cal o fai cada un de nós. É dicir non falamos dunha intervención sobre (como se da no caso da orientación; p. ex.: o/ orientador/a sobre o alumnado), senón que se trata dunha intervención con, co obxecto de lograr a autonomía dos/as participantes no asesoramento.

Tralo exposto, quixéramos realizar unha aproximación ao concepto, sobre o que se pode entender como asesoramento coas achegas realizadas nas sesións de clase.

Entendemos por asesoramento un proceso sistemático (é dicir, que precisa ser planificado) de apoio, axuda, acompañamento, etcétera. Tamén dinámico (suxeito a modificacións, reformulacións de cara á optimización) e cunha continuidade no tempo, e sempre contextualizado; é dicir, que se adecúa as posibles necesidades ou posibilidades de mellora deses individuos, grupos ou institucións. As relacións que se establecen cos mesmos (individuos, grupos ou institucións) teñen certas singularidades: teñen como canle a comunicación e o diálogo bidireccional –polo tanto, falamos dunha relación interactiva nos dous sentidos-, sendo colaborativa e coordinada; falando ademais dunha relación de profesionais/persoas cun mesmo estatus e caracterizada pola horizontalidade. Pero de calquera maneira, ese traballo baséase na corresponsabilidade e en base a acordos negociados.

O asesoramento pode adoptarse dende dúas vertentes: por unha banda falamos dun asesoramento de cara a solución de problemas (é dicir, caracterízase por un carácter reactivo, actuando ante problemas que son latentes) ou, por outra banda, dun asesoramento que se orienta de cara a mellora e o cambio (é dicir, adopta unha postura proactiva, anticipándose aos posibles problemas e propoñendo melloras). Nesta segunda vertente, a labor do asesoramento vai máis alá da actuación remedial, senón que o/a asesor ten que expoñer os problemas posibles e así elaborar de forma conxunta accións de mellora.

O obxectivo desta acción asesora, ademais do vinculado coas vertentes que acabamos de mencionar debemos indicar o seguinte: Pretende servir como un proceso de axuda a eses participantes (individuos, grupos ou institucións) de cara a mellora de aspectos educativos, ou nun senso máis amplo, do sistema educativo. Trátase de capacitar (empowerment) a eses profesionais/persoas ou institucións de cara a situacións educativas similares da práctica profesional, tanto problemáticas como de mellora, ao igual que dotar de novos recursos ou optimizar os xa existentes. A nivel xeral non debemos esquecer que a súa fin última e a capacitación e autonomía deses axentes ou institucións, de tal maneira que os/as asesores/as sexan prescindibles, como xa mencionamos ao falar das tarefas destes profesionais.

Finalmente, quixéramos concluír resaltando dous aspectos. En primeiro lugar, sinalar que “Asesorar é unha parte fundamental da Orientación” –como ben entende o grupo 12- e, en segundo lugar, sinalar que a orientación é máis intervencionista (intervención sobre) e pola súa parte o asesoramento é máis suxerinte (intervención con), suxeito á reflexión, ao cambio.

 

  • ¿Pode falarse dunha profesión de asesor ou asesora?

Para rematar con esta apreciación sobre a tarefa que estivemos desenvolvendo nas sesións de aula (antes de falar de todo aquilo referente ás fontes de información), é preciso comentar algúns aspectos en relación ó derradeiro punto que estivemos traballando.

O común que puidemos observar de entre todos os grupos foi a concepción xeneralizada de que ser asesor ou asesora é unha actividade a desenvolver por unha persoa a cambio dun salario, polo que se di que é propiamente unha profesión. Ademais, existe un consenso xeneralizado sobre diversos aspectos, características, competencias e habilidades que deben adquirir os profesionais para levar a cabo a tarefa de asesorar. Así e todo, non todos os asesores precisan da mesma formación específica, senón que esta concreción formativa dependerá da área ou ámbito ó que a persoa está relegada; é dicir, non é o mesmo ser asesor fiscal, que terá que ter nocións referentes á lei e á xestión tributaria, que ser un asesor de arte ("art advisor"), unha profesión en voga que ten como labor atopar as mellores obras ó mellor prezo, como xa comentamos anteriormente.

Se extrapolamos esta explicación ó mundo que nos atinxe a nós, nin que dicir ten que un asesor en educación necesita dunhas competencias e coñecementos sobre a materia para poder desenvolver satisfactoriamente a tarefa. Como ben sabemos todos, e como se dixo na aula e se repetiu no traballo que realizamos os grupos, o/a asesor/a en educación precisa dunha formación especializada en cuestións relativas ó traballo en grupo, coñecer dinámicas, traballar a motivación, manexo de fontes de información, construír un bo clima de traballo, implicarse no desenvolvemento cooperativo, promover o cambio e mellora, innovar no seu seo, coñecer o seu entorno, etc. En definitiva, o/a asesor/a ten que axudar a dar novas ideas cando se require a súa asistencia, xa que como experto, o resto de profesionais van a reclamar da súa sabedoría tarde ou cedo.

En canto ás diferenzas que puidemos recoller é sobresaínte destacar que tan só un dos grupos crían na non existencia dunha profesión de asesor/a como tal (grupo 6). A súa argumentación remitíanos a coincidir co resto de grupos, que lle adxudica unha serie de labores específicas á persoa que exerce tal profesión. Así, non consideran a posibilidade de que exista tal profesión, pero si que se atopan con actividades que se lle encomendarían a estes individuos.

Nesta liña, cabe argumentar a nosa apreciación en relación a que non existe unha titulación como tal, a pesares de que cremos que si se da unha profesión de asesor/a. Isto é, un asesor non se forma cunha titulación universitaria, senón que se formaría como un experto ou técnico dentro do ámbito de estudio ó que está vinculado. Así, poderíase dicir, como recalca o grupo 13, que un asesor desempeña un rol asociado ó apoio e á capacitación de persoas no campo no que desempeña o seu traballo.

De forma xeneralizada vese os grupos afirman, de forma argumentada, que existe a profesión dun asesor/a, aínda que os argumentos sexan variados e interesantes. Deste xeito, fálase de que os asesores teñen que ter unhas calidades concretas e formación específica.

Algo que puidemos observar en poucos grupos foi a apreciación explícita a que a profesión de asesor/a está devaluada e carente de prestixio na actualidade. Aínda que iso sexa máis palpable en determinados postos do mercado laboral; xa que, como se dixo con anterioridade, o asesor de arte é unha profesión que goza de estatus e que se podería restrinxir a persoas de alto nivel adquisitivo.

Para rematar, é de resaltar que un aspecto diferencial que aportou o grupo 6 é que é importante ter vocación, "porque se unha persoa non dispón desta cualidade non poderá desenvolver ese traballo satisfactoriamente por moito que coñeza o ámbito". Tras un longo debate sobre esta cuestión, como grupo, consideramos que a profesión de asesor/a non é explícitamente vocacional, xa que non é unha profesión prototípica que desexes desempeñar na infancia ou adolescencia. Así pois, cremos que lle ó falar do carácter vocacional estamos ante unha persoa que realiza unha profesión por intereses propios. Deste xeito, pódese dar o caso de que algúns ou moitos dos asesores que existen non tiveran como vocación tal posto.



  • Fontes de información

Dende o grupo 5.2 destacase a bibliografía, sen facer referencia a ningún tipo de webgrafía. As obras principais que destacan como principais fontes para ampliar os seus coñecementos previos son:

Nicastro, S. y Andreozzi, M. (2003). Asesoramiento pedagógico en acción: la novela del asesor. Buenos Aires: Paidós.

Rodríguez Romero, Mª M. (1998). Asesoramiento y orientación: dos prácticas que convergen. En X. de Salvador y Mª. L. Rodicio (Coords). Simposium sobre orientación. ¿Para onde camiña a orientación? Universidade de A Coruña: Servicio de Publicacións.

O grupo 5.3 emprega e explicita definicións de diferentes autores sobre o concepto de asesoramento que consideran máis importantes ou que reflexan a súa percepción previa sobre esta temática. As definicións recollidas proveñen tanto de obras como de páxinas da rede como www.centrodeprofesorado.com.

As definicións que empregan destacan por unha banda a importancia de definir o asesoramento de maneira transversal, posto que afecta a diferentes campos da educación, dende a psicoloxía da educación ata os ámbitos institucionais. Por outra banda tamén se destaca o aspecto de colaboración e traballo conxunto, posto que non se trata dunha tarefa que se deba realizar aillada e descontextualizadamente.

Por último fan un guiño á idea de que a profesión de “asesor educativo” estará claramente identificada nun futuro non moi lexano, posto que xa existen másters que están a formar a futuros profesionais neste campo tal e como recolle este grupo. ("Master interdisciplinar en Asesoramiento Educativo", de la Universidad de Granada-IAEU).

Por outra banda, o grupo 5.4, destaca tres obras de autores recoñecidos no campo do asesoramento como Escudero Muñoz ou Solé, I. entre outros.

De seguido o grupo 5.5 realiza unha búsqueda profunda tano pola rede como en documentos e obras, para constatar como eles afirman se os “coñecementos previos eran correctos·. Como idea grupal sobre o que é o asesoramento destacan unha serie de aspectos que consideran máis relevantes como o feito de que existen múltiples escenarios de asesoramento (fóra do campo da educación) tan variados, dende asesor de marketing ata asesor inmobiliario.

Entre as fontes consultadas atópase o dicionario da RAG (Real Academia Galega) e a guía de asesores do Ministerio de Educación. Desta última, recollen información bastante interesante e útil para afondar un pouco máis sobre o asesoramento e os puntos clave que caracterizan este perfil profesional.

En resumo, recollen a idea que “o asesor debe crear un ambiente propicio para que o demandante se sinta cómodo e exprese as súas inquedanzas, abríndose ao máximo co asesor para que este poida aconsellalo mellor e da maneira máis eficiente posible. Así mesmo é moi importante a estimulación, cooperación e motivación de ambas partes para que o proceso sexa máis enriquecedor. Deberase pois, proporcionar as competencias necesarias ao solicitante para fomentar a súa autonomía,  proseguindo o camiño el só en futuras ocasións”.

Dende o grupo 5.6 empregan como obra de referencia, para elaborar a súa definición de asesoramento e constatar os seus coñecementos previos, “Asesoramiento pedagógico en acción” (2003) de onde extraen a maior parte da información para elaborar o seus propio discurso.

Outra das fontes consultadas por este grupo é a revista “Asesoramento en educación: al asesoramiento curricular” de onde extraen unha ampla definición e da que posteriormente sacan a conclusión da dificultade que supón definir o concepto.

O grupo 5.7 segue un camiño diferente dos grupos anteriores, previamente a buscar definicións ou información en libros, documentos ou na rede, comezaron por facer unha reflexión sobre cal era o seu bagaxe previo sobre asesoramento dentro das asignaturas da titulación que cursaran.

Destacaron a materia de “Modelos de Orientación e Intervención Psicopedagóxica” onde relacionaban os materiais da propia asignatura co concepto de asesoramento. Dos propios documentos desta asignatura, escolleron as definicións sobre asesoramento de autores como Solé Gallart, I., Monereo. C., (Brown, Wyne, Blackburn y Powell).

Outra das fontes que empregaron para buscar información, foi a páxina da Real Academia Galega, nembargante, a principal diferencia e aportación deste grupo, foi a consulta de material de tipo lexislativo como o Real Decreto 1224/2009 do 17 de xullo.

O seguinte equipo de traballo, 5.9, realizou unha análise conxunta das súas propias ideas xunto cunha serie de referencias bibliográficas. Consultaron unha das principais obras en materia de asesoramento, a de Jesús Domingo Segovia, 2201: Asesoramiento al centro educativo. Colaboración y cambio en la institución; da que extraeron unha gran cantidade de información, dende unha definición ata os escenarios nos que pode actuar e actúa o asesor/a (inspección educativa, orientador/a...).

Outro dos materiais de consulta deste grupo é a obra de de Parrilla. A,. “Apoyo a la escula; un proceso de colaboración”,(1996). Así como tamén empregan unha definición de Aubrey (1990) que recolle de maneira sintetica a súa perspectiva.

Seguidamente os grupos 5.10, 5.12 e 5.14 unicamente fan referencia á bibliografía e webgrafía empregada para esta tarefa. O primeiro deles, emprega as seguintes obras Lledó, A. (Cond.) (2007) La orientación educativa desde la práctica. Sevilla: Fundación ECOEM e Palazzoli, S. y otros (1993) El mago sin magia. Buenos Aires: Paidós. Tamén fan uso da seguinte webgrafía, http://antiguo.itson.mx/procesotitulacion/A1.htm

http://es.scribd.com/doc/56106844/17/%C2%BFQue-es-asesoramiento

http://www.ugr.es/~recfpro/rev121COL2.pdf

O grupo 5.12, refíren na súa aportación unha serie de páxinas web así como tamén os apuntamentos de clase da materiaOrientación Profesional de 5º de Psicopedagoxía (2012/2013). A webgrafía que facilitan é a seguinte:

http://www.monografias.com

http://dialnet.unirioja.es

O último, emprega como referencia os seguintes manuais Nieto, J.M. y Portela, A. (2006) Una perspectiva ampliada sobre el asesoramiento en educación. Revista de Educación. Nº339. Madrid: Ministerio de Educación y Ciencia.

Por outra banda, o grupo 5.15 empregou como referencia bibliográfica para construír unha idea común sobre o asesoramento, “El asesoramiento en educación” de Rodríguez Romero, M.

Das múltiples definicións que aparecían no libro, algunhas xa foran recollidas por outros equipos de traballo, polo que aportan como novidade a definición de Kadushin, 1977, p. 25.

Finalmente cabe destacar as aportacións realizadas dende o grupo 5.17 posto que non só se centraron na tarefa de buscar fontes bibliográficas senón que tamén se posicionaron como futuros asesores psicopedagóxicos formulandose diferentes cuestións a partir das cales artellaron o seu discurso.

Empregaron como referencia principal a definición de Solé (1997) recolllida tamén por outros grupos; e analizárona punto por punto para extraer unha serie de características claras que recollen as liñas principais que definen o asesoramento.

Por outra banda tamén empregaron a Rodríguez Romero (1996), posto que como grupo consideraron que lles ofrecía unha visión máis ampla sobre o termo.

En base á perspectiva destes dous autores, construíron unha pequena cronoloxía sobre o concepto de asesoramento, falando dos diferentes modelos e correntes que o conforman ofrecéndonos así unha visión diferente sobre o termo, que non se centra unicamente nunha definición, senón que vai máis alá, tentando ofrecernos unha visión xeral do termo.

Como conclusión xeral a este apartado, cabe destacar que cada grupo fixo unha aportación única e diferente. Uns apostaron por empregar unicamente fontes documentais clásicas como pode ser a consulta de libros, mentres que outros pola contra apostaron por consultar páxinas de internet; tamén houbo grupos que combinaron estas dúas modalidades para enriquecer a busca de información e tamén contribuír ó asentamento dunha definición sólida sobre o que é o asesoramento.

Tamén podemos diferenciar ós diferentes grupos en función das aportacións persoais e máis reflexivas que fixeron, existindo grupos que profundizaron bastante neste aspecto, e outros que unicamente realizaron unha exposición da bibliografía e webgrafía empregada.

No que a maioría dos grupos coinciden é na idea de que non partían moi desencamiñados cos seus coñecementos previos sobre o asesoramento pero que esta busca de información e profundización no concepto, lles serviu para coñecer cal é a dimensión real do asesoramento e da profesión de asesor/a.



  • Webgrafía empregada

http://www.escuchaactiva.com/articulo_proceso_escucha.htm (consultado o 9/10/2012)